O PP teima e volve deixar claro que a Xunta reducirá o número de deputados do Parlamento galego, consumando así unha medida que beneficiará os seus caladoiros de votos e reducirá a pluralidade politica. Pola contra, PSdeG e BNG reafirmáronse este luns en que non negociarán recorte ningún do número de parlamentarios na Cámara (de 75 a 61 como propón a dereita). A resposta dos conservadores segue sendo igual de contundente: "Non permitiremos que minorías chantaxeen a forza maioritaria".
O PP ameaza con reformar a lei electoral de urxencia mentres tilda de "minorías" a PSdeG e BNG
Ademais, o vicevoceiro do PP no Parlamento, Román Rodríguez, advertiu tamén de que a prevista reforma electoral "pódese facer pola vía máis rápida", reforzando así a idea do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que abriu a posibilidade de que o cambio lexislativo se fixese por trámite de urxencia.
En rolda de prensa, Román Rodríguez insistiu en que se dan de prazo o mes de setembro para dialogar, como indicou en días pasados a vicevoceira do grupo, Marta Rodríguez Arias. "A partir de aí faremos o trámite pertinente, que durará o que dure", manifestou.
"É unha estratexia claramente electoral, unha fraude electoral para garantir unha maioría absoluta que ven perigar"
"Pode facelo polo procedemento que considere, os socialistas non imos estar nunha fraude electoral electoral de Feijóo, nun recorte da representatividade", respondeu o voceiro do PSdeG, Abel Losada, quen insistiu en que si están abertos a abordar recortes en termos de axuste do custo da institución, pero non naquel que reduza o número de parlamentarios. "Estamos radicalmente en contra do menoscabo da representatividade dos cidadáns na política autonómica", engadiu. "É unha estratexia claramente electoral, unha fraude electoral para garantir unha maioría absoluta que ven perigar", asegurou o deputado socialista.
"É evidente que o PP está inmerso nun proceso brutal de minusvalorar o Parlamento autonómico porque facilita o proceso recentralizador", engadiu Losada, nunha resposta coincidente coa do BNG. Así, a vicevoceira do Bloque, Ana Luísa Bouza, reiterou que os nacionalistas non van debater sobre o recorte de deputados e advertiu de que os populares aplicará a súa maioría absoluta, ao igual que "non tivo escrúpulos no uso da súa maioría" ao longo da lexislatura para outras iniciativas.
Aínda así, o popular Román Rodríguez aclarou que os populares "desexan o consenso" e que "hai un mes para negociar". "Pero non podemos pretender que minorías chantaxeen a forza maioritaria", insistiu, para asegurar que a oposición terá que "xustificar por que non quere unha medida que non só é aforro", xa que -dixo- "tamén lanza unha mensaxe aos cidadáns e aínda que sexa repetido en varias ocasións, está dentro das marxes do Estatuto".