A Valedora do Pobo interveu de forma irregular para favorecer o nomeamento da súa Xefa de Servizo

A valedora e o seu adxunto, reunidos co presidente do Parlamento © Parlamento de Galicia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular o nomeamento da Xefa de Servizo de Administración e Persoal da Valedora do Pobo pola existencia de graves irregularidades no proceso. A sentenza considera probado que a Valedora, Milagros Otero, intercedeu para favorecer a designación dunha persoa coa que tiña relación. En concreto, a persoa escollida finalmente para o posto -M.P.F.-, é filla dun catedrático de Dereito do que é "discípula" a actual Valedora do Pobo.

En Marea e PSdeG reclaman a dimisión de Milagros Otero, subliñando que a persoa favorecida é irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy

Este sábado na web da institución aínda aparecía María Puy Fraga ocupando o posto de Xefa de Servizo cuxo proceso de selección deberá ser agora repetido, deixando claro o ditame do TSXG que a Valedora non poderá ter "ningún tipo de intervención no procedemento". María Puy Fraga é irmá de Pedro Puy, portavoz do PP no Parlamento de Galicia. En Marea reclamou este sábado a través de Luís Villares a dimisión de Milagros Otero pola súa "actitude corrupta" e porque "non ten sentido que a presidenta da institución que ten que evitar os abusos de poder, actuase abusando do seu poder para enchufar a xente próxima a ela". E o mesmo fixo o PSdeG-PSOE, que demandou "unha reacción" que "deixe limpa a imaxe e exemplaridade" da institución.

En decembro de 2015 aprobouse a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de tres postos de traballo, un proceso que finalizou en marzo de 2016 a través dunha resolución asinada polo adxunto á Valedora. É habitual que o adxunto realice estas funcións por substitución de Milagros Otero. Porén, nesta ocasión a razón estivo en que a Valedora decidira absterse, en teoría, de intervir no procedemento, algo que só foi coñecido tras unha solicitude de información por parte da mesma persoa que finalmente recorreu xudicialmente a decisión.

Grazas ao seu recurso puido coñecerse que Milagros Otero decidira apartarse do proceso dado que "é de dominio público que a titular da institución é discípula do catedrático de Dereito don F. de P.P.M., pai dunha candidata", como pode lerse na sentenza. O TSXG sinala no seu ditame que "non resulta admisible" que non se consignara na resolución de abstención "e inicialmente tratase de ocultarse o verdadeiro motivo que deu lugar á abstención, mostrándose a Valedora remisa a fornecer tal información, a pesar de que a súa condición de defensora dos dereitos fundamentais e presidenta da Comisión de transparencia obrigábaa a ser extremadamente escrupulosa no devandito labor". A sentenza conclúe, ademais, que "a pesar de que a Valedora se abstivo de intervir no procedemento, existen datos que permiten deducir que continuou intervindo no procedemento e non se apartou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada a señora P.F.".

A sentenza conclúe que "a pesar de que a Valedora se abstivo de intervir no procedemento, existen datos que permiten deducir que continuou intervindo no procedemento e non se apartou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada a señora P.F."

Por exemplo, Milagros Otero encarga o informe dos méritos que deberían ser obxecto de valoración, un informe "decisivo para a decisión final", sinala a sentenza que deduce que "foi a Valedora quen lles indicou aos autores do informe a determinación dos criterios de selección e méritos a valorar, aínda que estivesen desconectados das funcións" que o regulamento encomenda ao Xefe ou Xefa de Servizo da institución. En concreto, o informe pasou a valorar a experiencia en prevención de riscos laborais, "convertendo en decisivo" un curso nesta materia "que casualmente achegara a adxudicataria", denunciou o recorrente, que sinala que se cometeron "groseiras infraccións do procedemento" que denotan "unha manifesta desviación de poder". "Existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto", conclúe o TSXG.

"Existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto", conclúe o TSXG

En declaracións a Praza Pública, o adxunto á Valedora, Pablo Cameselle, afirma que unha vez que a Valedora se aparta do procedemento, está regulado por lei que el asuma a súa representación, asinando a resolución en base a informes técnicos que lle chegan e que foran previamente encargados por Milagros Otero “sen adoptar máis decisión que validar eses informes e sen poder entrar no seu contido”.

O ditame lembra tamén os cambios que nos últimos anos se produciron na lexislación e procedementos para a provisión de praza de libre designación, subliñando que aínda que os nomeamentos non están suxeitos a ningunha baremación cuantitativa, dende o 2006 si se esixe a existencia de "motivacións específicas" e xustificadas para a escolla da persoa que ocupe o posto. O tribunal, ademais de obrigar a repetir o proceso, anulando o nomeamento e instando a Milagros Otero a manterse á marxe, impón á Valedora do Pobo o pagamento das custas do xuízo, uns 1.500 euros.

 

Sede da Oficina do Valedor do Pobo Dominio Público Praza Pública
Este sábado María Puy Fraga aínda figuraba na web da institución ocupando o posto cuxo proceso de selección deberá ser repetido Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.