A finais do pasado maio o presidente da Xunta anunciou na Cidade da Cultura o enésimo xiro do complexo impulsado polo Goberno de Manuel Fraga no compostelán monte Gaiás. Cinco anos despois da paralización das obras que supuxo desbotar a construción dun Teatro da Ópera e tras o gasto duns 300 millóns de euros en obras -tres veces máis do previsto inicialmente-, Alberto Núñez Feijóo anunciaba que sobre os cimentos do que ía ser o teatro será erguido o chamado Edificio Fontán, unha sede para diversos organismos universitarios que custará 17 millóns de euros. Poucos días despois, o 11 de xuño, a Xunta puxo en marcha o transvasamento de fondos de I+D+i das universidades para comezar a financiar as obras.
Na explicación do que definira como un exercicio de "sentidiño económico" Feijóo xa anunciara a previsión de pagar este edificio con fondos propios do Goberno galego e tamén con cartos que xa estaba previsto destinar ás universidades. Isto é, con fondos do Plan de Financiamento destas institucións académicas. Segundo a operación tramitada pola Consellería de Educación o pasado xuño os primeiros 700.000 euros sairán, concretamente, do apartado dese plan de financiamento destinado ao "fomento da I+D+i", unha primeira inxección de 700.000 euros -a Consellería prevé que teñan esta orixe ata 2,5 millóns- que se xustifican no expediente alegando que o seu obxectivo é "impulsar un complexo de I+D+i do Sistema Universitario Galego", isto é, o devandito edificio do Gaiás.
Os primeiros 700.000 euros do proxecto saíron o 11 de xuño do apartado "fomento I+D+i" do plan de financiamento das universidades galegas
Estes fondos foron recolocados no orzamento de gastos da Fundación Cidade da Cultura dentro do epígrafe "construcións en curso" e coinciden exactamente co diñeiro que, segundo o procedemento de contratación das obras, a Xunta prevé gastar no proxecto durante este 2018. Este cronograma proxecta que en 2019 os gastos ascendan a 3,5 millóns, que en 2020 a anualidade sexa de 8,3 millóns e en 2021, de 4,5 millóns máis. Así, ata chegar aos 17 millóns de euros previstos. Na documentación non hai referencia ningunha a posible financiamento estatal, que Feijóo suxeriu na súa presentación pero que nin mencionou na súa xuntanza desta semana con Pedro Sánchez.
O arquitecto que deseñou o novo edificio encádrao no "resultado dunha empresa política eficiente" e explica que vai "aterrar, case ingrávido" no proxecto "maxistral" de Peter Eisenman
Na documentación do proxecto inclúense abondosas explicacións do arquitecto Andrés Perea, deseñador do edificio que xa ocupara a dirección das obras das primeiras construcións no Gaiás. Perea, que na comisión de investigación sobre as obras gabara a Cidade da Cultura como "obra mestra moi traballada" e "dunha coherencia insólita", xustifica agora que o edificio non previsto no proxecto inicial de Peter Eisenman encaixará sen problemas no monte. Esta actuación na Cidade da Cultura, di a documentación, "responde a un tempo maxistral na obra" do arquitecto estadounidense e foi "resultado dunha empresa política eficiente na que foron convocadas as empresas, oficios e técnicos galegos". "A coherencia do proposto polo arquitecto americano e o construído é (...) incuestionable" e este novo edificio, asegura, engade "significado ao construído".
"Un proxecto neste lugar remedando o imaxinario de Peter Eisenman -detalla- resultaría patético e inadecuado" e mesmo podería "incorrer en vulneración dos dereitos de propiedade intelectual". No entanto, este novo deseño "comprometido co seu tempo" será "un proxecto que aterra, case ingrávido, no contexto matérico e inmoble da obra de Eisenman, sen nostalxias nin retóricas" e vaise "integrar" sen "mimetizarse cos edificios existentes".