A xefa de servizo de Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña dimitiu logo de coñecerse o ditame do Consello Consultivo, que considera nula a compra de dous dos pisos por parte da administración local para alugueiro social. Desvelouno na mañá deste mércores en rolda de prensa o concelleiro do ámbito, Xiao Varela, logo de que La Opinión adiantase o contido do devandito informe, que considera nula a adquisición de dúas viviendas que gañaran o concurso convocado para ampliar o parque inmobiliario municipal.
O Consultivo considera nula a compra porque no momento no que se presentaron ao concurso as vivendas non cumprían cos requirimentos esixidos
A revisión destas operacións fora solicitada polo pleno o pasado 12 de abril nunha sesión extraordinaria a iniciativa do PP e cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do grupo de goberno. O informe do Consello Consultivo considera nula a compra --non pode anular senón que é o Concello quen ten que facelo-- de dúas vivendas que foron sinaladas polos populares por ser propiedade dun dos asinantes do manifesto fundacional da Marea Atlántica. Considera que as operacións son nulas porque, no momento no que se presentaron ao concurso, non cumprían cos requirimentos esixidos. O ente consultivo considera que esta situación vulnera a libre concorrencia.
O Concello da Coruña revisará de oficio outras tres vivendas do concurso
Ademais, dos seis pisos que foron adquiridos polo Concello, tan só un está exento de novas revisións da súa compra. O goberno local, tal e como confirmou Xiao Varela en rolda de prensa, iniciará un procedemento de revision de oficio doutras tres vivendas. O Consultivo instou a fiscalizar todas as adquisicións que incumpran as bases do concurso.
Preguntado en rolda de prensa sobre se el mesmo pensa deixar o cargo, Varela asegurou que a súau dimisión "está na mesa do alcalde todos os días". Ademais, destacarta que se anule todo o concurso aínda que recoñece a existencia de erros humanos na comisión técnico e no procedemento de valoración.
Desde a oposición, o PSOE pediu "responsabilidades políticas" aínda que recoñece que non tivo acceso aos informes aínda. Con todo, uniuse á petición do PP para que dimitan o concelleiro Xiao Varela, así como o de Emprego e Economía, Alberto Lema O BNG asegura que dará unha valoración definitiva en canto estude con detalle a situación do proceso.
En declaracións a Radio Coruña, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recoñeceu "erros humanos" que "cómpre lamentar" e dos que deben "aprender". "Agora temos uns criterios e unha doutrina por parte do Consultivo; hai que paliar os erros, anular as adquisicións e mellorar as futuras políticas de vivenda". "Aplícase unha doutrina e temos que ser consecuentes", insistiu.
Xulio Ferreiro nega trato de favor e advirte de "erros humanos" dos que "cómpre lamentar e aprender"
Con todo, advertiu que no goberno local non permitirán "que un erro humano de persoas uqe traballaron moito implique abandonar políticas progresistas de vivenda". "Quen non fai nada por intervir nestas políticas de vivenda nin por aumentar o parque municipal ou están cómodos na situación actual non se van equivocar nunca", dixo quen cre que coa dimisión da xefa de servizo quedan resoltas as responsabilidades políticas.
Respecto das acusacións do PP de que o proceso foi irregular para favorecer unha persoa afín á Marea, Ferreiro lembrou que os propios funcionarios emitiran un comunicado negando "calquera presión política" e insistiu en "erros humanos". "Díxenlle ao concelleiro Varela que aceptase a dimisión porque se ía seguir poñendo o foco nunha persoa traballadora que acaba envolta nunha liorta política", insistiu. "Por suposto que non houbo trato de favor e nada diso se deriva de ningún informe", engadiu antes de lembrar que foron moitos anos nos que outros "si que gobernaron para os seus afíns, para os que queren que o prezo da vivenda sigua subindo ou que sexa un ben especulativo".