Ánxel Casal: 80 anos do día en que o editor do galeguismo foi alcalde

Nova en 'El Pueblo Gallego' sobre o nomeamento de Ánxel Casal como alcalde de Santiago Dominio Público El Pueblo Gallego

Os estouridos de folgas e tentativas revolucionarias de 1934 foron respondidos polo Goberno dereitista de Alejandro Lerroux con diversas medidas represivas. Entre elas estivo a destitución de diversos gobernos municipais, entre eles o de Santiago, onde a CEDA configurou unha maioría lerrouxista co vello monárquico Francisco Vázquez Enríquez como alcalde, en substitución de Raimundo López Pol. A vitoria da Fronte Popular nos comicios xerais de 1936 derivou nun movemento á inversa: as autoridades republicanas configuraron unha nova corporación con edís de esquerdas, republicanos e tamén galeguistas. Entre eles estaba quen foi nomeado alcalde, Ánxel Casal, que hai este 23 de febreiro 80 anos tomou posesión do cargo falando galego.

A cuestión do idioma non foi menor naquel acto, considerado o primeiro no que un alcalde pronunciou un discurso solemne en galego. Tras os anos do 'bienio negro', no que houbera que aparcar e mesmo ocultar todas as reivindicacións ligadas á lingua ou á reivindicación autonomista -"xuramentámonos para gardar silenzo", lembrou Castelao anos despois-, a chegada á Alcaldía dun impulsor das Irmandades da Fala, responsable da Editorial Nós, aberta a todas as sensibilidades da esquerda e do galeguismo, era xa un acontecemento en si mesmo.

As actas municipais destacan o uso do galego por parte de Casal ao tomar posesión

Así as cousas, as acta daquela sesión, redactada en castelán, reflectiu o xesto de Casal cara ao idioma tras recibir o voto unánime dos membros da nova corporación. "Ya en la presidencia -recolle o documento- el nuevo Alcalde pronuncia en gallego unas breves palabras agradeciendo el honor que con el cargo recibía y anunciando la imparcialidad con que lo ejercería". O galego aparecía nos salóns nobres e facíao por boca do editor e impresor ao que aborrecían os falanxistas por difundir textos 'perigosos' e 'indecentes', en cuxo goberno os diversos departamentos tamén tiveron denominación en galego, como Facenda ou Festexos, feito que provocou non poucas burlas entre sectores sociais e mediáticos da cidade.

Casal (terceiro pola dereita), no acto de entrega do Estatuto galego ao presidente das Cortes da República © Nomes e Voces

Primeiras medidas e campaña do Estatuto

Segundo recolleu naqueles días o xornal El Pueblo Gallego, as primeiras medidas de Casal como rexedor de Compostela foron "encamiñadas a reducir a mendicidade en Santiago". Con este obxectivo organizou "a Asistencia Social aos necesitados", proxecto para o que o Concello recibiu unha doazón de 500 pesetas "dun ilustre médico compostelán". O propio xornal apostaba por aproveitar a chegada de Ánxel Casal a alcaldía para "renderlle a Casal a homenaxe que se lle debe" no seu papel de editor, a mesma que preparaban "os intelectuais galegos" cando "sucesos imprevistos da política determinaran un adiamento", resaltaba.

As primeiras medidas do alcalde galeguista foron de "asistencia social aos necesitados" e de apoio á aprobación do Estatuto de Autonomía 

Tal e como debullou en diversas publicacións o investigador Ernesto Vázquez Souza, cuxa tese de doutoramento abordou a figura de Casal, o alcalde galeguista combinou medidas simbólicas, como a restauración dos nomes galegos en diversas rúas, con outras máis tanxibles, caso da aposta por reformar os accesos á cidade ou a rehabilitación do Hospital de Peregrinos da Praza do Obradoiro -actual Hostal dos Reis Católicos-, en cuxo edificio apostaba por instalar o Museo Nacional Galego. Tamén abordou a preparación do que sería Ano Santo de 1937 e o seu goberno aprobou, por exemplo, medidas para aplicar as reformas educativas da II República, como a compra de libros en galego para as escolas municipais.

O editor do galeguismo sería alcalde de xeito continuado durante apenas cinco meses. Alén das cuestións puramente locais, como escribiu o historiador Ramón Villares, "un dos seus activos máis importantes" foi a súa "participación activa na fase final de aprobación plebiscitaria do Estatuto de Autonomía". Así, por exemplo, deu soporte político ao proceso, procurou financiamento para a campaña e o primeiro vehículo de recollida de lixo co que contou a capital galega foi emprestado para que os mozos galeguistas fixesen actos a prol da autonomía por toda a comparca compostelá. Un daqueles mozos era Avelino Pousa Antelo. Outro, Isaac Díaz Pardo.

Casal, nun acto a prol do Estatuto Dominio Público Imaxe publicada en 'Vida gallega', recuperada por Vázquez Souza

Renuncia e asasinato

Casal e o resto de edís galeguistas renunciaron o 9 de xullo: "nin a República nin Galicia gaña ren con que se ande a perder tempo en pleitos persoais", advertiu o PG

O Estatuto pasou polas urnas o 28 de xuño e pouco despois, o 9 de xullo, Casal e o resto de edís galeguistas renunciaban aos seus postos. Segundo expuxo Vázquez Souza, a decisión recibiu dúas interpretacións: unha, que marcharan ao dar por culminado o proceso estatutario. Outra, que cesaran para presionar as autoridades republicanas para convocaren unhas eleccións municipais que referendasen democraticamente os concellos. O voceiro oficial do Partido Galeguista publicou, pouco despois, unha explicación segundo a cal "elementos do Frente Popular" de Santiago acordaran "declarar a súa disconformidade" coa xestión de Casal. Dado que "ningún galeguista vai a cárregos de responsabilidade por afán de medro nin por parva vaidade", resolveran non manter os cargos se estes non eran sostidos pola "confianza de todol-os nosos aliados do Frente".

"Nin a República nin Galicia gaña ren con que se ande a perder tempo en pequenos pleitos persoais", advertían, ao tempo en que instaban a "meditar" se "val a pena, por pequenas cousas", tensar un escenario con "tanto probrema como hai pranteado". Apenas dez días despois destas advertencias Casal atopábase en Madrid entregando o Estatuto nas Cortes cando comezou o movemento golpista. Regresou apresuradamente a Compostela para facerse cargo novamente do Concello, dende o que pouco puido facer fronte aos sublevados. Tras fuxir á casa dun parente en Arzúa, o 4 de agosto foi detido e o 19 de agosto, os franquistas asasinárono en Cacheiras, no veciño Concello de Teo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.