Morre José Luís Meilán Gil, figura clave na Transición en Galicia e reitor da UDC durante 13 anos

Meilán Gil, con Antonio Rosón, primeiro presidente da Xunta preautonómica Dominio Público Praza Pública

Esta noite faleceu na Coruña José Luís Meilán Gil aos 85 anos de idade. Xurista e político, Meilán foi unha figura clave na Transición en Galicia e nos debates constitucionais e estatutarios, liderando a UCD na provincia da Coruña entre 1977 e 1981. Catedrático de Dereito Administrativo, en 1990 converteuse en reitor da Universidade da Coruña, cargo que ocupou durante 13 anos. Membro do Opus Dei, integrante do Consello de Estado, foi distinguido coa Medalla de Ouro de Galicia, a Gran Cruz do Mérito Civil ou a de Alfonso X o Sabio, entre outros recoñecementos. O Paraninfo da UDC acollerá este mércores a capela ardente para render unha homenaxe póstuma ao seu ex reitor. O velatorio abrirase ás 17 horas.

Despois de ocupar relevantes cargos na administración durante o réxime de Franco, no verán de 1976 Meilán Gil fundou o Partido Galego Independente (PGI) xunto a Pablo González Mariñas, Perfecto Yebra ou Claudio Sanmartín. O PGI foi un dos partidos que conformaron a UCD e Meilán Gil converteuse no gran líder da formación ucedea na provincia da Coruña, que nas primeiras eleccións de 1977 obtivo 6 dos 9 escanos en xogo (20 dos 27 en toda Galicia) e o 49,24% dos votos. Meilán Gil, que encabezaba a lista provincial, foi deputado nas Cortes Constituíntes e xogou un papel moi importante nos debates de cara á redacción da Constitución de 1978, en especial no referido aos dereitos de Galicia como nacionalidade histórica, defendendo persoalmente a propia inclusión do termo nacionalidades (de forma diferenciada do termo rexións) no artigo 2. E, ademais, a inclusión da disposición transitoria segunda, que establecía que "os territorios que no pasado plebiscitaran afirmativamente proxectos de Estatuto de autonomía poderán proceder inmediatamente (...) os seus órganos preautonómicos", fixando unha vía acelerada de devolución do autogoberno a Cataluña, Euskadi e Galicia, no que ademais constitúe a única referencia presente no texto constitucional á legalidade republicana. "As autonomías non teñen por que rachar a unidade de España. Non se trata de inventar un sentimento rexional alí onde non existe, senón de recoñecer e fomentar a lexítima autonomía dunhas comunidades que teñen dereito a gobernar os seus propios intereses", afirmaba xa en 1977.

Así mesmo, Meilán Gil asumiu o departamento de Agricultura no primeiro Goberno da Xunta preautonómica, presidido por Antonio Rosón. Ademais, foi designado coordinador da UCD en Galicia. Nos debates para a a redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia, Meilán Gil defendeu que o texto debía estar á altura dos que deseñaran os parlamentarios cataláns e vascos e opúxose dentro do seu partido aos plans de UCD e PSOE (a través de José Pedro Pérez-Llorca e Alfonso Guerra) de recortar o teito do estatuto galego (e andaluz). De feito, cualificou a proposta de "auténtico escarnio para Galicia". “Nós (a UCD de Galicia) cremos que o Estatuto de Galicia é o que corresponde a unha das tres nacionalidades implicitamente recoñecidas como tales na Constitución e que non é a primeira das demais comunidades autónomas”, sinalou neses meses en declaracións á prensa. Porén, mentres os deputados galegos do PSOE votaron en contra do texto recortado, os deputados de UCD elixidos en Galicia aprobaron o proxecto, que tivo que ser modificado a través do Pacto do Hostal, en 1980.

En referencia ao Pacto do Hostal, Meilán Gil respondeu hai anos a Xosé Luís Barreiro Rivas, que repetidamente se atribúe a meirande parte do mérito do éxito da operación que permitiu salvar o Estatuto de Galicia, recuperando a meirande parte do contido do Estatuto dos 16: “A iniciativa do Pacto do Hostal foi nosa. Barreiro Rivas, o que defendía nesa xuntanza en nome de AP era a lei orgánica, non a vía do referendo. E na famosa reunión de Cambados que tanto el lembra, o que defenden é a interpretación do Estatuto e que fose despois por lei orgánica. E iso era precisamente contra o que loitabamos nós. Eles aproveitaron tacticamente iso e lles foi ben”.

Nas primeiras eleccións autonómicas, celebradas en outubro de 1981, AP derrotou de forma sorprendente á UCD, que xa iniciara o seu declive. Nesa situación, Meilán Gil valorou recuperar o Partido Galego Independente (cun perfil máis galeguista que a marca ucedea). Tralo fracaso da UCD nas eleccións xerais (ficou cun só deputado na Coruña e 5 en Galicia), Meilán Gil participou na operación que dá lugar a Coalición Galega, na que tamén participaron Eulogio Gómez Franqueira​ e o Partido Galeguista, retirándose da vida política pouco despois. 

Nos anos seguintes, Meilán Gil centrouse na súa actividade docente na Universidade, participando activamente no proceso que levou á creación da Universidade da Coruña, da que se converteu en 1990 en reitor, cargo que ocuparía ata o ano 2003. Meilán foi nomeado pola Xunta, pouco despois de que Manuel Fraga tomara posesión, en substitución de José Antonio Portero, que iniciara a súa xestión o ano anterior, máis próximo ao Goberno tripartito de Fernando González Laxe.

 

A UCD, liderada na Coruña por Meilán Gil, foi a gran dominadora dos comicios en Galicia durante a Transición (cartel electoral de 1979) © Deputación da Coruña
José Luis Meilán Gil foi o primeiro reitor da UDC, cargo que ocupou durante 13 anos Dominio Público Praza Pública
Meilán Gil, con Antonio Rosón, primeiro presidente da Xunta preautonómica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.