"A Autoridade Portuaria ten unha responsabilidade: a de buscar a mellor opción de xestión dos seus peiraos e dos espazos da súa propiedade. Ese obxectivo é irrenunciable e así o indican os informes de Portos do Estado e de Intervención Xeral do Estado (...) Falar de interese público é lícito, pero defender a viabilidade orzamentaria e os empregos e a xeración de riqueza do porto tamén o é". A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu este mércores no Parlamento a actuación da Autoridade Portuaria da Coruña e do seu presidente -Enrique Losada- no conflito aberto polo seu intento de privatización dos terreos da Solana e dos peiraos interiores. Fíxoo ademais repetindo os mesmos argumentos empregados polo ente portuario, xustificando a ruptura do compromiso ao que chegara con Concello na falta dunha "oferta formal" e na súa necesidade de atopar solucións á inxente débeda que arrastra.
Tanto o representante de En Marea -Antón Sánchez- coma o do PSdeG-PSOE -Juan Manuel Díaz Villoslada- fixeron fincapé no carácter significativo da ausencia de Mato
Na cámara non estaba presente Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente e de Ordenación do Territorio, que en decembro votou a favor da privatización da Solana no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Tanto o representante de En Marea -Antón Sánchez- coma o do PSdeG-PSOE -Juan Manuel Díaz Villoslada-, que presentaron senllas mocións sobre o tema, fixeron fincapé no carácter significativo da ausencia de Mato, que ademais figura nas quinielas para converterse en candidata popular á alcaldía da Coruña en 2019.
“Quen violentou e quebrou o acordo do Consello da Administración foi o presidente da Autoridade Portuaria e a señora Beatriz Mato votou a favor desta decisión", dixo Antón Sánchez
Na súa intervención, Sánchez acusou a Autoridade Portuaria de querer "facer negocio especulativo con estes terreos, co apoio da Xunta” e sinalou especialmente a actuación de Enrique Losada, do que dixo que actuara con "deslealdade á cidade da Coruña" pactando coa inmobiliaria Río Mero "de costas ao Concello e ao propio Consello de Administración do Porto". “Quen violentou e quebrou o acordo do Consello da Administración foi o presidente da Autoridade Portuaria e a señora Beatriz Mato votou a favor desta decisión", denunciou o vicevoceiro do grupo de En Marea. Tamén o representante do PSOE subliñou que Enrique Losada incorrera nun “desaire institucional e unha gravísima decisión de escasos precedentes na cidade” con esta negociación con Río Mero "dous meses antes de que expirase o prazo" que o Concello tiña para realizar a oferta. Así mesmo, criticou os “vaivéns” do PP neste asunto, en referencia á posición adoptada no último pleno municipal coruñés.
O representante do PSOE subliñou que Losada incorrera nun “desaire institucional e unha gravísima decisión de escasos precedentes na cidade” con esta negociación con Río Mero
Tanto Díaz Villoslada coma Sánchez puxeron tamén en cuestión a "nefasta" xestión realizada por Losada á fronte do Porto, que acumula catro anos seguidos de perdas económicas (3,59 millóns de euros en 2016) e unha enorme débeda coa que xustifica a necesidade de vender os terreos da fachada marítima da cidade. Antón Sánchez afirmou que "non é verdade que coa venda deses terreos vaia mellorar a situación económica do Porto. É un pretexto para facer un negocio especulativo".
A conselleira Rosa Quintana retrucou estas críticas e os propios datos publicado no plan de empresa do Porto, defendendo a xestión realizada por Enrique Losada á fronte da Autoridade Portuaria e asumindo todos e cada un dos argumentos empregados por el para xustificar as distintas operacións inmobiliarias con terreos que na actualidade son aínda públicos. Quintana culpou da ruptura do acordo aprobado en xuño para a venda da Solana ao Concello da Coruña á non presentación por parte do Goberno local dunha "oferta formal" no prazo previsto (seis meses), a pesar de que o Consello de Administración do Porto incumpriu este acordo antes do vencemento dese prazo e de que as negociacións coa inmobiliaria comezaran moito antes.
"A Autoridade Portuaria ten unha responsabilidade: a de buscar a mellor opción de xestión dos seus peiraos e dos espazos da súa propiedade. Ese obxectivo é irrenunciable", dixo Rosa Quintana
E, sobre todo, xustificou a necesidade de vender este e outros terreos ao mellor postor na "responsabilidade" de "buscar a mellor opción de xestión", procurando "a axeitada conxugación do uso e aproveitamento público dos terreos portuarios coa viabilidade económica e social do porto", como lle reclamaba o deputado popular (e tamén edil na Coruña) Martín Fernández Prado. Fernández Prado era concelleiro de Urbanismo na Coruña en 2012, cando o Goberno municipal modificou o PXOM convertendo os terreos da Solana de dotacional público a dotacional privado, "preparando o terreo para a privatización", como sinalou Antón Sánchez. Este mércores o deputado popular defendeu a "legalidade" daquela decisión.
Quintana: “Falar de interese público é lícito, pero defender a viabilidade orzamentaria e os empregos e a xeración de riqueza do porto tamén o é. Debemos ponderar todos os intereses públicos”
A pesar de que no pleno municipal da Coruña do pasado 9 de xaneiro os representantes do PP (entre eles o propio Fernández Prado) votaron a favor da moción presentada polo PSdeG-PSOE que lle esixía á Autoridade Portuaria o respecto ao acordo acadado co Concello e a aceptación da oferta formal presentada, este mércores no Parlamento as intervencións populares limitáronse a criticar o Goberno municipal coruñés e negáronse a realizarlle esixencia ningunha ao Porto. "Somos os primeiros valedores da petición á Autoridade Portuaria para que manteña a igualdade de oportunidades no acceso á propiedade dos terreos da Solana e sabemos que así o fará", dixo unicamente Rosa Quintana. Quintana concluíu dicindo que “falar de interese público é lícito, pero defender a viabilidade orzamentaria e os empregos e a xeración de riqueza do porto tamén o é. Debemos ponderar todos os intereses públicos”.
Este venres 27 manterán unha xuntanza na Coruña para debater o futuro da Solana e dos terreos dos peiraos interiores o alcalde Xulio Ferreiro, o presidente de Puertos del Estado José Llorca e o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada.