O Estado condona unha débeda de 350 millóns nos peiraos de Valencia pero segue a negarse a facelo co Porto da Coruña

Peirao de San Diego, dende o mar CC-BY-SA Praza Pública

A celebración da Copa América de Vela e de varias edicións do Gran Premio de Fórmula 1 deixaron unha débeda de 450 millóns de euros no Consorcio Valencia 2007 -entidade creada para xestionar os terreos portuarios da cidade unha vez que a súa actividade foi trasaladada-. O Goberno central vén de aceptar a condonación do 77% desta débeda (uns 350 millóns) grazas en boa medida á presión do Goberno autonómico da Comunidade Valenciana, que facía depender desta medida o seu apoio no Consello de Política Fiscal e Financeira ao límite de deficit proposto polo Executivo de Pedro Sánchez. Tanto o Goberno local da cidade como o Goberno autonómico anuncian que seguirán presionando para conseguir o perdón dos cen millóns restantes de débeda. 

Mentres o Goberno cental tomaba esta decisión en relación cos peiraos de Valencia, na Coruña segue a negarse a perdoar os 200 millóns que lle debe a Autoridade Portuaria a través dun préstamo concedido por Puertos del Estado que deberá devolver a partir do ano 2022. O Porto da Coruña débelle outros 100 millóns de euros Banco Europeo de Investimentos, un préstamo que xa a está a devolver. A obriga de facer fronte a estas débedas é o argumento que a Autoridade Portuaria esgrime habitualmente para xustificar o seu proxecto de privatizar a maior parte dos terreos portuarios da cidade.

"Se se condona a débeda xerada en Valencia pola Copa América de Vela, con moita mais razón na Coruña, pola construción dun porto de interese xeral do Estado", salientou Xiao Varela

O Concello da Coruña subliña o agravio comparativo entre o perdón concedido ás débedas xeradas polo Consorcio Valencia 2007 e as que acumula a Autoridade Portuaria da Coruña e esíxelle ao Goberno de Pedro Sánchez o mesmo trato para a cidade galega. Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana e Vivenda, criticou que ata agora o Estado central non achegara "ningunha alternativa que posibilite que a débeda contraída pola Autoridade Portuaria da Coruña non teña que ser pagada a costa da venda da fachada litoral, patrimonio de toda a cidade".

"Se se condona a débeda xerada en Valencia pola Copa América de Vela, con moita mais razón na Coruña, pola construción dun porto de interese xeral do Estado", salientou Varela. "A situación do noso porto debería ter consideración de asunto de Estado", engadiu. "Non só lle pedimos compromiso ao executivo estatal, tamén ao resto de forzas políticas e administracións, como a propia Xunta", subliñou tamén o representante municipal, lembrando o papel que na condonación da débeda valenciana xogou o Goberno autonómico de Ximo Puig.

O mes pasado unha xuntanza entre o alcalde Xulio Ferreiro e o Delegado do Goberno (e ex-rexedor) Javier Losada amosou unha mellor sintonía entre o Goberno municipal e o Goberno central. Losada afirmou entón que "a vontade do Goberno de España é que o Concello lidere este proceso e estea co resto das Administracións en calquera negociación".

"Xa non hai reinos de taifas, xa non hai administracións opacas, é o momento de que a cidadanía tome aquilo que é seu, ao que ten dereito. Iso como se consegue? Con pedagoxía e con consenso", afirmou o pasado ano na Coruña o responsable da Marina de València

Valencia é un dos espellos nos que o Concello da Coruña se vén ollando para levar a cabo a transformación dos terreos portuarios. O pasado ano, o responsable da Marina de València, Vicent Llorens, estivo na cidade herculina explicando o proceso que se levou a cabo nequel lugar. Os antigos terreos portuarios son hoxe espazo público no que se busca desenvolver actividades de ocio, actividades relacionadas coa náutica e promover empresas que traballen na innovación e na economía do coñecemento. "É importante que estea unido ao resto da cidade e que a cidadanía se apropie del", salientou. Llorens afirmou que "os espazos portuarios son espazos de dominio público marítimo-terrestre. Cando xa non se usan para aquilo que foron ocupados, o normal é que volvan á cidadanía, sendo desafectados por innecesariedade e regresando de forma gratuíta ao control da cidade". "Estamos nese momento: xa non hai reinos de taifas, xa non hai administracións opacas, é o momento de que a cidadanía tome aquilo que é seu, ao que ten dereito. Iso como se consegue? Con pedagoxía e con consenso", concluíu.

 

Vista aérea do peirao da Coruña Dominio Público Praza Pública
Peirao de Calvo Sotelo, no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Trala celebración da Copa América, a cidade de Valencia recuperou o seu Port Vell © Marina de València

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.