0 Gardados para despois

Compostela retira as condecoracións a dirixentes franquistas e fai alcalde de honra a Ánxel Casal

Redacción | @prazapublica

Compostela non volverá render homenaxe a cargo franquista ningún. O pleno do Concello aprobou este xoves a retirada das honras municipais que se mantiñan a varios ministros do réxime fascista. É esta a primeira decisión derivada tras a aprobación no pasado mes de maio do novo Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións, que actualiza o aprobado nos anos 50 para adecuarse tamén á Lei de Memoria Histórica. 

O pleno aproba a proposta que suprime as condecoracións aos cargos franquistas e nomea alcalde de honra a Ánxel Casal

O pleno aprobou unha moción que, ademais, nomea alcalde de honra da cidade o editor e político galeguista Ánxel Casal, rexedor no momento do golpe de Estado fascista de xullo de 1936, que foi detido o 4 de agosto e asasinado quince días despois polos franquistas en Cacheiras, no veciño Concello de Teo.

A proposta que logrou sacar adiante Compostela Aberta inclúe o recoñecemento como filla e fillo adoptivo de Begoña Caamaño e Federico García Lorca, así como o de fillo predilecto para Bibiano Morón e Benedicto García, Ramón Castromil e Xohana Torres. Os candidatos para as medallas de ouro son o empresario José Otero e Cantigas e Agarimos, con mención especial ás agrupacións folclóricas Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia. 

Begoña Caamaño, Lorca, Bibiano Morón ou Benedicto García son algúns dos persoeiros agora recoñecidos polo Concello

Ademais, retiraranse tamén os recoñecementos que durante a ditadura o Concello compostelán dera aos ministras do réxime franquista José Solís Ruíz, Pedro Nieto Antúnez, Román Garicaño Goñi, Gonzalo Fernández de laMora, Federico Silva Muñoz, Manuel Lora Tamayo, Adolfo Díaz Ambrona, José Antonio Girón de Velasco e Laureano López Rodó. O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, sinalou que "a retirada destas distincións significa darlle cumprimento á Lei de Memoria Histórica".

A proposta do grupo de goberno foi aprobada cos votos favorables de Compostela Aberta, do PSdeG e do BNG e coa abstención do PP, que acusou os grupos de esquerda de "mendacidade, exclusión, frivolidade e un indicio de contrabandismo de distincións". Para o Bloque, que sumou á proposición unha lista de nomes de mulleres para incluír no rueiro municipal, "todas as propostas son xustas e o pobo está de acordo en recoñecer esas persoas". Do mesmo xeito se manifestou Paco Reyes, voceiro dos socialistas. 

Un parque de Fontiñas recibirá o nome de Begoña Caamaño, onde a ludoteca será denominada 'María Miramontes'

Así, a proposta aprobada este xoves inclúe tamén a designación de seis rúas da cidade cos nomes doutras tantas mulleres, e as denominacións do parque de Fontiñas co nome de Begoña Caamaño, dunha rúa ou praza do Castiñeiriño co nome de Vivencio Freire e da rúa coñecida como Costa do Vedor sen saída co nome de Pablo Leis. Tamén se aprobou a denominación de Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes ao edificio onde estará ubicada a Ludoteca das Fontiñas.

No rueiro compostelá, tras a proposta do Bloque, incluiranse os nomes de Rosa Bassave, Concha Castroviejo, Elena Marcu, María Tobío, Mari Luz Morales, Pepa Noia e as nais da Praza de Maio.

 

Propostas de retirada de condecoracións en Noia e Burela

Por outra banda, a Marea Cidadá de Noia celebrou este xoves a noite no claustro do Concello un acto para reclamar a retirada da medalla de ouro que no seu día foi concedida a Francisco Franco. No evento teñen previsto a súa intervención Xosé Manuel Beiras; o alcalde de Sada, Benito Portela, o historiador Xavier Buxeiro e Lola Caramés.

Marea de Noia presenta unha iniciativa para que o Concello retire a medalla honorífica a Francisco Franco

A formación xa anunciou que presentará, para o debate na sesión plenaria do vindeiro 31 de xullo, unha iniciativa co obxectivo de que se retire esa medalla honorífica ao ditador fascista, que foi concedida o 1 de maio de 1952 e entegada en 1966 durante unhas vacacións estivais de Franco no Pazo de Meirás. A xustificación da condecoración, segundo desprende a acta, foi polos traballos e servizos realizados en favor da vila e da súa comarca.

Na mesma moción, Marea de Noia pedirá a retirada da medalla de ouro a Fernando Suárez de Tángil e José María Rivero de Aguilar Otero, que tamén gozan deste distintivo, tras seren ministro e subsecretario de Obras Públicas no réxime fascista. Desde a formación destacan que o pobo "non ten nada que agradecerlle" a estas persoas, "que non son dignas de ter este distintivo". "O Concello de Noia non está en débeda con eles e o lóxico é a retirada deste distintivo", aseguran. 

O BNG presentou unha moción para retirar as honras e unha rúa a Leopoldo Eijo Garay

En Burela, ademais, o BNG presentou tamén unha moción a debater o vindeiro 2 de agosto na que se solicita a retirada da denominación Leopoldo Eijo Garay a unha rúa da vila, así como a supresión do titulo de fillo adoptivo da localidade deste bispo. O Bloque lembra que este home foi "unha das figuras clave no apoio da Igrexa ao réxime de Franco". Ademais, recorda que tanto Vigo, a súa cidade natal, como Madrid, cidade na que sería bispo durante corenta anos, retiraron diversas distincións dedicadas a el. 

Esta retirada de honras a figuras franquistas continúan ás que nos últimos anos se levaron a cabo en numerosas institucións galegas como a Deputación e o Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra ou o Concello da Coruña, entre moitos outros. Son moitas as administracións que nos últimos tempos suprimiron condecoracións que durante o franquismo lle foran concedidas ao ditador e a outros cargos do seu réxime en forma de rúas, alcaldías perpetuas, filiacións predilectas e outras figuras semellantes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.