O BNG celebrará medio século de reivindicacións do Día da Patria cun chamamento a "sumarse" ao seu proxecto

Pontón, con Lois Diéguez e María Alonso, a soprar as candeas dunha torta que representa os 50 anos do Día da Patria CC-BY-NC-SA BNG

O 25 de xullo de 1968 o nacionalismo político dispúxose a recuperar o 25 de xullo como xornada reivindicativa. A Unión do Povo Galego e o Partido Socialista Galego reivindicaron o Día da Patria e as liberdades políticas fronte á ditadura cunha manifestación na contorna da Alameda de Santiago que a Policía franquista tentou reprimir con todos os medios ao seu alcance. Comezaba así unha xeira de mobilizacións e actos co obxectivo de encher de sentido político a data que os vellos galeguistas elixiran a comezos do século XX para reforzar os símbolos nacionais galegos. O vindeiro 25 de xullo o BNG evocará aquela manifestación de hai medio século no marco dun chamamento a "sumarse" ao seu proxecto político.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, presentou este mércores os actos do Día da Patria deste 2018 acompañada por un militante histórico da formación que xa estaba presente naquela histórica mobilización de 1968, o escritor Lois Diéguez. Diéguez, que tamén foi deputado, lembra que a represión contra as formacións nacionalistas continuou durante os 70 do século pasado e mesmo durante o comezo dos 80. Non en van, non foi ata 1983 -cando apenas pasara un ano dende a fundación do BNG- cando a mobilización puido acceder ao que tornaría despois en punto de remate tradicional, a compostelá praza da Quintana.

Pontón resalta que a campaña do BNG previa ao 25 de xullo se dirixe a "todas as persoas que, mesmo dende diferentes visións, comparten a idea de que este pobo debe gobernarse a su mesmo"

Unha moza militante da formación soberanista, María Alonso, de 17 anos, acompañou tamén a Pontón na presentación duns actos que, di a líder do Bloque, lembraran que "a defensa de Galiza como nación é tan revolucionaria como hai cinco décadas, e hoxe o nacionalismo tamén significa a esperanza dun cambio real" para o país. Neste sentido, afirma, nos actos do Día da Patria o BNG amosarase como unha "organización con historia" que quere continuar a "ser a mellor ferramenta para defender Galiza e avanzar colectivamente". De aí, explica, o lema da campaña que desenvolverá ata esa xornada, Sumar por Galiza, dirixida a "todas as persoas que, mesmo dende diferentes visións, comparten a idea de que este pobo debe gobernarse a su mesmo".

Nestes 50 anos, coida Pontón, as diferentes tendencias do soberanismo galego foron quen de "sumar dende a diferenza, dende diferentes visións do país, pero co punto en común do convencemento de que temos dereito e somos capaces de gobernarnos a nós mesmos e non precisamos que nos marquen o camiño dende fóra". É por iso, di, que o vindeiro 25 de xullo "expresaremos a idea de que o diferente suma, que temos unha visión aberta e queremos achegar dende aquí ao resto do mundo".  A través do "fortalecemento de proxectos políticos propioscomo o BNG, Galiza non será un simple escenario do pim-pam-pum das forzas estatais", asegura, Pontón.

Ana Pontón, con Lois Diéguez e María Alonso, na presentación dos actos

Liña gráfica da campaña do BNG polo Día da Patria © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.