- HEMEROTECA | O feminismo fai historia nun 8M masivo en Galicia
- HEMEROTECA | Condena á TVG por vulnerar o dereito á folga na mobilización feminista do 8M
A Xunta vulnerou o dereito á folga na xornada de mobilización feminista do pasado 8 de marzo. Fïxoo cun decreto de servizos mínimos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera froito dun "comportamento malicioso" do Goberno galego que lle merece un "rotundo rexeitamento" e que atrancou o exercicio deste dereito fundamental en, cando menos, tres departamentos da Administración autonómica e mais na Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), onde a obstaculización da mesma folga xa dera lugar a outra condena no mesmo tribunal o pasado abril.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CC.OO) formularan cadanseus recursos aos servizos mínimos fixados pola Xunta para o 8M. Fixérano o 7 de marzo, apenas vinte e catro horas antes da propia folga, porque foi ese día cando a Xunta publicou oficialmente uns servizos mínimos que tiña redactados dende case unha semana antes. Ese propio xogo cos prazos é tamén motivo de reproche para o tribunal.
A sentenza conclúe que o Goberno galego "abusou da súa posición como autoridade" e "restrinxiu inxustificadamente os prazos" publicando os servizos mínimos o día previo á folga
Segundo consta na sentenza ditada o pasado 19 de setembro, á que tivo acceso Praza.gal, a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG considera que a Xunta incorreu nun "abuso da súa posición como autoridade gobernativa". Ao publicar o decreto o día anterior á folga "restrinxiu inxustificadamente o prazo" de impugnación aos sindicatos e mesmo prexudicou ao propio Tribunal, subliña, xa que "tal premura impediu un exame en profundidade de todos os servizos" afectados polos servizos mínimos. O Goberno galego obviou "principios" que deben presidir a súa actuación, como a "eficacia" e a "boa fe".
Alén desa premura, o TSXG analiza de xeito acumulado os recursos formulados polos sindicatos e admite "a maior parte dos argumentos" de CIG e CC.OO. para anular os servizos mínimos decretados. Se ben non comparte que a Xunta transgredise o dereito á folga no seus Rexistros, no transporte escolar e nalgúns departamentos do Sergas como a inspección sanitaria, cre que si o fixo no resto de áreas recorridas polas centrais sindicais: Presidencia da Xunta, o centro de emerxencias do 112, o Parque das Illas Atlánticas e a CRTVG.
O tribunal admite "a maior parte dos argumentos" da CIG e CC.OO. e anula os servizos mínimos impostos na Presidencia, no 112, no Parque das Illas Atlánticas e na CRTVG
No caso da Presidencia o Tribunal ve "desproporcionado e inxustificado" que a Xunta fixase como servizo mínimo a presenza as 24 horas do día de folga dun porteiro maior, máis que un domingo, e no 112 considera tamén contrario ao dereito á folga que impuxese a presenza do 100% do cadro de persoal que se ocupa de recibir as chamadas na central de emerxencias, o cal si ve correcto no posto de coordinación e soporte técnico. No Parque das Illas Atlánticas a sentenza non cre xustificado que se inclúa nos servizos mínimos a presenza dun guía -ten unha función "turística", alegaron os sindicatos- co argumento de que deben estar cubertas eventuais situacións de emerxencia.
No referido á CRTVG a sentenza conclúe que "non resulta admisible" que "nun día de folga" que "no seu conxunto abrangue as 24 horas" -CIG e CC.OO. convocaron paros parciais pero outros sindicatos como a CUT, folga xeral toda a xornada, lembra o ditame-, a Administración "pretenda emitir os programas informativos de forma íntegra no seu horario habitual". A Sala coida que "por tras dos servizos mínimos" fixados para a Televisión de Galicia e a Radio Galega "agochábase a vontade de privar de repercusión apreciable á folga" e facéndoo "empregando uns medios de comunicación" que non poden ser considerados como "servizos esenciais". A "actitude" da Xunta non pode ser considerada como "lícita", abonda a sentenza.
O TSXG sentencia que cos servizos mínimos impostos na CRTVG a Xunta "agochaba a vontade de privar de repercusión apreciable á folga"
Por todo isto o Tribunal anula o decreto de servizos mínimos nos devanditos departamentos e impón ao Goberno galego o pagamento das costas xudiciais do proceso "sen fixar un límite cuantitativo". Faino para deixar claro o seu "rotundo rexeitamento do comportamento malicioso da Administración ao actuar cun retraso inxustificado á hora de publicar o decreto de fixación dos servizos mínimos" e polo seu "comportamento tamén malicioso á hora de fixar os servizos mínimos nalgúns ámbitos da actividade administrativa", xa que isto supuxo "incorrer" nas "mesmas vulneracións" do dereito á folga que a propia Xunta cometer "en anteriores convocatorias de folga", dando lugar a múltiplas sentenzas xudiciais anteriores, lembra.
"Vulneraban o dereito fundamental á folga"
A CIG lembra que xa advertira de que os servizos mínimos eran "máximos, abusivos e esaxerados"
Unha vez coñecida a sentenza a CIG amosou a súa satisfacción a través da secretaria das Mulleres do sindicato, Margarida Corral, quen lembra que a central sindical xa advertira de que estes servizos mínimos eran "máximos, abusivos e esaxerados", mais aínda tendo en conta que "cando se presentou a convocatoria de folga fíxose un chamamento a unha folga de mulleres, polo que non tiña sentido fixar uns servizos mínimos abusivos, máis aínda cando os traballadores non estaban chamados a secundala".
Así, o sindicato ve "inaceptábel", por exemplo, que a Xunta "pretendese" que a CRTVG "mantivese a programación habitual durante os paros no canto de limitarse a informar sobre a incidencia da folga e as mobilizacións que se desenvolveron no decurso da xornada" e ve "impresentábel" que a Xunta "agardase ao último día para publicar o decreto". O propio tribunal, subliña, "rexeita este comportamento da Administración".