0 Gardados para despois

O pleno da Coruña insta o Estado a condonar a débeda do Porto e a contar co Concello no deseño do bordo litoral

Redacción | @prazapublica

Despois de que o pasado mércores o consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña votase e aprobase a proposta propia da entidade coa ausencia do Concello respecto do futuro portuario na cidade, o debate desenvolveuse este luns no pleno municipal. Houbo emendas múltiples e cruzadas aos textos presentados por varios grupos. Finalmente, a única aprobada foi a presentada pola Marea Atlántica, que aceptou incluír lixeiros cambios a proposta do PP, que votou tamén a prol.  

Nela pídese condonación da débeda da Autoridade Portuaria para a construción do Porto Exterior ou "medida equivalente" e a revisión dos convenios de 2004 para garantir a titularidade pública dos terreos portuarios de Batería, Calvo Sotelo e San Diego. O PSOE solicitaba deixar sen efecto o protocolo asinado por Fomento, Puertos del Estado, Xunta de Galicia e Autoridade Portuaria, de costas ao Concello en abril de 2018 e que mantén aberta a posibilidade de vender o peirao de San Diego, o mesmo que pedía respectar o PP.

A Marea emendou a moción do PSOE para incluír a condonación da débeda ou compensación económica equivalente e esixindo a titularidade pública dos terreos portuarios, pero os socialistas non aceptaron. Pola contra, a Marea Atlántica si aceptou unha emenda popular que matizaba lixeiramente a súa, pola que finalmente insta ao Goberno central á condonación da débeda "ou medida equivalente" e urxe á creación dun "ente público" --e non consorcio exclusivamente-- como forma de participación e xestión do bordo litoral.

O PP constata a súa viraxe sobre o futuro do bordo litoral coruñés tras perder o Goberno de España e o PSOE advirte de que o Executivo de Sánchez vai "solucionar" a situación

Finalmente, os votos a favor dos concelleiros da Marea e do PP permitiron dar luz verde a esta moción, mentres que as presentadas polo PSOE e o BNG foron rexeitadas. Os socialistas, así e todo, advertiron durante o debate da súa convicción de que o Goberno de Pedro Sánchez vai "solucionar" a situación e contrastar coa "neglixente" actuación da etapa de Rajoy. Reprochan, tamén, que o goberno local vote no mesmo sentido que os populares.

Xiao Varela: "O tempo está a dar a razón a todos os postulados do goberno local" sobre os terreos portuarios

O texto aprobado supón, en calquera caso, unha constatación da viraxe escenificada polo PP tras perder o Goberno central. Así, insta o Executivo central á devandita compensación económica e revisión dos convenios de 2004 xunto coa constitución do "ente público" de xestión conxunta. Isto é, todo o que os conservadores rexeitaron ata hai apenas dous meses. Para o concelleiro coruñés de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, o do PP é "un exercicio de cinismo enorme" e ao PSOE cómprelle "valentía" no Executivo central. Así e todo, agrega, "o tempo está dando a razón a todos os postulados do goberno local", toda vez que dende hai "tres anos conseguimos que este pleno fose consciente de que era necesario mudar os lesivos acordos de 2004 sobre o futuro do bordo litoral".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.