Nova sentenza contra os chalés do Grove que levan 25 anos pasando por aparthotel en zona protexida: “unha fraude"

Urbanización de Raeiros, no Grove, declarada ilegal en reiteradas sentenzas pero aínda en pé CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O xuíz ratifica a demolición e pon como exemplo de que o construído non é un complexo turístico senón realmente vivendas individuais o feito de que os seus propietarios estean a recorrer por separado ante a xustiza

En 1992 a Xunta outorgou un permiso para que no lugar de Raeiros, no Grove, nun espazo natural non urbanizable de especial protección de costas, se levantase un aparthotel, unha das poucas construcións que de xeito excepcional e motivado polo interese turístico pode emprazarse nese tipo de chan. Porén, o que finalmente se construíu foron 52 chalés adosados vendidos como vivendas individuais. Agora unha nova sentenza volve esixir a súa demolición salientando a “fraude” da operación, que supuxo “sacrificar a protección especial dun chan de elevadas características paisaxísticas e ambientais” para unha urbanización privada que implicou “unha grave afección ao interese público e xeral”.

A resolución agora emitida polo xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra fai un repaso ás numerosas sentenzas e recursos previos dun longo litixio no que os tribunais veñen reiterando a ilegalidade do complexo ao tempo que sucesivos recursos dos propietarios veñen demorando a súa demolición ou transformación efectiva en aparthotel. “Os titulares das vivendas resistíronse a dita restauración efectiva [da legalidade], utilizando distintas técnicas para crear unha apariencia ficticia de disolución do parcelamento urbanístico sen chegara a implantar un uso hoteleiro real”, di a sentenza.

“Os titulares das vivendas resistíronse a dita restauración efectiva [da legalidade], utilizando distintas técnicas para crear unha apariencia ficticia de disolución do parcelamento urbanístico sen chegara a implantar un uso hoteleiro real”

O complexo, sinala o xuíz, foi promovido pola sociedade Inproin Galicia, da que formaba parte Fernando Varela Fariña, irmán do que foi conselleiro de Cultura no primeiro goberno de Feijóo, Roberto Varela. A sociedade foi vendendo as vivendas unha a unha e cometeu así, di a sentenza, “unha infracción urbanística moi grave mediante a técnica da fraude de lei” de xeito que “baixo a apariencia dun uso dotacional privado [o aparthotel], cuxo interese social xustificou naquel entón excepcionar e sacrificar a protección especial dun solo de elevadas características paisaxísticas e ambientais, executouse realmente unha urbanización privada, para un uso efectivo residencial (non dotacional) e ademais cun parcelamento prohibido”. O xuíz conclúe que “se alcanzou un resultado totalmente prohibido pola normativa aplicable, cunha grave afección ao interese público e xeral”.

Fragmento da sentenza contra a urbanización de Raeiros, no Grove

O xuíz conclúe que “se alcanzou un resultado totalmente prohibido pola normativa aplicable, cunha grave afección ao interese público e xeral”

Foi en 2007, durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG, cando a Xunta constatou que o construído non fora un aparthotel senón vivendas individuais e ordenou cumprir a legalidade. Os propietarios podían ou ben derrubar o construído e devolver o terreo á súa situación orixinal ou convertelo efectivamente nun aparhotel, algo que a nova sentenza constata que aínda non se fixo malia ordes expresas novamente ditadas en 2010, 2013 e 2014. Malia que os propietarios consideraban que esas ordes se ditaran de xeito incorrecto, o xuíz rexéitao e, centrándose no fondo do asunto, lembra que non hai probas de que o complexo funcionase nunca ata o de agora como aparthotel. O xuíz pon como exemplo de que a fraude continúa o feito de que a última orde de demolición fose recorrida ante el “por cada propietario separadamente (defendendo realmente a súa 'vivenda'), e non nun único litixio pola comunidade de bens en proindiviso que supostamente sería a propietaria e explotadora única de todo o complexo”.

Así, o xuíz ratifica a última orde de demolición ditada pola Xunta en 2014 , pero contra a súa decisión pode ser novamente formulado recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que máis de 25 anos despois o lugar de Raeiros seguirá a esperar por un aparthotel ou por recuperar o seu estado natural previo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.