Un ourensán dos Peares protagonizou a finais da década de 1990 a sección do executivo do momento da revista especializada Actualidad Económica. Coa súa gomina fixando o pelo para atrás e a súa traballada forma física, Alberto Núñez Feijóo posaba para as fotografías no ximnasio, departindo coa súa secretaria ou tomando algo nun bar. Eran estampas coas que se tentaba transmitir a imaxe de modernidade dun alto cargo da Administración en plena sintonía coa era dourada dos yuppies, mentres se definía a si mesmo como un xestor e daba o provocativo titular de que o Insalud que presidía debía ser dirixido como unha empresa privada, malia que en realidade era un organismo en liquidación, pola total transferencia da sanidade ás autonomías.
Esa marcha a Madrid, que só podería frear unha catástrofe persoal para Feijóo como a que acabou con Cifuentes, deixaría na presidencia da Xunta a Alfonso Rueda
A idea do comezo dunha irresistible escalada que transmitía a entrevista na revista dos brokers españois está a piques de materializarse vinte anos despois, a través da previsible e inminente chegada, mes enriba, mes abaixo, do actual presidente da Xunta ao liderado da principal formación da dereita española, aínda que xa nin sexa a única, nin sexa a do Goberno. Esa marcha a Madrid, que só podería frear unha catástrofe persoal para Feijóo como a que acabou con Cifuentes, deixaría na presidencia da Xunta a Alfonso Rueda, nun período no que o PP avaliaría se o presenta a unhas autonómicas que, previsiblemente, se farían coincidir coas xerais para que o dos Peares sexa o candidato a todo. Trátase de previsións, baseadas no que xa son certezas bastante consolidadas, aínda que nun momento no que España se volveu aínda menos predicible, non hai que desbotar que se poidan producir inesperados acontecementos. Mais por moi imposible que parecese, porque el aturaba todo, a caída de Mariano estaba anunciada desde hai moito tempo, pois debeu ser o 31 de xaneiro de 2013. Faltaba só a data. E o mesmo ocorre coa saída de Feijóo da Xunta con vistas a encabezar o PP nas próximas xerais, aínda que ese momento está moito máis preto do que se podía albiscar no que atinxe á caída do xa ex presidente do Goberno.
Farase de rogar, do mesmo xeito, por exemplo, que en 2016 estivo case medio ano ollando cara á situación mentres todo o partido en Galicia lle pregaba, en momentos con desesperación, que se volvese presentar
Como xa fixo na sucesión de Fraga, á que non se lanzou formalmente ata que a tivo practicamente gañada co apoio das direccións provinciais da Coruña e Pontevedra, Feijóo vai tomar cautelas antes de dar o salto. E farase de rogar, do mesmo xeito, por exemplo, que en 2016 estivo case medio ano ollando cara á situación mentres todo o partido en Galicia lle pregaba, en momentos con desesperación, que se volvese presentar, o que era evidente que ía facer, aínda que o seu aparato de propaganda se afanase por crear suspense. Agora poden aparecer situacións de grande incerteza. Non parece que alguén coa experiencia de Rajoy poida cometer o erro final de negarse a marchar ou ata querer recuncar. Se o fixese alongaría e complicaría o seu inevitable adeus. Mais ben semella que nunhas semanas, hai quen di catro, se podería convocar un congreso extraordinario no que o PP intentará facer unha “sucesión ordenada”, aínda que non se desbote que haxa varias candidaturas, como no congreso do 87, cando Mancha lle gañou a Herrero.
A ausencia do Congreso complícalle as cousas a Feijóo e constitúe probablemente a mellor carta que teña a que parece a outra principal aspirante á sucesión, a ex vicepresidenta Soraya Saénz de Santamaría
“Alberto es el mejor colocado con diferencia para suceder a Mariano, con grandes apoyos territoriales. Solo tiene dos problemas. Uno es que no es diputado, aunque el caso de Sánchez haya demostrado que no es un hándicap insuperable. El otro son las fotos con Marcial Dorado, más por la importancia que se les da que por su propio valor”, afirman fontes da dirección central do PP da madrileña rúa Génova. A ausencia do Congreso complícalle as cousas a Feijóo e constitúe probablemente a mellor carta que teña a que parece a outra principal aspirante á sucesión, a ex vicepresidenta Soraya Saénz de Santamaría, a xefa do que o xornalista Enric Juliana chama a Brigada Aranzadi, o seu club de avogados do Estado. Ao perder o BOE quedaron desarmados, mentres a xefa ficou sen a gran fonte da súa influencia, o xeito de traballar de Mariano, ao temo que a debilita o seu pulso con Cospedal. Aínda sen saber cando serán as eleccións, só queda como moitísimo media lexislatura e seica Sánchez firmaría hoxe aguantar un ano sen convocalas. Así que o de non ter asento na Carrera de San Jerónimo non é un obstáculo insalvable.
O das fotos é un problema evidente, agravado por Fariña, mais nada parece indicar que o PP elevase de súpeto o seu nivel de esixencia ética para convertelas nun elemento que inhabilite ao dos Peares para ser o seu líder
O das fotos é un problema evidente, agravado por Fariña, mais nada parece indicar que o PP elevase de súpeto o seu nivel de esixencia ética para convertelas nun elemento que inhabilite ao dos Peares para ser o seu líder nin, o que resulta máis importante, aparecen neste intre como un factor que desequilibre a carreira sucesoria en favor doutro candidato de peso cuxa presenza non se albisca. O máis interesante das fotos non está de momento en Madrid, senón en Galicia. O seu peso nas posibilidades de Feijóo para cumprir o soño da súa vida non só figura nas reflexións que se fan desde a rúa Génova, senón nas conversas políticas en xeral, sexa para dicir que teñen moita, algunha ou ningunha importancia. Onde non aparecen é na maioría das análises que se publican na prensa galega sobre o futuro político do presidente da Xunta, nas que desde hai anos adoita haber a omisión do apelido Dorado, o que na maioría dos casos non se debe a ningunha neglixencia profesional senón a unha imposibilidade laboral.