- DOCUMENTO | Escrito de acusación da Fiscalía contra os líderes independentistas cataláns
- Os líderes de BNG e Anova visitarán na cadea a Junqueras para mostrarlle o seu "apoio"
O xesto que esperaban os independentistas da Fiscalía non vai producirse este venres cando o ministerio público presente o seu escrito de acusación ante o Tribunal Supremo. Máis ben todo o contrario. Os fiscais do alto tribunal decidiron manter a acusación por rebelión contra os líderes soberanistas: para o ex-vicepresident Oriol Junqueras, para o exconseller de Interior Joaquim Forn, e para os outros catro ex-consellers encarcerados, Josep Rull, Jordi Turull, Raül Romeva e Dolors Bassa. Mentres o Ministerio Público mantén as acusacións, a Avogacía do Estado reclama até 12 anos de cárcere polos delitos de sedición e malversación para os líderes independentistas, pero descarta a rebelión.
O ex-vicepresidente catalán e líder de ERC leva a peor parte da acusación
A Fiscalía cualifica o proceso soberanista de Catalunya que desembocou na declaración unilateral de independencia como un delito de rebelión e reclama duras penas de prisión para os seus promotores: 25 anos de cárcere para o ex-vicepresident Oriol Junqueras e 16 para o exconseller de Interior Joaquim Forn, e os outros catro ex-consellers en prisión provisional, Josep Rull, Jordi Turull, Raül Romeva e Dolors Bassa. Nin rastro do xesto implorado por ERC e outros sectores soberanistas.
Oriol Junqueras, ex-vicepresidente catalán e líder de Esquerra / ERC
O ministerio público acusa igualmente de rebelión ao exlíder da ANC Jordi Sànchez e ao presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, e á expresidenta do Parlament Carme Forcadell, e pide para eles 17 anos de cárcere. Unha pena menor que a solicitada para os exconsellers ao non ser membros do Govern e, por tanto, non manexar fondos públicos para o 1-O.
O criterio da Fiscalía non o comparte a Avogacía do Estado, que acusará por sedición e malversación
O escrito do ministerio público, que ocupa 160 páxinas, dedica 120 a realizar un relato dos feitos anteriores e posteriores á consulta do 1 de outubro para xustificar a súa acusación. O criterio adoptado pola Fiscalía non o comparte a Avogacía do Estado, que decidiu acusar os dirixentes procesados por sedición e malversación de fondos públicos.
Mobilización pola liberdade dos dirixentes encarcerados polo 1-O / ANC
Ademais da rebelión, a Fiscalía concreta este venres as penas para os ex-consellers procesados por desobediencia e malversación, Santi Vila, Meritxell Borràs e Carles Mundó. Tamén para os seis ex-deputados unicamente procesados por desobediencia, delito castigado con inhabilitación no canto de cadea, e que completarán o banco de acusación do Tribunal Supremo con 18 acusados polo 'procés': Lluís Guinó, Lluís Corominas, Anna Simó, Joan Josep Nuet, Ramona Barrufet e Mireia Aboia.
Petición de 11 anos para Trapero e os seus superiores
Ata agora a Fiscalía non acusara a Trapero de rebelión
Tamén este venres confirmouse que a Fiscalía da Audiencia Nacional pide que Josep Lluis Trapero, ex-xefe dos Mossos, sexa condenado a 11 anos de prisión por un delito de rebelión. Solicita a mesma pena o ex-director dos Mossos Pere Soler e ao ex-secretario xeral de Interior da Generalitat César Puig. Para a intendente Teresa Laplana pide catro anos de prisión por un delito de sedición.
Até agora, a Fiscalía da Audiencia non acusara de rebelión, un delito castigado con até 30 anos de cárcere, aos acusados neste proceso. A primeira querela presentouse por un delito de sedición, e así se mantivo durante toda a instrución.
De feito, a xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela ditou auto de procesamento o pasado 5 de abril polos delitos de organización criminal e dous delitos de sedición polos feitos ocorridos o 20 e 21 de setembro fronte á Consellería de Economía -cando unha concentración dificultou unha operación policial contra os preparativos de referendo- en Barcelona e a xornada do 1 de outubro.
A Avogacía do Estado pide até 12 anos de cadea
Por outra banda, a Avogacía do Estado reclama até 12 anos de cárcere polos delitos de sedición e malversación para os líderes independentistas aos que acusa de permitir que se votase a secesión ao promover a declaración unilateral de independencia de Catalunya en contra do criterio do Tribunal Constitucional. O delito de sedición castiga a quen se alcen pública e tumultuariamente" co obxectivo de "impedir" pola forza ou fóra da lei o cumprimento de resolucións administrativas ou xudiciais, entre outras cuestións.
A Avogacía do Estado descarta finalmente o delito de rebelión, pola que foran condenados os responsables do 23-F
O órgano que defende os intereses do Estado descartou finalmente o delito máis grave de rebelión, polo que foron condenados os responsables do intento golpista do 23-F, e que establece de forma moi clara que ese alzamento debe ser público e, por tanto, notorio e manifesto; e tamén violento, é dicir, ir acompañado do exercicio da forza física ou dalgún tipo de amedrentamiento.
A reclamación de penas máis altas é para os considerados promotores da declaración unilateral de independencia. En concreto, doce anos para o ex-vicepresident Oriol Junqueras e once anos e medio para o exconseller de Interior Joaquim Forn, e os outros catro exconsellers en prisión provisional: Josep Rull, Jordi Turull, Raül Romeva e Dolors Bassa. A Avogacía do Estado tamén atribúe sedición a ex-presidenta do Parlament Carme Forcadell, para a que reclama 10 anos de prisión; e ao exlíder da ANC Jordi Sànchez e ao presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart, para os que pide oito anos.
A Avogacía do Estado pediu o pasado agosto que o xuíz abrise xuízo por delitos de rebelión, malversación e desobediencia. Con todo, finalmente descartou o delito máis grave separándose do criterio da Fiscalía.
A decisión de que a Avogacía non acusase de rebelión tomouse nunha reunión que mantiveron os membros do Executivo o pasado luns. Diferentes membros do Goberno, empezando polo propio presidente, Pedro Sánchez, xa deslizaran nas últimas semanas que non vían delito de rebelión.