O Consello das Mareas chegou na noite deste venres a un acordo sobre o calendario para a renovación dos órganos de dirección da formación. O proceso comezará o sábado 29 deste mes de setembro e estará rematado antes de decembro “para que, antes do un de xaneiro, a maquinaria electoral estea en marcha e poder así responder con tempo e con máxima participación aos retos das eleccións municipais de 2019”, sinala a dirección nun comunicado.
“Este é o Consello onde todo o mundo pode opinar e decidir, e onde se garante que os inscritos e inscritas teñan a última palabra do que pase no espazo político de En Marea”, di Luís Villares tras as peticións dos críticos de que se axilizasen os prazos
O sábado 29 de setembro celebraranse encontros provinciais para fomentar a participación. “Catro semanas despois, tras recoller todas as achegas de todas as persoas inscritas para elaborar as teses políticas, estas se levarán a votación ao Plenario que terá lugar o sábado 27 de outubro”, sinala a formación. Nese encontro aprobarase tamén o regulamento para a elección do novo Consello das Mareas. Posteriormente, na semana do 19 ao 25 de novembro, celebraranse de xeito telemático as votacións temáticas “nas que todas as persoas inscritas exercerán o seu dereito a expresar a súa opinión sobre quen pensan debe dirixir o espazo político”. Durante este proceso, o Plenario da formación tamén decidirá como concorrerá En Marea ás eleccións europeas.
Nas últimas semanas diversas voces críticas, encabezadas polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, viñan instando a acelerar a renovación dos órganos de dirección de En Marea. Este venres a dirección da formación salientou que o proceso onte acordado conxuga “axilidade nos tempos e garantías de participación, de deliberación e de decisión”. “Este é o Consello onde todo o mundo pode opinar e decidir, e onde se garante que os inscritos e inscritas teñan a última palabra do que pase no espazo político de En Marea”, salientou tras a reunión o portavoz da formación, Luís Villares.