Unha asociación de xeógrafos sitúa como exemplo de desbalde o Gaiás, pero tamén infraestruturas útiles

Vista da Cidade da Cultura Dominio Público Cidade da Cultura

Nos últimos días numerosos medios de comunicación de toda España veñen facéndose eco dun informe titulado Aproximación á Xeografía do desbalde en España: balance das últimas dúas décadas asinado por nove recoñecidos profesores universitarios de Xeografía e publicado pola Asociación de Xeógrafos Españois. O documento está a facilitar titulares rechamantes divulgados de xeito masivo nas redes sociais que inciden no gasto realizado nos últimos anos por administracións de toda cor política en infraestruturas infrautilizadas. Unha realidade que poucos expertos e políticos discuten. Porén o documento, polo menos no caso de Galicia, presenta diversas eivas, con exemplos claros como a Cidade da Cultura pero outros moito máis matizables.

O polémico informe divulgado estes días sobre investimentos infrautilizados en toda España presenta como tales instalacións de seguridade ferroviaria ou o exitoso polígono de Porto do Molle, en Nigrán

O informe, de 50 páxinas, di que “nas dúas últimas décadas, de acordo coas nosas primeiras estimacións, as administracións públicas comprometeron máis de 81.000 millóns de euros en infraestruturas innecesarias, abandonadas, infrautilizadas ou mal programadas”. Porén, para chegar a esa cifra os autores suman en moitas ocasións o custo total de infraestruturas que só nunha parte sufriron sobrecustos ou están infrautilizadas. Parecen non ter en conta, por exemplo, a necesaria mellora periódica das infraestruturas, como a realizada ao longo dos últimos anos da moi obsoleta rede ferroviaria española. Así, cuantifica como desbalde o monto total investido ao longo dos últimos anos en todas as liñas de alta velocidade, sen ter en conta o seu uso, de xeito que só ese tipo de actuacións xa suman 26.000 millóns de euros. Ademais, parte dos exemplos que poñen parecen tirados de titulares sensacionalistas non contextualizados nin contrastados.

O exemplo máis rechamante, cando falan da liña de AVE entre Galicia e a Meseta, é “o proxecto de construción dun apeadeiro na pedanía zamorana de Otero de Sanabria, con 26 habitantes”. Porén, ese apeadeiro é realmente unha instalación técnica de seguridade imprescindible cada cento de quilómetros nas liñas de alta velocidade. O estudo non o explica, e o menciona referíndose a el como “a última xurdida en decembro de 2016”, sen indicar que "última" é a que xurdiu. Todo apunta a que a palabra que falta é “polémica” e que os autores se basearon para incluír esa infraestrutura no seu informe nos titulares sensacionalistas publicados nesa data por varios medios de comunicación que evitaron explicar a necesidade técnica desa instalación.

Referencia ao AVE galego incluída no informe

O informe ofrece cifras de custos que non se corresponden coas auditadas por entidades independentes con acceso real aos contratos e fai pasar o importe total de obras como se fosen só sobrecustos

O informe tamén inclúe entre os exemplos de desbalde o “polígono industrial Porto do Molle (Nigrán)”. Ese polígono, que está a ser comercializado e ocupado de xeito progresivo pero a elevado ritmo incluso durante a crise, está orientado a empresas de alto valor engadido e I+D+i máis que á industria e é posiblemente o máis exitoso dos últimos executados en Galicia. Pero o informe sitúao ao mesmo nivel que a Plataforma loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan), que leva década e media en obras e no que aínda non se instalou ningunha empresa.

O informe tamén ofrece cifras de custos que non se corresponden coas auditadas por entidades independentes con acceso real aos contratos como o Tribunal de Cuentas estatal ou o Consello de Contas galego. Así, da Cidade da Cultura di que custou 400 millóns, cando a cifra real, malia ser elevada, non supera os 300. E o mesmo ocorre co Porto Exterior da Coruña, que redondea en 1.000 millóns de euros pero que hai menos de dous anos o Tribunal de Contas da UE cifraba en 590 millóns sen que desde aquela, nin engadindo outras actuacións paralelas, o seu custe poida asimilarse a esa contía.

Na súa liña de facer pasar o importe total das obras como se fosen sobrecustos, o informe presenta como “vías de alta capacidade con sobrecustos” a Autovía Lugo-Santiago e indica a contía de 520 millóns, cando iso só podería ser o importe total da infraestrutura entre as dúas cidades. O mesmo fai coa autovía entre Verín e a fronteira portuguesa, para a que baixo o mesmo epígrafe de sobrecustos achega a cifra de 62 millóns, que foi o seu investimento total. Pola contra, o informe non menciona a A-8, que requiriu un maior investimento pero cuxa planificación queda en evidencia cada vez que ten que ser cortada ao tráfico pola aparición de néboa no seu trazado.

DOCUMENTO | Aproximación á Xeografía do desbalde en España: balance das últimas dúas décadas

Táboa sobre portos e aroportos incluída no informe Dominio Público Boletín da Asociación de Xeógrafos Españois

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.