Arrasan a mazadas a sede de Marea Atlántica

Exterior da sede de Marea Atlántica na praza do Humor CC-BY-SA Praza Pública

Varios descoñecidos arrasaron a mazadas na madrugada deste sábado a sede que Marea Atlántica ten na praza do Humor da Coruña. Os desperfectos son numeroso tanto no exterior como no interior do local e chegan tamén ao seu primeiro andar. O local foi precintado pola Policía Local e ningunha persoa ou colectivo reivindicou de momento os feitos.

Varios descoñecidos provocaron numerosos desperfectos en todo o local que a formación ten na praza do Humor da Coruña

O ataque contra o local de Marea Atlántica prodúcese despois de que o pasado xoves pola mañá a Policía Local entrase no antigo edificio da Comandancia de Obras da Coruña, ocupado desde hai ano e medio polo colectivo A Insumisa pero que nese momento estaba baleiro. Posteriormente o intento de diversas persoas de retomar a ocupación provocou enfrontamentos coa Policía Nacional. Tras eses feitos, o Goberno local da Marea Atlántica lamentou as feridas por unha carga policial que insistiu en que non ordenara el, mentres que desde A Insumisa apelouse á mobilización e apuntouse á formación política como "directamente responsable da represión e a violencia”.

Este sábado, tras coñecerse o ataque, os partidos da oposición na Corporación municipal, PP, PSdeG e BNG, amosaron a súa condena polos feitos e o seu apoio aos membros de Marea Atlántica.

O ataque afectou tamén ao primeiro piso da sede [Praza Pública]

Sede de Marea Atlántica tras o ataque da madrugada deste sábado CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.