O PSdeG-PSOE, única formación que rexeita a condonación da débeda do Porto da Coruña

Vista aérea do peirao da Coruña Dominio Público Praza Pública

O cambio no Goberno central semella ter producido tamén un intercambio de posicións entre PP e PSOE no tema do futuro do porto interior da Coruña. Se ata hai uns meses existía unha unidade de criterio entre Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG, que reclamaban unha revisión dos convenios de 2004 para evitar a privatización dos terreos portuarios defendida polo PP para facer fronte ás débedas da Autoridade Portuaria. Neses momentos era o PP que ficaba só unha e outra vez nas votacións das mocións presentadas no pleno municipal. A chegada de Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno provocou un cambio de posición no PP, que comeza a esixir a condonación da débeda xerada pola construción do Porto Exterior, pero tamén levou a que agora sexa o PSdeG-PSOE quen se poña do lado do Goberno central, rexeitando unirse á solicitude desa solución para a débeda da Autoridade Portuaria.

Os socialistas afirman que o perdón da débeda é "xuridicamente inviable", pero un cambio na normativa da UE en 2017 avala as axudas aos portos marítimos sempre que se aprobe unha norma específica que legalice esta operación

O vicesecretario xeral do PSdeG-PSOE, Pablo Arangüena, salientou este mércores a "inviabilidade xurídica" da condonación da débeda, afirmando que os casos de Valencia e Coruña son "radicalmente distintos" e sinalando que si é posible o perdón das débedas xeradas "por un acontecemento puntual", como foi a Copa América de Vela (que deixou, xunto con outros eventos como a organización do Gran Premio de Fórmula 1, unhas débedas de 350 millóns de euros) pero non as obrigas provocadas pola construción dun porto de interese xeral, como é o de Punta Langosteira. Arangüena subliñou que a condonación desta débeda "vulneraría o dereito europeo". Porén, como explica este xoves La Opinión, a Comisión Nacional da Competencia e dos Mercados (CNCM) avala as axudas aos portos marítimos tras un cambio na normativa da UE en 2017. Iso si, a lei obriga a que, previamente, se aprobe unha norma específica que legalice esta condonación.

O PSdeG-PSOE tamén sinala que o perdón á debeda valenciana fíxose a un consorcio e non directamente á autoridade portuaria. O Concello da Coruña propuxo hai máis dun ano a constitución dese consorcio no Porto da Coruña, no que participarían todas as administracións implicadas (Concello, Deputación, Xunta e Estado central). A proposta para a creación do consorcio foi apoiada por Marea Atlántica, PSdeG-PSOE e BNG no pleno municial do pasado mes de novembro

O Concello da Coruña leva máis dun ano reclamando a creación dun consorcio coma o existente en Valencia, formado por todas as administracións implicadas

Marea Atlántica, que levará unha moción ao pleno municipal do día 10 de setembro, criticou este mércores que o Goberno do Estado “non estea á altura das expectativas con respecto ao futuro do bordo litoral da cidade” e pediulle ao PSOE e ao Goberno central que “sexan quen de rectificar, actuar pensando nos intereses da cidadanía da Coruña e favorecer a condonación da débeda da Autoridade Portuaria ligada ao Porto Exterior”, o que permitiría evitar a privatización dos terreos portuarios. A Marea lembra ademais que “Pedro Sánchez recibiu no Congreso o apoio incondicional de moitas forzas políticas diferentes para converterse no presidente do Goberno e iniciar unha nova etapa nas institucións do Estado” e pídelle aos socialistas que expliquen "cales son as razóns e o amparo legal que xustifica que o Executivo do Estado sexa quen de condonar un préstamo a un Consorcio, pero non pode facer o propio cunha Autoridade Portuaria, sendo ambas entidade públicas integradas no sector público estatal e sometidas ao mesmo réxime orzamentario”.

 

Vista do peirao de punta Langosteira en maio de 2016 © Porto da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.