O Porto de Vigo planifica outro recheo de máis de 5.000 metros cadrados que afastará do mar o Auditorio Mar de Vigo

Auditorio Mar de Vigo, deseñado cunha gran cristaleira sobre o mar nunha zona que agora o Porto quere ocupar cun recheo Dominio Público HombreDHojalata CC BY-SA 3.0

A actuación volve poñer o foco na adiada rexeneración da contigua avenida de Beiramar, pendente dun túnel que a libere de tráfico

A Autoridade Portuaria de Vigo vén de encargar a redacción do proxecto para un novo recheo sobre a ría, xunto á lonxa, que afastará do mar o Auditorio Mar de Vigo, deseñado por César Portela precisamente en función da proximidade dese elemento. A actuación volve poñer o foco na falta de coordinación e entendemento entre administracións para rexenerar unha zona deteriorada do litoral vigués que agarda desde hai unha década un túnel que a libere de tráfico.

Segundo avanza estes días Faro de Vigo, o Porto de Vigo prevé realizar un novo recheo xunto ao que xa ocupa a lonxa para facilitar as manobras do tráfico pesado que xera esa instalación. Será na zona frontal do Auditorio Mar de Vigo, na que actualmente hai dous peiraos pesqueiros transversais ao litoral, de xeito que o recheo unirá o espazo que ocupa a lonxa co primeiro deses peiraos, ocupando unha superficie de algo máis de 5.000 metros cadrados, que xunto coa reordenación do espazo contiguo á lonxa permitiría ao porto gañar uns 10.000 metros cadrados de superficie operativa.

Recheo fronte ao Auditorio Mar de Vigo Dominio Público Praza Pública

O emprazamento alí do auditorio estaba chamado a ser o fito inicial dunha progresiva remodelación dese espazo que incluiría un túnel que soterrase o tráfico e permitise humanizar a superficie da avenida facilitando a conexión entre o auditorio e o mar

Ese recheo suporá modificar notablemente as vistas actuais do Auditorio Mar de Vigo, inaugurado en 2011 e deseñado por César Portela cunha gran cristaleira aberta cara ao mar e tendo presente sempre ese elemento. Se agora o mar está a uns 50 metros do auditorio, só separado del pola avenida de Beiramar e un estreito peirao paralelo, co novo recheo pasará a estar a máis de 170 metros, ao outro lado dun espazo que será empregado por vehículos pesados. Será un novo cambio sobre os plans inicialmente previstos para un auditorio que custou 90 millóns dos que o Concello puxo 12, a Xunta 18 e o resto unha concesionaria que vén de quebrar obrigando ao Concello a indemnizala e asumir a xestión dun recinto que nunca acabou de ter contido estable.

O recheo tamén volve poñer o foco na adiada rexeneración da avenida de Beiramar, de titularidade portuaria -como era orixinalmente o terreo no que se asenta o Auditorio, que tivo que ser cedido por parte do Goberno central- malia ser na práctica unha das vías con maior tráfico urbano. O emprazamento alí do auditorio estaba chamado a ser o fito inicial dunha progresiva remodelación dese espazo que incluiría un túnel que soterrase o tráfico a xeito de extensión do xa existente máis ao norte e permitise humanizar a superficie da avenida facilitando a conexión entre o auditorio e o mar. Ese túnel, que foi orzamento pola Xunta hai máis dunha década en máis de 70 millóns de euros, está bloqueado desde hai anos pola falta de entendemento entre varias administracións.

Vista de barcos atracados ao pé da cristaleira do Auditorio Mar de Vigo nunha zona que agora o Porto quere ocupar cun recheo Dominio Público Auditorio Mar de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.