O PP da Coruña reclama agora a condonación da débeda do porto que leva anos rexeitando

Peirao de Calvo Sotelo, no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

O PP uniuse este luns á demanda de que o Estado condone a débeda que a Autoridade Portuaria da Coruña mantén con Puertos del Estado (200 millóns de euros, que deben ser devoltos a partir do ano 2022), xerada pola construción do Porto Exterior. Esta reclamación vén sendo realizada nos últimos anos polo Concello da Coruña e polo resto de forzas políticas da cidade (Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG) e sempre que o tema chegou ao pleno municipal a través de mocións (e tamén ao Parlamento galego) os populares votaron en contra, apelando á "responsabilidade" para defender a necesidade de que o Porto da Coruña privatice terreos para poder obter os ingresos necesarios para facer fronte a esta débedas.

Mato anunciou que presentarán mocións no pleno municipal e no Parlamento galego incidindo nesta cuestión. As mesmas mocións que o PP xa votou negativamente en varias ocasións

Agora os populares, a través da conselleira Beatriz Mato -que será a súa candidata nas eleccións de maio- veñen de dar un xiro de 180 graos na súa posición, sumándose á petición (expresada polo Goberno local a pasada semana) de que o Goberno central teña coa Coruña o mesmo comportamento que con Valencia, onde foi perdoada unha débeda de 350 euros xerada pola organización da Copa América de Vela, o Gran Premio de Formula 1 e outras actividades. Despois de que o Executivo de Pedro Sánchez anunciase que a débeda que mantén a Autoridade Portuaria non ía ser condonada, Mato cualificou o feito de "agravio comparativo" e anunciou que presentarán mocións no pleno municipal e no Parlamento galego incidindo nesta cuestión. As mesmas mocións que o PP xa votou negativamente en varias ocasións. Mato mesmo chegou a apremiar ao Goberno municipal da Coruña a que "non demore nin un día máis a presión que debe facer ante o Estado para facer valer a nosa posición neste tema de especial relevancia para a nosa cidade”.

Unha posición completamente distinta, polo tanto, á mantida cando era Mariano Rajoy quen ocupaba a Presidencia do Goberno. Ata hai dous meses Beatriz Mato apelaba á "responsabilidade" para facer fronte a esta débeda e o mesmo facía no Parlamento galego a conselleira do Mar, Rosa Quintana (nun pleno no que Mato rexeitou participar): "A Autoridade Portuaria ten unha responsabilidade: a de buscar a mellor opción de xestión dos seus peiraos e dos espazos da súa propiedade. Ese obxectivo é irrenunciable e así o indican os informes de Portos do Estado e de Intervención Xeral do Estado". 

O Concello solicitoulle este luns oficialmente á Autoridade Portuaria da Coruña que convoque urxentemente unha reunión do seu consello de administración

Mentres, o Concello solicitoulle este luns oficialmente á Autoridade Portuaria da Coruña que convoque urxentemente unha reunión do seu consello de administración para “abordar a necesidade de que o Estado condone a débeda asociada a Punta Langosteira, como vén de facer en Valencia”. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, remitiu unha carta a Enrique Losada, presidente do ente, lembrando que “con independencia das diferenzas existentes entre o caso coruñés e o valenciano, a realidade é que a condonación da débeda co Consorcio de Valencia introduce alternativas para o caso da Autoridade Portuaria da Coruña”. Varela subliña ademais que "neste caso as débedas derivan execución dunha obra pública de interese xeral para todo o Estado”, un argumento máis para que estas obrigas sexan condonadas.

 

Beatriz Mato © PP A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.