Tiveron que pedilo ata o presidente Feijóo e o PP para que a Valedora do Pobo, Milagros Otero, decidise dar explicacións ao Parlamento despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) veña de considerar que interferiu para outorgarlle un posto de libre designación a María Puy Fraga. Esa funcionaria de carreira é irmá de Pedro Puy Fraga, voceiro parlamentario do PP, sobriña do ex-presidente Manuel Fraga e filla dun profesor de Milagros Otero, o catedrático Francisco Puy, feito este último que previamente levara á Valedora a absterse no procedemento.
Feijóo e o PP consideran necesaria a comparecencia de Milagros Otero mentres que En Marea, PSdeG e BNG tramitan xa o seu cesamento
“Debería dar explicacións en sede parlamentaria, porque foi o Parlamento o que a elixiu”, dixo este luns Feijóo, quen engadiu que despois “cada grupo parlamentario deberá tomar postura e decidir” sobre o futuro de Otero. Tamén este luns o portavoz do PP, Pedro Puy, negou coñecer ou intervir no nomeamento da súa irmá pero considerou “conveniente” que a Valedora “aparte de aos medios” dea tamén explicacións “en sede parlamentaria”. Tras esas declaracións, a propia Valedora acabou solicitando a súa comparecencia na comisión parlamentaria con competencias sobre esa institución.
Porén, todos os grupos da oposición veñen de solicitar que o debate inmediato sobre o seu cesamento se produza ante o Pleno da Cámara, petición que, se é vetada polo PP, pode acabar provocando un Pleno extraordinario, para cuxa convocatoria a oposición ten maioría suficiente, como así vén de advertir. Antes desta sentenza Otero xa viña sendo moi criticada pola oposición pola súa comprensión coas irregularidades cometidas por administracións controladas polos populares fronte á súa dureza coas gobernadas por outros partidos. Este mesmo luns a institución Valedor do Pobo, encargada de velar pola transparencia do resto de administracións galegas, rexeitou responder preguntas dos medios de comunicación.
O TSXG considera que Puy Fraga foi nomeada xefa de servizo despois de que a Valedora interferise no procedemento no seu favor con “arbitrariedade” e “desviación de poder” co “desexo” de “adxudicarlle” o posto
Na súa sentenza o TSXG considera que María Puy Fraga foi nomeada xefa do servizo de Administración e Persoal da Valedora do Pobo despois de que a titular da institución, Milagros Otero, interferise no procedemento no seu favor con “arbitrariedade” e “desviación de poder” co “desexo” de “adxudicarlle” o posto. E iso despois de que previamente a propia Otero decidira absterse no procedemento sen argumentar inicialmente o motivo, que segundo admitiu posteriormente era o de que ela mesma fora “discípula” do pai de Puy Fraga, o catedrático Francisco Puy.
Tras coñecerse a sentenza a última hora do venres, e malia que desde o sábado pola mañá os tres grupos da oposición reclamaron a súa dimisión inmediata, a Valedora emitiu un primeiro comunicado o sábado limitándose a dicir que acataría a resolución xudicial, pero deixando aberta a posibilidade de recorrela. O domingo a Valedora emitiu un segundo comunicado no que mudou de postura e anunciou a execución inmediata da sentenza e o cesamento de María Puy Fraga do seu posto. Nese segundo comunicado do domingo, e malia os feitos relatados na sentenza, a Valedora negaba a súa intervención no procedemento.
A institución, que supervisa a transparencia en Galicia, rexeita responder preguntas
O Valedor do Pobo, que supervisa a transparencia en Galicia, rexeita responder preguntas dos medios de comunicación e remítese ás notas de prensa que poida enviar
Na sentenza o tribunal censura que a Valedora, sendo ao tempo a responsable, como Comisionada da Transparencia, de velar pola transparencia das administracións públicas galegas, tentase ocultar o motivo da súa incompatibilidade para participar no proceso de selección de Puy Fraga. Este luns este diario preguntou á institución, a través da súa responsable de Transparencia, Información Pública e Comunicación, polos motivos desa ocultación. A resposta obtida foi a de que a Valedora só dará explicacións desta polémica aos medios a través das notas de prensa xa enviadas ou das que poida enviar no futuro, pero sen admitir preguntas directas sobre a cuestión.
Pedro Puy nega coñecer ou intervir no nomeamento da súa irmá pero pide tamén explicacións “aparte de aos medios, en sede parlamentaria”
Pola contra, este mesmo luns, na súa comparecencia semanal ante os medios de comunicación, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, apelaba á necesidade de que a Valedora dese explicacións ,“a parte de aos medios”, tamén “en sede parlamentaria”. “Se o Parlamento se ten que pronunciar sobre un posible cese a petición dalgún grupo, tomará a decisión no seu momento”, engadiu Puy.
“Non tiven ningún coñecemento nin ningunha participación”, foi a súa resposta á pregunta de cales eran os seus coñecementos sobre o xeito en que se producira o nomeamento da súa irmá para o cargo de libre designación da Valedora. “Non teño ningunha relación con este asunto en xeral, e en particular tampouco coa carreira profesional dunha das miñas irmás”, engadiu.
Puy si lembrou que a súa irmá é “funcionaria por oposición desde hai décadas” na Xunta e que ocupou postos discrecionais como é o de subdirectora tamén durante o bipartito de PSdeG e BNG.
Tamén este luns a propia implicada no nomeamento, María Puy Fraga, fixo pública unha carta na que carga contra os xuíces do Tribunal Superior que anularon o seu nomeamento e considera “inxusta” a súa sentenza.