'Vivir2Veces', un documental percorrerá a traxectoria de Xosé Manuel Beiras

Xosé Manuel Beiras © OlloVivo

Un documental con Beiras. Iso é o que pretende ser a primeira longametraxe de OlloVivo, unha produtora audiovisual constituída por Pepe Coira, Jorge Coira e Gaspar Broullón. Este primeiro proxecto "libre e crítico" será construído, como aclaran, "integramente con achegas cidadás" e comeza o seu camiño co obxectivo de que o documental se estree na primavera de 2019, momento no que tamén estará dispoñible un webdoc cunha morea de material xerado durante a rodaxe. 

 O documental sobre Beiras é o primeiro proxecto da produtora OlloVivo, constituída por Pepe Coira, Jorge Coira e Gaspar Broullón

Beiras.Vivir2Veces, así se chamará o filme, abrirá un espazo en Verkami, plataforma de creación colectiva, desde onde aquela xente que queira colaborar "poderá decidir como axudar a construír o proxecto". Segundo a produtora, o documental será unha película "con Beiras" e non sobre Beiras, co que intentará repasar a súa traxectoria seguindo dúas pistas: "os lugares que mellor o identifican e as imaxes máis emblemáticas dun percorrido vital de oito décadas". Todo trenzado cunha das "actividades predilectas" do protagonista: a conversa. 

Ademais, o documental buscará tamén "o encontro con algunha da xente coa que mellor falar das cuestións que máis o incumben, desde a arte ao territorio, desde a política á casa". 

"Estaba pendente abordar nun documental algo do que é Beiras, cal é a súa vida, cales son as súas vidas"

Desde OlloVivo lembran que Xosé Manuel Beiras "é unha das figuras políticas e intelectuais máis destacadas dos últimos 50 anos en Galicia" e un "referente ideolóxico para boa parte do nacionalismo e a esquerda deste país". "Político, economista, profesor universitario, activista, músico, tradutor, viaxeiro, fotógrafo, ensaísta, conversador… Xosé Manuel Beiras é un e moitos", din. "Con todo, estaba pendente abordar nun documental algo do que é, cal é a súa vida, cales son as súas vidas", insisten os impulsores do traballo. 

Vivir2Veces from OlloVivo on Vimeo.

A produtora, segundo explica, ofrece "a oportunidade de participar de forma activa desde o inicio na construción dun audiovisual histórico e necesario". "Convidámoste a formar parte da súa creación colectiva; poderás recibir recompensas únicas e participar durante todo o proceso de elaboración do proxecto como un máis deste equipo", explica. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.