O concelleiro de Rexeneración Urbana e representante do Concello da Coruña, Xiao Varela, plantou esta tarde a xuntanza extraordinaria do consello do Porto da Coruña para reclamar ao Goberno central a condonación da débeda que a Autoridade Portuaria ten con Puertos del Estado. Tal e como explicou á súa saída da reunión, unha hora despois do seu inicio, o Concello chegou á reunión disposto a negociar a súa proposta coa que achegaba a propia Autoridade Portuaria. Segundo dixo, o Porto limitouse a votar o seu texto, no que se reclamaba tamén manter o acordo de abril asinado de costas á administración local entre Feijóo e Fomento e que blinda a venda dos terreos de San Diego.
Varela acusa a Autoridade Portuaria de non querer negociar un texto conxunto e teimar en manter o protocolo de abril entre Xunta e Fomento
Ante a negativa á súa petición de retirada dese punto, Varela abandonou a xuntanza, pero esta continuou e sen representantes de Puertos del Estado, que desculpou a súa ausencia porque o obxecto das negociacións xa se debate noutros foros.
Malia todo, o consello da Autoridade Portuaria aprobou pedir a condonación da débeda, pero mantendo o protocolo que asinaran Xunta e Fomento. "O grao de endebedamento do Porto, por causas medioambientais e de seguridade ligadas á construción do porto exterior, non parece proporcionado para que o asuma a Autoridade Portuaria", dixo o presidente da entidade, Enrique Losada.
A proposta do goberno local instaba o Goberno do Estado a condonar a débeda ligada á construción do porto exterior de punta Langosteira ou, no seu caso, a conceder axudas económicas equivalentes, así como a deixar sen efecto o protocolo asinado por Fomento, Xunta e Puertos del Estado o pasado abril de costas ao Concello e constituír un consorcio público onde participen todas as administración implicadas no futuro da fachada atlántica coruñesa.
Xa antes da entrada na reunión extraordinaria do consello da Autoridade Portuaria, Xiao Varela pedía ao PP que "non estorbe" e ao PSOE que fose "valente". A xuntanza, impulsada polo Concello, pensaba debater un único punto da orde do día: aquel no que se insta o Goberno do Estado a que condene a débeda e dea "igual trato" ao Porto da Coruña e ao de Valencia, ao que perdonou a débeda de 350 millóns de euros derivada da construción das infraestruturas necesarias para a Copa do Mundo de vela e para o circuíto da Fórmula 1.
A Autoridade Portuaria dixo unirse ás propostas que impulsaba o Concello, nas que se propón tamén ao Estado que manteña os compromisos sobre prazos e financiamento do desexado enlace ferroviario a punta Lagosteira. Pero o Porto da Coruña insistiu en manter o polémico acordo de abril entre Feijóo e o antigo Goberno do PP no Estado.
A Comisión Aberta en Defensa do Común mobilizouse esixindo que os terreos portuarios tornen en públicos
Foi hai xa 14 anos cando os convenios do Porto incluíron unha cláusula pola que Xunta e Concello da Coruña comprometíanse a indemnizar ao Porto se as decisións que tomaban impedían urbanizar os terreos que tiñan pensado vender. O protocolo do pasado mes de abirl confirma esa cláusula, que impediría ao goberno a opoñerse á edificación dos peiraos. A proposta de de Xiao Varela para pactar un texto común atopou o non da Autoridade Portuaria.
Ao tempo, ás portas da sede do Porto da Coruña, a Comisión Aberta en Defensa do Común manifestábase esixindo que os terreos portuarios, logo de que se libere a súa actividade actual, tornen en municipais e sexan dedicados a equipamentos públicos. Ademais, volveu reclamar unha consulta popular entre a veciñanza para que esta decida sobre o futuro dos peiraos.
O PSdeG cre que Feijóo e Losada deben "render contas ante a cidadanía”
Tan só unhas horas antes, o deputado coruñés do PSdeG no Parlamento, Juan Díaz Villoslada, reclamou unha auditoría da xestión de tráficos e económico-financeira e comercial do porto exterior da Coruña. O responsable socialista esixiulle a Feijóo e ao presidente da Autoridade Portuaria que “rendan contas ante a cidade e o conxunto da cidadanía”.
Díaz Villoslada cuestiona a “capacidade de xestión" que non demostraron "na posta en marcha de Punta Lagosteira”, e lembra o informe de fiscalización elaborado polo Tribunal de Cuentas, quen analizou os exercicios 2012 a 2014. Daquela acreditárase a “incapacidade de xerar ingresos previstos”, o que impedía mellorar os resultados de explotación e os niveis de endebedamento, daquela estancados dende 2011.
Villoslada esixiulle tanto ao presidente da Xunta como ao presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, que “asuman responsabilidades na xestión do sistema portuario de A Coruña e que conten coa cidade para deseñar o futuro da nova fachada interior”, e non “ninguneando” como fixeron, dixo, no protocolo asinado en abril.