Concellos galegos e portugueses impulsan unha fronte común para demandar novos fondos europeos

Carmela Silva e Abel Caballero, xunto con representantes da ANMP lusa © Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da FEMP, mantiveron este mércores unha xuntanza con representantes da Associação Nacional de Municípios Portugueses (ANMP). No encontro avanzouse na elaboración dunha proposta conxunta entre as entidades locais de ambos os dous países para o novo marco financeiro dos fondos europeos para o período 2021-2017.

Carmela Silva subliñou que os concellos “gobernamos moi próximos á cidadanía e debemos estar onde se toman as decisións sobre os fondos da Unión Europea que afectan aos territorios”. “Temos un coñecemento moi directo das demandas da cidadanía pola nosa proximidade polo que os municipios e cámaras portuguesas deben facer un traballo en común para trasladar esas demandas aos órganos de decisións do futuro dos fondos europeos”, engadiu. Para Silva, os concellos deben esixir “que se nos teñan en conta á hora de planificar as infraestruturas ou no futuro dos fondos Interreg de cooperación transfronteriza”. “Europa móvese en redes e en lobbys e os concellos debemos agruparnos para poder ter a forza necesaria para trasladar as nosas demandas e as da cidadanía á Europa”, concluíu.

“Europa móvese en redes e en lobbys e os concellos debemos agruparnos para poder ter a forza necesaria para trasladar as nosas demandas e as da cidadanía á Europa”, sinalou Carmela Silva

Sobre a mesa hai numerosos asuntos que son clave nunha e noutra beira do Miño, e que se tratarán en vindeiras xuntanzas, coma a perda de importancia dos fondos Interreg “que sufriron importantes recortes económicos”; as vías de transporte e as comunicacións “nas que temos que facer fincapé na necesidade dun tren de alta velocidade entre Vigo e Porto”, afirmou Carmela Silva; un maior equipamento social e urbano “que garanta tamén a igualdade entre as zonas costeiras máis poboadas e as interiores que sofren un maior abandono”; a protección civil, na que se inclúe a cooperación en materia de incendios forestais; e, por último, a colaboración en materia de turismo sostible, no que Carmela Silva manifestou o seu interese por unha maior cooperación “entre os municipios de ambos países”.

"Se vemos as propostas que se están a realizar para o próximo marco financeiro do 2021-2027, cada vez os fondos están moito máis centralizados. De forma conxunta teremos moita máis forza para trasladar as nosas demandas”, dixo António Almeida

O vicepresidente da ANMP lusa, António Almeida, concordou en que as cámaras e os concellos de ambos países teñen que estar nas decisións sobre o futuro dos fondos estruturais. "Se vemos as propostas que se están a realizar para o próximo marco financeiro do 2021-2027, cada vez os fondos están moito máis centralizados. De forma conxunta teremos moita máis forza para trasladar as nosas demandas”, dixo.

Ambas as dúas delegacións acordaron un próximo encontro para a primeira quincena do mes de xullo do grupo de traballo dos fondos estruturais para analizar as propostas dos técnicos e técnicas e elaborar unha proposta conxunta da FEMP e da ANMP. Ademais, aprobouse a elaboración dun calendario de xuntanzas conxuntas, ao
máximo nivel, entre ambas entidades para manter un contacto permanente e comezar a traballar en propostas sobre os aspectos que foron postos enriba da mesa nesta primeira xuntanza.

 

Mapa do Eixo Atlántico Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.