O pasado venres 4 de maio a Xunta anunciou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunha liña de axudas de 4,3 millóns de euros para obras de mellora de infraestruturas e equipamentos municipais. O criterio de reparto era o de que as recibirían os primeiros que as solicitasen a partir do día seguinte. Uns días máis tarde o propio Goberno galego indicou que ás doce da noite e doce minutos, isto é, ás 0:12 horas do sábado 5 de maio, xa se esgotaran as axudas dispoñibles. En Marea e PSdeG sospeitan que a convocatoria foi preparada pola Xunta para que os cartos acabasen en concellos do PP.
O prazo de presentación de solicitudes abriuse na medianoite dun venres a un sábado e uns minutos despois xa se esgotaran os cartos dispoñibles
A convocatoria de axudas, realizada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e asinada pola propia conselleira, Beatriz Mato, no DOG do venres 4 de maio, establecía que “as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible”. Alí tamén se indicaba que as solicitudes só podían presentarse a través da sede electrónica da Xunta cun prazo que comezaría a contar “a partir do día seguinte ao da publicación” desa mesma convocatoria, isto é, das cero horas do sábado día 5 de xullo.
O pasado venres día 13 de xullo o Goberno galego publicou no DOG unha resolución na que informaba de que daba por esgotada a contía total das axudas e indicaba que “a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia na data do 5 de maio de 2018, ás 00.12.18 horas”. Isto é, 12 minutos e 18 segundos despois de abrirse o prazo de solicitude, na madrugada dun sábado e malia que a solicitude debía ir acompañada de diversos certificados e declaracións oficiais.
“É evidente que existiu unha comunicación previa aos concellos amigos"
Ante esta situación, o deputado de En Marea Antón Sánchez e a do PSdeG Patricia Vilán veñen de presentar diversas iniciativas no Parlamento de Galicia para coñecer que concellos foron os receptores desas axudas, coa sospeita de que a Xunta quixo beneficiar a municipios gobernados polo PP. “É evidente que existiu unha comunicación previa aos concellos amigos, pois resulta a todas luces imposible preparar a ampla documentación esixida en tan só doce minutos, máis aínda se temos en conta a hora á que se abriu a convocatoria”, salienta En Marea.