A decisión da xustiza alemá sobre Puigdemont redobra a presión para liberar os líderes independentistas cataláns encarcerados

Carles Puigdemont, nunha imaxe difundida polo seu equipo mentres estaba en prisión Dominio Público @KRLS

A xustiza alemá optou pola menos mala das solucións para Carles Puigdemont e a peor para o xuíz Pablo Llarena. O independentismo saudou cun entusiasmo -que nalgúns casos pareceu mesmo esaxerado- a decisión do Tribunal de Schleswig-Holstein de extraditar o ex-presidente só por un delito de malversación. A clave, insisten no Govern, é que o tribunal desbotou que Puigdemont cometese un delito de rebelión e iso desmonta a tese de Llarena.

Desde o presidente da Generalitat, Quim Torra, a todos os dirixentes de Junts per Catalunya e ERC interpretaron do mesmo xeito a decisión do tribunal alemán: non hai rebelión porque, reiteran, nunca houbo violencia. A partir de aí consideran que aínda está máis motivada a excarceración dos dirixentes independentistas que están presos de maneira preventiva pola acusación dun delito que, tras o ditado polo tribunal xermano, aínda está máis en dúbida.

A clave, insisten no Govern, é que o tribunal desbotou que Puigdemont cometese un delito de rebelión e iso desmonta a tese de Llarena

"Cada minuto que pasan os nosos compañeiros na prisión é un minuto de vergoña e inxustiza. Loitaremos ata o final, e gañaremos", subliñou Puigdemont tras coñecer a decisión dos xuíces alemáns. Tanto o ex-presidente como o seu equipo felicitáronse de que a xustiza non modificase as medidas cautelares e, por tanto, poida seguir en liberdade.

Ademais, os avogados de Puigdemont e os partidos independentistas sinalan que será difícil poder demostrar que o Govern cometeu un delito de malversación e lembran que mesmo Cristóbal Montoro descartou que se destinaron recursos públicos á celebración do referendo. Os avogados dos dirixentes encarcerados en España presentan este venres os próximos pasos da defensa nunha rolda de prensa inédita. Nos escritos que presentarán nos próximos días para pedir a liberdade provisional dos seus clientes incluirán a decisión alemá.

Manter a rebelión, sobre a mesa da Fiscalía

Os partidos independentistas consideran que a Fiscalía Xeral do Estado está obrigada a cambiar de criterio

Os partidos independentistas consideran que a Fiscalía Xeral do Estado está obrigada a cambiar de criterio. Defendíano antes pero agora subliñan que non se pode prolongar a prisión preventiva por un delito cada vez máis cuestionado. Ese é o primeiro dos problemas que ten a nova fiscala, María José Segarra, enriba da mesa. Ata agora cando se lle preguntou limitouse a responder que de momento non ponderaba un cambio de opinión.

O segundo problema que teñen a fiscala xeral e os fiscais de sala do Supremo é decidir se manter a acusación de rebelión nos escritos de acusación previos ao xuízo. A resolución do tribunal alemán pode ser unha oportunidade para que o Ministerio Fiscal modifique o seu criterio e facilite así  a vía de diálogo aberta entre Pedro Sánchez e Torra esta mesma semana.

Se finalmente a Fiscalía optase por retirar a rebelión, quedaría sen xustificación o encarceramento preventivo dos políticos aos que non se está procesando por malversación. Son o tres que non formaban parte do Govern: o deputado de JxCat e ex-presidente da ANC, Jordi Sánchez, o presidente de Òmnium, Jordi Cuixart e a ex-presidenta do Parlament, Carme Forcadell.

O Goberno de Sánchez, de perfil

O Goberno púxose de perfil este xoves ante a decisión alemá que supón un pau para o Tribunal Supremo. Pedro Sánchez limitouse a celebrar que as persoas procesadas, entre elas Puigdemont, serán xulgadas en España. Con todo, evitou valorar que supón que o ex-presidente catalán só poida selo por un delito de malversación.

Pedro Sánchez limitouse a celebrar que as persoas procesadas, entre elas Puigdemont, serán xulgadas en España

No PSOE nunca viron clara a acusación por rebelión contra os líderes independentistas ante a ausencia de violencia nos feitos, un requisito indispensable na actual tipificación normativa. De feito, Sánchez anunciou a súa intención de promover un cambio no Código Penal para adecuar o delito de rebelión á "España do século XXI", é dicir, para que unha declaración de independencia como a de Catalunya poida incluírse con claridade entre as causas de rebelión.

Moncloa tampouco reaccionou á petición da Generalitat de que o Goberno retire á Avogacía do Estado da causa que se xulga no Supremo. Desde Presidencia remítense á concisa nota de prensa sobre a reunión entre Carmen Calvo e Pere Aragonès na que tan só destacan a "normalización" das relacións. O Executivo non quere pronunciarse sobre cambios na postura que mantiveron a Fiscalía ou a Avogacía durante a instrución e a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, non abordou ese asunto nas súas convers coa nova fiscala Xeral do Estado, María José Segarra.

A suspensión dos deputados

A resolución engade aínda máis confusión á decisión de Llarena de suspender a cinco deputados e mais a Puigdemont

Outra derivada da resolución coñecida este xoves é que engade aínda máis confusión á decisión de Llarena de suspender a cinco deputados que están no cárcere así como a Puigdemont. O xuíz reclamoulles que renuncien á súa acta, aínda que sexa de maneira temporal (unha opción que non se contempla no regulamento do Parlament).

A petición do xuíz do Supremo fundaméntase en que cometeron un delito de rebelión, é dicir, un delito que agora a xustiza alemá desbotou. De momento, o Parlament encargou un informe aos letrados do Parlament antes de decidir se acata ou non a resolución de Llarena. Tanto Junts per Catalunya como ERC, CUP e os 'comuns' consideran que Llarena se excedeu e non respecta a separación de poderes entre o lexislativo e o xudicial.

Pleno do Parlament, con lazos amarelos a prol da liberdade dos dirixentes encarcerados Dominio Público Parlament de Catalunya

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.