A Xunta gasta en asesores seis veces máis do que quere aforrar en parlamentarios

Feijóo dialoga con Rueda durante o Consello © Ana Varela

A Xunta e o PP continúan decididos a levar a cabo a redución do número de deputados no Parlamento de 75 a 61. E están dispostos a facelo con ou sen consenso coa oposición, argumentando a necesidade de austeridade nestes tempos de dificultades económicas. Tal e como lembrou Praza, a eliminación de 14 salarios ou, o que é o mesmo, duns 85.000 euros ao mes, calculando á alza, suporía un aforro anual de 1,02 milllóns de euros, unha cantidade ben semellante á que o Goberno gastará nunha campaña publicitaria coa que intentará transmitir "optimismo" ante a crise económica.

As alternativas a este aforro, sen tocar o Parlamento nin a súa pluralidade, son varias e variadas. De feito, e tal e como propuxo Compromiso por Galicia e avalou o BNG, baixar un 20% o soldo dos deputados aforraría o mesmo que reducir o Parlamento. Pero hai moito máis. Un pequeno recorte aos asesores contratados polo Executivo galego sería dabondo para acadar un aforro igual ou maior ao que pretende o presidente Feijóo, que continúa insistindo na normalidade da súa proposta.

A Xunta gasta en asesores máis de 6 millóns de euros, fronte a 1 millón que supón o recorte de parlamentarios

Porque unha ollada aos Orzamentos da comunidade autónoma pon en claro as cifras. A Xunta de Galicia gasta en asesores 5,3 millóns de euros, segundo os presupostos aprobados para 2012 para o gasto neste persoal eventual. Esta cantidade, á que hai que sumar a cotización á Seguridade Social, suporía seis veces máis do pretendido aforro de pouco máis de 1 millón de euros na tesoirada ao Parlamento.

De feito, e tan só na área de Presidencia, o gasto en asesores supera os 2,3 millóns de euros, sen incluír as cotizacións á Seguridade Social. Ademais, a redución que quere impoñer Feijóo a través da redución de parlamentarios supón aproximadamente o 0,01 % do global dos orzamentos da Xunta, que para 2012 é de 9.858.500.000 euros.

Feijóo conversa con Puy no pleno da Cámara © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.