O 14 de novembro de 2014 a Xunta de Goberno do Concello de Ourense aprobou os orzamentos municipais para o ano 2015. O Executivo socialista, naquel momento con Agustín Fernández como alcalde, tivo que recorrer a esta fórmula (que viña de ser incorporada a través da normativa de grandes cidades) para sacar adiante as contas, despois de tres anos de prórrogas dos presupostos aprobados no 2012. O Concello de Ourense vén funcionando dende entón con esas contas de 2014 e con elas chegará ao remate da lexislatura e ás eleccións do vindeiro mes de maio de 2019.
Este martes o pleno extraordinario convocado polo alcalde Xesús Vázquez saldouse cun novo fracaso para o PP (que suma só 10 de 27 edís), que viu rexeitado o seu proxecto de orzamentos cos votos en contra de PSdeG-PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común. O Goberno municipal de Xesús Vázquez non pode nin sequera recorrer á fórmula de aprobar as contas a través da presentación dunha moción de confianza, pois a normativa impide este recurso no último ano antes das eleccións.
O PP cualificou estes presupostos de “irreais”, “inflados”, "extemporáneos" e como "unha vergonza", asegurando que deixarían Ourense “sumido no caos máis absoluto”
Así pois, Ourense consolídase como a única cidade de todo o Estado que non puido aprobar orzamentos municipais nesta lexislatura. Ademais, as contas coas que o Partido Popular está a gobernar foron aprobadas polo PSdeG-PSOE cun frontal rexeitamento por parte dos populares. Ao longo daquel ano 2014, o Executivo de Francisco Rodríguez tentou sacar adiante estes orzamentos, cuxo borrador foi aprobado provisionalmente o 13 de xuño. O PP cualificou estes presupostos de “irreais”, “inflados”, "extemporáneos" e como "unha vergonza", asegurando que deixarían Ourense “sumido no caos máis absoluto” e criticando que só prevían un dous por cento de investimentos reais.
Ademais, ao longo desa lexislatura, na que o PSdeG-PSOE só fóra quen de aprobar os orzamentos de 2012 (en 2011), o PP acusou en varias ocasións ao Goberno municipal de "parálise de xestión". O daquela voceiro do PP, Rosendo Fernández, afirmaba en 2012 ante o atraso na presentación dos orzamentos de 2013 "vai facer un ano das eleccións municipais e medio dende que comezou o 2012 e aínda non debatemos os orzamentos. Estamos batendo récords". "Se a isto lle chaman eficiencia que veña Deus e o vexa", engadía.
14 anos sen orzamentos en tempo e forma
Ourense está, efectivamente, batendo récords. A última vez que o pleno municipal aprobou as súas contas nos prazos previstos foi en 2004, hai case 14 anos, que serán 15 o ano que vén, momento en que o Goberno local que saia dos comicios de maio deba elaborar as contas do ano 2020. En teoría os orzamentos deben presentarse ao Pleno para o seu debate e aprobación antes do 31 de decembre do ano anterior. Así se fixo o 5 de novembro de 2004 coas contas de 2005. Nos dous anos seguintes, a pesar de que o PP (con Manuel Cabezas na Alcaldía) contaba con maioría absoluta, os orzamentos foron aprobados en marzo e xaneiro do propio exercicio económico ao que correspondían.
A última vez que o pleno municipal aprobou as súas contas nos prazos previstos foi en 2004, hai case 14 anos, que serán 15 o ano que vén, momento en que o Goberno local que saia dos comicios de maio deba elaborar as contas do ano 2020
En 2007 houbo cambio de goberno, pasando a dirixir a cidade un Executivo de coalición PSdeG-BNG comandado por Francisco Rodríguez. Nesa lexislatura houbo orzamentos todos os anos, aínda que pasaron polo pleno en marzo, abril, abril e marzo. En 2011 reeditouse o acordo entre socialistas e nacionalistas, pero as contas de 2012 non se aprobaron ata o mes de setembro dese mesmo ano, con 9 meses de atraso. Nese mesmo mes de setembro Francisco Rodríguez dimitiu como consecuencia da Operación Pokémon, sendo substituído primeiro por Margarita Martín e pouco despois por Agustín Fernández. Ese Executivo do PSdeG-PSOE en solitario (o BNG abandonou o Goberno) non foi quen aprobar os orzamentos de 2013 e os de 2014 (que necesariamente tiñan que servir tamén para 2015) tiveron que agardar ata novembro e, ademais, sen pasar polo pleno.
Foron, a pesar das dificultades, do atraso e da fórmula escollida, os últimos orzamentos aprobados en Ourense. O Executivo de Xesús Vázquez foi incapaz de sacar adiante as contas de 2016, 2017, 2018 e 2019.