0 Gardados para despois

Màxim Huerta dimite como ministro pola polémica da súa fraude con Facenda

Gonzalo CortizoGonzalo Cortizo | @gonzalocortizo


Mónica Zas MarcosMónica Zas Marcos


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


Pedro Sánchez non aguantou a presión. O presidente do Goberno central optou pola caída do ministro de Cultura, que presentou a súa dimisión unhas horas despois de publicar El Confidencial que defraudou máis de 200.000 euros a Facenda entre os exercicios 2006 e 2008. Màxim Huerta trasladouse ao Palacio da Moncloa ao mediodía e a última hora da tarde anunciou que marchaba, malia reivindicar a súa "inocencia", para non "danar o proxecto de rexeneración e transparencia" do novo xefe do Executivo. 

PP e Podemos esixiron a dimisión; mesmo no PSOE había voces que advertían que tiña que marchar

O cesamento de Huerta prodúcese cando non cumprira a súa primeira semana no cargo e tras as esixencias de dimisión lanzadas desde primeira hora da mañá polo PP e Podemos. Mesmo no PSOE había voces que apuntaban a que tiña que marchar: "Non se pode soster".

Malia ao apoio inicial, os asesores do presidente concluíron que manter o ministro complicaba a imaxe de rexeneración que pretende o novo gabinete. Ante a información publicada, o gabinete de Sánchez decidiu que Huerta iniciase unha rolda de entrevistas radiofónicas para explicar a súa postura baixo o argumento de que un "cambio de criterio fiscal" o atrapou como a moitos outros personaxes da televisión e a escena.

Tras esas explicacións, portavoces oficiais do Goberno apresuráronse en transmitir que todo estaba "tranquilo" e que esas explicacións foran "ben fundadas". A presión redobrouse cando comezou a circular polas redes un vídeo de Pedro Sánchez no ano 2015 no que aseguraba que "estaría fóra" un membro do seu gabinete -daquela, da dirección do PSOE- que crease unha sociedade para evitar o pago de impostos.

Só unhas horas despois, Sánchez deixaba caer a Huerta do seu cargo, abrindo no seu gabinete a crise de Goberno máis rápida da historia da democracia.

Na rolda de prensa para anunciar a súa dimisión, Huerta insistiu na súa "inocencia" e en que el só pagou "unha multa logo de perder unha demanda" que el mesmo presentara. Ademais, lamentou que o que el considera a verdade "non vaia escoitarse" porque vivimos, dixo, "nunha sociedade afogada polo ruído e a desinformación interesada". "Non importa que non teña cometido fraude fiscal nin que pagase a multa, senón o bombardeo e o ataque contra min, pero que busca minar o proxecto de rexeneración e transparencia de Sánchez e non vou permitilo", asegurou. 

"Os inocentes prefiren marchar antes de que haxa calquera sombra de sospeita" sobre o novo Goberno, insistiu, tras advertir de que pagou a multa "dúas veces". "A segunda, aquí e agora, pero a inocencia non vale de nada ante esta manda", rematou. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.