O PSdeG alerta de que o Concello de Mondoñedo "rebaixa 110.000 euros" en impostos a un parque eólico

Parque eólico de Montouto, promovido por Norvento entre Abadín e Muras © Norvento

O pleno do Concello de Mondoñedo aprobou o pasado venres cos votos a prol do PP (6 edís) e a oposición de BNG (3) e PSdeG (2) a rebaixa dun 50% do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para o parque eólico de Sasdónicas, que a compañía Norvento promove con tres aeroxeradores. O goberno mindoniense, que encabeza a tamén líder dos populares na provincia, Elena Candia, argumenta que non fai máis que aplicar a normativa municipal para promover a implantación de empresas pola vía das rebaixas fiscais. Para a oposición, Candia "actáu como accionista de Norvento" ao lle perdoar "preto de 110.000 euros" en impostos.

Esperanza González (PSdeG): "O Concello vai pasar á historia por ser o primeiro en rebaixar impostos por crear 5 empregos a unha empresa con máis de 20 millóns de beneficios"

A voceira socialista no Concello, Esperanza González, advirte de que a ordenanza na que se abeira Candia para rebaixar impostos a Norvento -aprobada por unanimidade cando pasou polo pleno- foi concibida para "a promoción de pequenas e medianas empresas e autónomos", non "para rebaixar impostos a empresas millonarias". "O Concello de Mondoñedo vai pasar á historia por ser o primeiro de Galicia en rebaixar un imposto pola creación de 5 postos de traballo a unha empresa que conta con máis de 20 millóns de beneficios", ironiza a socialista, que insta a ollar cara "outros concellos da provincia" como Muras (BNG) ou Abadín (PP), onde Norvento "ten centros de traballo e non lle fixeron ningunha rebaixa" de impostos.

Candia, alcaldesa de Mondoñedo, nun recente acto de partido con Feijóo / CC BY-SA PPdeG

"Por que os mindonienses teñen que deixar de percibir eses preto de 110.000 euros se non se fixo en ningún concello?", acrecenta o PSdeG, que coida que a vila "non pode permitirse o luxo de perder recursos e investimentos a costa dos favores políticos de Elena Candia". Nun sentido semellante o voceiro local do BNG, Eloi Cabanas, lamenta que a alcaldesa promova a rebaixa fiscal malia non depender dese xesto que Norvento se instale en Mondoñedo. A rexedora, segundo o nacionalista, debera "preocuparse polos veciños aos que a empresas lles entra nas leiras mentres están sen resolver as alegacións que presentaron" ao parque eólico e non "actuar como se defendese os intereses particulares dunha compañía privada".

O goberno local advirte de que se limita a aplicar as rebaixas fiscais previstas na ordenanza municipal para promover a implantación de empresas e atribúe á oposición "crítica feroz e despiadada" á creación de emprego

Diante destas acusacións o goberno de Candia saíu ao paso cun comunicado no que advirte que se está a limitar a aplicar a devandita ordenanza "e o convenio da FEMP ao que están subscritos os Concellos Doing Business" -fórmulada impulsada dende a Xunta para rebaixar impostos na implantafción de empresas-. "O obxectivo -defende o equipo do PP- era e segue sendo a implantación de empresas" e por iso "o goberno local lamenta estas declaracións tan inoportunas do PSOE e da súa voceira", que a xuízo dos de Candia está "en contra da creación de emprego na nosa localidade" e por iso fai unha "crítica feroz e despiadada" contra "aqueles que só miran polo futuro e o desenvolvemento económico de Mondoñedo".

Neste sentido, o Concello mindoniense ratifícase na rebaixa fiscal a Norvento e adianta que non será a última, de ser o caso. "O Concello seguirá traballando para crear emprego e sempre que unha empresa se comprometa a xerar emprego, terá a posibilidade de acollerse aos incentivos Doing Business", conclúe.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.