O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciará se aspira presidir o PP estatal tras a dimisión de Mariano Rajoy “ao longo do prazo que dea a xunta directiva que convoque o congreso o próximo luns”. “Cando o faga, convocareinos”, dixo en resposta ás múltiples preguntas sobre o seu futuro político que con unha ou outra formulación lle dirixiron este xoves os xornalistas na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno. E engadiu que “por respecto a vostedes e a este lugar, non será nesta sala”, en referencia ás dependencias da Xunta. Así o dixo nunha rolda de prensa na que, como se quixera mandar mensaxes en clave máis estatal que autonómica, priorizou o uso do castelán nas súas respostas sobre a súa posible candidatura aínda que se lle preguntase en galego, ao contrario do que é habitual nel, que adoita priorizar o galego nas súas intervencións públicas e contesta en galego ás preguntas que se lle formulan en galego e en castelán as de castelán.
“Aznar foi un moi bo presidente de España durante oito anos e aí me quedo”, di o presidente galego
“O congreso do PP non está convocado”, argumentou Feijóo, en referencia ao proceso que os populares prevén iniciar a próxima semana para acabar elixindo un sucesor de Rajoy ao longo previsiblemente do mes de xullo. “Cando se convoque o congreso todos os afiliados teñen que dar a súa opinión e tomar as súas decisións, e eu darei a miña opinión e tomarei a miña decisión”.
Feijóo, a quen boa parte do PP galego xa da como seguro candidato á sucesión de Rajoy, pediu paciencia para coñecer a súa decisión: “O que sobra en España nestes momentos é ansiedade”, dixo, para engadir que el non ten “ningunha ansiedade, ao contrario, o que intento é ser coherente e responsable”.
Feijóo xa non ratifica o seu compromiso ata 2020 coa presidencia da Xunta
Entre as preguntas ás que non contestou Feijóo remitíndose en todo momento a que o congreso non está convocado estaban cuestións sobre se vai compatibilizar a presidencia do PP e a da Xunta, ata cando, se recibiu chamadas de apoio doutros líderes populares ou se mantén o compromiso de ser presidente de Galicia ata 2020, cando remataría o actual mandato autonómico se el mesmo non adianta os comicios. Sobre esa última cuestión, a súa resposta quedou aberta: “Son o presidente da Xunta, non teño ningún outro compromiso, este é o meu compromiso, se cambiara de opinión non teña ningunha dúbida de que o diría”, dixo, deixando así aberta a porta a cambiar de compromiso.
A situación no PP terá "impacto" nos prazos para designar os candidatos ás municipais de dentro dun ano pero será "de semanas, non de meses"
A súa marcha a Madrid non só implicaría cambios na Xunta á espera dunha posible convocatoria de eleccións autonómicas anticipadas. Este xoves o propio Feijóo admitiu que a situación actual do PP vai supoñer demoras nos calendarios previstos en Galicia para designar os candidatos ás alcaldías das principais cidades de cara ás municipais de dentro dun ano. “Os calendarios que tiñamos previstos eran no verán”, dixo Feijóo, para matizar que os cambios das últimas semanas e os que están por vir “é evidente que teñen un impacto, pero de semanas, non de meses”.
Feijóo prognostica que o Goberno socialista terá “dificultades para aprobar algo máis que un real decreto”
A Feijóo tamén se lle preguntou se o ex-presidente José María Aznar debe ser un referente na nova etapa que se abre no PP. A súa resposta supón un distanciamento implícito de Aznar tras as críticas sobre o funcionamento da formación que este lanzou este martes, xusto tras a dimisión de Rajoy. “Creo que foi un moi bo presidente de España durante oito anos e aí me quedo, esa é a miña opinión”, dixo, e engadiu que “iso é o importante dun presidente, o que fai no tempo no que está, o que fai no tempo no que non está xa é unha opinión máis persoal que política”. Feijóo non ofreceu esa opinión persoal de quen foi o xefe do Goberno no que el mesmo estivo á fronte da dirección de Correos e do Insalud entre 1996 e 2003, antes de ser nomeado conselleiro por Manuel Fraga.
Feijóo tamén tivo tempo este xoves de valorar o novo Goberno de Pedro Sánchez, do que dixo que os seus integrantes “merecen respecto persoal e político” pero do que prognosticou que terá “dificultades para aprobar algo máis que un real decreto” pola súa necesidade de lograr apoios parlamentarios alleos e evidenciando así a oposición dura que o PP xa avanzou que realizará.