O xuíz cita como investigados os cargos da Xunta acusados pola Fiscalía de acoso inmobiliario a unha anciá

Presentación sobre o edificio achegada pola Xunta aos contratistas da obra de rehabilitación © Xunta

A secretaria xeral da Consellería de Facenda e o subdirector de Patrimonio da mesma área do Goberno galego terán que declarar o vindeiro novembro ante o titular do xulgado de instrución número 2 de Ourense, Luis Doval, como investigados -antiga imputación- por un presunto delito de coaccións inmobiliarias a unha anciá. Así o vén de constatar o xuíz nun auto asinado este 22 de novembro tras admitir a querela contra a Xunta formulada polo fiscal xefe ourensán, Florentino Delgado, na persoa destes dous cargos.

A Fiscalía acusa os dous cargos de Facenda de utilizar "medidas de presión non lexítimas" e "non amparadas en dereito" para desaloxar o inmoble

Como informou Praza.gal, a Fiscalía asumiu como propia a denuncia formulada polo avogado de Lucila, unha muller a piques de facer 93 anos que dende 1963 reside no edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana de Ourense, un organismo extinguido a finais dos anos 90 polo Goberno de Manuel Fraga en cuxa sede o actual Executivo quere instalar departamentos administrativos. Para facelo adxudicou o pasado xaneiro obras de rehabilitación por algo máis de 30.000 euros mediante un contrato no que advertiu á empresa adxudicataria de que no inmoble seguían a vivir dous veciños, ambos anciáns en pisos de renda antiga.

A muller, a piques de facer 93 anos, tivo que trasladarse a un hotel tras romper a cadeira e non poder acceder ao piso por non funcionar o ascensor

A querela do fiscal atribúe a estes cargos "medidas de presión non lexítimas" e "irregulares, non amparadas en dereito" para botar a Lucila do piso. Cita entre elas o servizo de limpeza ou o mantemento do ascensor, suprimidos para "presionar os inquilinos para o desaloxo" mesmo despois de tentar desafiuzalos pola vía xudicial e perder dúas veces, tal e como constatou a Audiencia Provincial ourensá en 2014. Fíxoo tras lles tomar declaración a ambos e mais ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, en calidade de testemuña. Agora, segundo fontes xurídicas consultadas por Praza.gal, ambos terán que declarar como imputados. Tamén terá que prestar declaración como testemuña a anciá afectada, que tras romper a cadeira en xuño tivo que trasladarse a vivir a un hotel ante a imposiblidade de subir as escaleiras do edificio ata o cuarto piso mentres o ascensor non funcionaba.

Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nunha comparecencia recente / Xunta

O presidente da Xunta saíu na defensa dos dous cargos agora imputados: "Están traballando para recuperar un ben de patrimonio da comunidade autónoma e merecen un respecto", subliñou

Diante deste procedemento xudicial, para o que as mesmas fontes confirman que o instrutor non reclamou polo momento fianza económica ningunha, tanto o conselleiro Martínez como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíron claramente en defensa dos dous cargos acusados. Así, Feijóo negaba a pasada semana que fosen certas algunhas das acusacións do fiscal, como non manter o edificio ata tornar en "insalubres" as zonas comúns, e advertía de que se trata de "empreagdos públicos que "están traballando para recuperar un ben de patrimonio da comunidade autónoma e merecen un respecto". "Coñezo os funcionarios, traballei na dirección xeral de Patrimonio e sei perfectamente que teñen absoluto rigor nas súas decisións", defendeu o presidente. Na miña liña pronunciouse o conselleiro.

As mesmas fontes consultadas prevén que a liña de defensa dos dous cargos vaia no sentido da argumentación do presidente a respecto da necesidade de "recuperar" para o uso público a vella sede da Cámara da Propiedade. No caso da secretaria xeral da Consellería, ademais, coidan que sinalará ante o xuíz, como xa fixo ante o fiscal, que as cartas á anciá nas que o fiscal observa medidas de presión non axustadas á lei eran redactadas polo subdirector, neste cargo dende 1998, e que ela se limitaba a asinalas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.