"Somos máis útiles liderando Podemos Galicia cun escano no Congreso que sen el"

Carolina Bescansa, durante un acto en Galicia © Equipo Carolina Bescansa

Deputada no Congreso de Podemos e unha das fundadoras da formación morada, o seu enfrontamento coa dirección estatal non é segredo ningún. Anunciou a súa intención de presentarse ás primarias para liderar o partido en Galicia e as de Pablo Iglesias foron das primeiras críticas que lle chegaron. Tamén desde Galicia lle lembraron que leva vinte anos vivindo en Madrid e mesmo sinalaron a súa candidatura como un único intento de enfrontarse aos actuais dirixentes, valedores da candidatura do seu rival, Antón Gómez-Reino. Malia todo, Carolina Bescansa evita polémicas e cre que abrir ese debate interno neste momento "non lle fai ningún favor ao cambio político" no país. 

Como leva a campaña?

Sinto moita ilusión, non só no equipo, senón tamén na rúa, na xente que me para. Hai moita xente que ve en nós a posibilidade de aumentar as posibilidades de abrir a etapa post-Feijóo en Galicia e iso é unha boa nova para o país. Alédame porque eu tiven moitas dúbidas antes de dar este paso pero, finalmente, vexo que hai moitos e moitas que pensan que eu podo axudar a mudar a situación política, social e económica de Galicia e eu vou facer todo o que estea na miña man para que así sexa. 

"Tiven moitas dúbidas antes de dar o paso pero vexo que hai moita xente que pensa que podo axudar a cambiar Galicia"

Pablo Iglesias, Gómez-Reino e outros membros de Podemos criticaron a súa candidatura, mesmo aludindo á súa residencia en Madrid...

Centrar o debate que debe xirar na situación política de Galicia en temas de tipo persoal é unha falta de respecto aos inscritos e inscritas. Podemos e as forzas do cambio atravesamos un momento crucial para abrir esa porta á tranformación do modelo produtivo galego, á transición enerxética, a cambios no mercado de traballo en Galicia... O outro pode ser un debate moi importante en termos orgánicos ou persoais, pero abrilo neste momento non lle fai ningún favor ao cambio político. 

"Somos máis útiles ocupando a secretaría xeral de Podemos Galicia e un escano no Congreso que non ocupando ningún"

Vostede vive en Madrid e é deputada no Congreso, o outro candidato a liderar Podemos Galicia é tamén deputado na capital do Estado, vai seguir no seu escano se gaña as primarias?

Polo momento, penso que o espazo institucional onde podemos actuar é o Congreso dos Deputados porque é onde temos responsabilidade. Cando chegue o momento de ocupar outros espazos, abrirase coma sempre un proceso de primarias na organización e a xente decidirá o que temos que facer. Con todo, creo que somos máis útiles ocupando a secretaría xeral de Podemos Galicia e un espazo de responsabilidade institucional que non ocupando ningún. Os intereses de Galicia teñen moitos espazos diferentes onde se dirimen e onde hai que defendelos. 

O acordo orzamentario asinado por Podemos co PSOE pode impulsar o partido tras meses sen tanto protagonismo?

Este acordo ten que beneficiar a xente. A xente púxonos nas institucións para facer cousas que fosen boas para eles. Acadamos un acordo para o Goberno que implica a suba do SMI a 900 euros, así que se finalmente é validado pola maioría do Congreso será positivo para a cidadanía. Se incrementamos o importe das pensións e levamos ás institucións as demandas dos pensionistas nas rúas, tamén será un logro para a xente... Podemos é unha ferramenta da xente e para a xente temos que ser útiles. 

A marca Marea semella asentada en Galicia, mesmo con Podemos integrada nela, vai haber problemas coa marca nos diferentes procesos electorais no país?

Calquera discusión que poña no centro do debate os temas das marcas e non poña o modelo produtivo, a transición enerxética ou o modelo de traballo en Galicia é unha discusión errada. Temos que facer destas primarias un gran proceso de debate sobre o camiño que ten que percorrer Podemos Galicia e facer neste debate as propostas e as ideas que vaian centrar ese futuro para o país. Os tempos deste proceso non dan para un debate desa altura, pero temos o compromiso de facer unha gran conferencia política, se saímos vencedores, en decembro ou xaneiro para abrir a formación á sociedade civil, abrila ás universidades, aos centros de investigación, aos sindicatos, ás empresas, aos pensionistas e facer unha ruta de saída que axude a fixar o camiño nos concellos e tamén un camiño programático de cara ás eleccións autonómicas e xerais. 

"Sei que construír alianzas das forzas do cambio non é tarefa doada, pero tamén que as forzas reaccioarias buscan o relato da confrontación"

Vostede sabe que o tema da marca causa polémica en diferentes localidades de cara ás vindeiras eleccións municipais...

Son consciente de que construír as alianzas das forzas do cambio non vai ser tarefa doada, pero tamén de que hai moita xente que forma parte das forzas reaccionarias que están sempre dispostas a poñer todos os obstáculos e tratar de construír un relato de confrontación, división, enfrontamento... É responsabilidade de todas e todos saber que iso é así e que o centro do debate ten que estar nas propostas pero non nas marcas nin en ningunha discusión sobre nós mesmos, que é precisamente onde esas forzas reaccionarias nos queren ver. 

Aspirará a ser presidenta da Xunta se acaba liderando Podemos Galicia?

Aínda queda moito para ese posible escenario. Agora temos que gañar a organización para Galicia, gañar un futuro para o país... Pasiño a pasiño. 

Galicia lidera moitas mobilizacións a nivel estatal, os chamados gobernos do cambio teñen alcaldías en importantes cidades... Pero Feijóo repite unha maioría absoluta tras outra. Como se explica?

Non é un fenómeno exclusivo de Galicia. Os procesos de cambio político poden ter fases de moi intensa mobilización que non desembocan nunha transformación electoral. No caso do 15-M, en 2011, acabou no Estado coa maior vitoria electoral do PP. Por todo isto é tan importante que nós, en Podemos Galicia, sexamos quen de transformar este poso de mobilización social que hai en Galicia --pensionistas, sanidade, cerco, xustiza...--toda esa enerxía, esa forza de cambio, en cambio político. 

"Hoxe todo o mundo entende que unha ollada feminista sitúa a empatía no centro da política"

A súa lista de cara ás primarias é claramente feminina e feminista. 

O punto de inflexión coa mobilización deste ano o 8-M é un punto de non retorno. Hai unha transformación lenta pero irreversible en termos de identificación coa causa feminista na sociedade. Hai poucos anos, o termo feminista era rexeitado pero hoxe todo o mundo entende que unha ollada feminista sitúa a empatía no centro da política. A mirada das mulleres e das nais en particular ten unhas formas máis poderosas, de sororidade... Oxalá fósemos capaces de levar ese apoio e comprensión entre nós, a complicidade que sentimos as nais por exemplo, ao campo da política. 

"É a nosa responsabilidade que o debate se centre nas propostas e non nas marcas nin en ningunha discusión sobre nós mesmos"

En En Marea conflúen formacións e actores nacionalistas, independentistas, soberanistas... Que achega Carolina Bescansa neste debate territorial?

A nosa posición, a da nosa candidatura, é a de subliñar aquilo que nos une. Nós compartimos cos nosos aliados unha necesidade clara de transformar o modelo produtivo galego, a idea de que a corrupción, o caciquismo e o clientelismo son a outra cara da moeda da falta de desenvolvemento económico, estamos xuntos contra a privatización da sanidade e contra os recortes, tamén en abordar o despoboamento, pola produción de valor engadido ao noso sector primario... É sobre isto sobre o que temos que traballar e sobre o que se ten traballado. Temos que traballar máis intensamente e poñer o foco, no centro do debate, o cambio de modelo produtivo galego. Se non o abordamos, non será posible cambiar o modelo de traballo en Galicia ou reverter a precariedade. 

O que parece claro é que calquera alternativa a Feijóo en Galicia ten que ser mixta e a varios partidos. Cre que se está a asentar esa cooperación entre a oposición en temas fundamentais?

Todos os actores do cambio somos conscientes de que a mudanza económica e social en Galicia precisa dun acordo entre todas e todos nós. Ese acordo ten que ser virtuoso, baseado no respecto mutuo, no recoñecemento do que temos en común e no respecto ás diferenzas. Esa é a forma na que penso que temos que facer política e é moito máis doado de acadar cunha ollada feminista, a que sitúa a empatía no centro da política. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.