0 Gardados para despois

Podemos Galicia votará a súa nova dirección antes da renovación dos órganos de En Marea

Redacción | @prazapublica

Podemos Galicia votará a súa nova dirección e farao antes da renovación dos órganos de En Marea. A formación morada en Galicia convocou a súa III Asemblea Cidadá, un proceso interno que rematará a finais do próximo mes de outubro coa elección dun novo equipo de dirección a través dunha votación por vía telemática na que están chamados a participar as preto de 11.000 persoas inscritas que ten o partido no país. 

Carmen Santos, a actual secretaria xeral, non desvelou se se presentará á reelección

Así o avanzou en rolda de prensa a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, que non desvelou se a actual dirección se presentará á reelección ou se ela mesmo o fará tamén. Anunciarao proximamente, aclara. Quen si que parece que concorrerá seguro é o actual portavoz de En Marea no Congreso e un dos impulsores de Podemos en Galicia, Antón Gómez-Reino, Tone, cuxa contorna dá por segura a súa candidatura a liderar o partido. 

Segundo explica a formación, a decisión de convocar eleccións foi adoptada polo Consello de Coordinación de Podemos Galicia o pasado domingo nunha xuntanza na que se aprobou tamén o calendario para a renovación dos órganos internos do partido, que, ademais da Secretaría Xeral, están formados polo Consello Cidadán Autonómico, composto por 35 membros.

Antón Gómez-Reino, actual portavoz de En Marea no Congreso, ten previsto concorrer nas primarias de Podemos Galicia

O proceso iníciase este martes co inicio da recollida de avais necesarios para conformar candidaturas, cuxo prazo de presentación quedará aberto dende o luns 8 de outubro até o día 12. As votacións levaranse a cabo de maneira telemática entre os días 18 e 24; e o resultado será público o 25 de outubro. 

En Marea, pola súa banda, inicia o vindeiro sábado 29 de setembro a renovación dos seus órganos de dirección, que estará rematada antes de decembro. Este próximo sábado celebraranse encontros provinciais para fomentar a participación e tras recoller todas as achegas de todas as persoas inscritas para elaborar as teses políticas, estas  levaranse a votación ao plenario que terá lugar o sábado 27 de outubro. Nese encontro aprobarase tamén o regulamento para a elección do novo Consello das Mareas. Posteriormente, na semana do 19 ao 25 de novembro, celebraranse de xeito telemático as votacións temáticas “nas que todas as persoas inscritas exercerán o seu dereito a expresar a súa opinión sobre quen pensan debe dirixir o espazo político”. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.