0 Gardados para despois

O Poder Xudicial expedienta a xuíza Pilar de Lara por atrasar e acumular macrocausas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O nome da titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo está dende hai case sete anos irremediablemente ligado á vida política galega. A xuíza Pilar de Lara é a instrutora da operación Pokémon, que dende o seu estourido en 2011 levou por diante cargos políticos de signo diverso, fundamentalmente de PP e PSOE no ámbito municipal, así como dos casos Pulpo e Garañón, que lle custaron o posto ao anterior secretario xeral do PSdeG e, no caso do segundo, incrementou a presión política sobre o ex-alcalde lucense Xosé López Orozco. É tamén a responsable da operación Carioca, que destapou unha sórdida trama de explotación e maltrato de mulleres en clubs de prostitución con pólas no ámbito empresarial e policial. Todos estes casos teñen un punto en común: suman anos e extensión sen que se vislumbre o seu peche para dar paso aos procesamentos que correspondan, se é o caso.

O nome de De Lara está unido dende hai anos á vida política galega por ser a instrutora de operacións como Pokémon, Pulpo e Garañón

As grandes dilacións e as extensións aparentemente indefinidas das pescudas de Pilar de Lara foron obxecto de queixas, primeiro verbais e despois formais, de numerosas persoas que permanecen dende hai anos imputadas nestas operacións, pero tamén por parte doutros tribunais, como a Audiencia Provincial de Lugo e mais a Audiencia Nacional. Froito destes receos a finais do pasado marzo o pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial decidiu enviar unha inspección ao xulgado número 1 de Lugo. Tres membros do corpo de inspección do órgano de goberno da xudicatura avaliaron o funcionamento do xulgado de De Lara entre os pasados 21 e 31 de maio e o seu traballo vén de derivar na apertura dun expediente á xuíza.

A xuíza Pilar de Lara, nunha imaxe de arquivo da TVG / CRTVG

Tras a inspección do seu xulgado o Consello Xeral do Poder Xudicial considera que a xuíza puido incorrer en "desatención ou atrasos inxustificados" das causas que instrúe e xerar "incrementos ficticios do volume de traballo" con "manifesto abuso procesual"

Segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o responsable desta inspección decidiu abrir un expediente disciplinario á xuíza De Lara "pola suposta comisión" de varias das faltas contempladas na lei orgánica do Poder Xudicial para o caso de extensións e acumulacións de causas que non se realicen correctamente. Nomeadamente, coidan que a xuíza puido incorrer na "desatención ou atrasos inxustificados na instrución de causas penais", pero tamén avaliarán se tomou "decisións que, con manifesto abuso procesual", puixeron "xerar ficticios incrementos do volume de traballo en relación cos sistemas de medición" fixados polo propio Consello Xeral.

Durante o desenvolvemento deste expediente disciplinario o instrutor do procedemento poderá recabar novas probas alén das actas da inspección e Pilar de Lara poderá formular alegacións. Se o instrutor considerase que xorden "indicios racionais" da "comisión da falta moi grave" -a desatención ou atrasos inxustificados poden incluírse nese grupo de faltas- cabería a posibilidade de que a xuíza fose suspendida nas súas funcións por un máximo de seis meses.

A lei do Poder Xudicial contempla para faltas coma estas sancións que poden ir de multas a suspensións das funcións da xuíza

Se o expediente remata en sanción, as consecuencias para a xuíza poden ser varias. Unha delas é a suspensión, o traslado forzoso ou a separación das súas funcións, se lle é atribuída en firme unha falta moi grave. Se a falta é grave -a xeración de "incrementos ficticios do volume de traballo" ten esta consideración na lei orgánica do Poder Xudicial- a sanción consiste nunha multa de entre 501 e 6.000 euros.

O expediente disciplinario a Pilar de Lara chega despois das devanditas queixas e apercibimentos de persoas acusadas e doutros tribunais, pero tamén dalgún revés firme. Un dos máis significativos foi, o pasado setembro, o arquivo por parte da Audiencia provincial lucense das acusacións de suborno contra o ex-alcalde López Orozco que De Lara mantivera contra el durante anos. A mesma xuíza mantén o ex-dirixente socialista como imputado no caso Garañón, o mesmo que atinxiu a Besteiro, entre outros cargos políticos e empresariais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.