0 Gardados para despois

Paco Vázquez homenaxéase da man de Albert Rivera: "Son un crispador, e a moita honra"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O ex-alcalde socialista da Coruña e ex-embaixador español no Vaticano, Francisco Vázquez, volveu arroupar a dereita. Na súa propia cidade, acompañou o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, nun coloquio sobre o constitucionalismo que virou en duras críticas ao PSOE, ao Goberno de Pedro Sánchez e ao "populismo e nacionalismo" que, segundo ambos, sitúan España nun momento "grave e dificil" ante o que instan a reaccionar. 

Nin Vázquez nin Rivera fixeron alusión ningunha a Galicia ou á política galega agás para referirse ao temporal que azoutaba fóra

Nun acto de pouco máis dunha hora, nin Vázquez nin Rivera fixeron alusión ningunha a Galicia, á política galega ou á Coruña agás para referirse ao temporal que azoutaba fóra e que non impediu que máis dun milleiro de persoas --varias chegadas en tres autocares desde outras localidades galegas-- asistisen ao faladoiro. Tampouco houbo referencia que saltase o guión centrado no "golpe de Estado" en Catalunya, no perigo doutras opcións políticas, na necesidade de "defender" a unidade de España e nos ataques ao "sanchismo" que, segundo o lider laranxa, é o resultado dun PSOE que "rompe o constitucionalismo". 

Malia as gabanzas mutuas continuas, Vázquez non quixo comentar os rumores que o sitúan nunha lista electoral xunto a Ciudadanos para a alcaldía. Non era día para a política local, nin para Alcoa, nin para o futuro do peirao... Nin tan sequera para a polémica sentenza do Supremo sobre o imposto hipotecario cando o ex-alcalde e Rivera abordaron a "politización da Xustiza". Foi aí cando os dous aludiron a un presumible indulto aos líderes independentistas encarcerados ou ao criterio da Avogacía do Estado ante o xuízo a estes políticos. 

"Para manterse no poder, con tal de ter votos suficientes, o que se está a negociar é a propia idea de España", di Vázquez

"Para manterse no poder, o que se está a negociar é a propia idea de España; inténtase negociar, por interese propio e persoal, con tal de ter votos suficientes para seguir no poder", dixo Francisco Vázquez en referencia a Pedro Sánchez mentres Rivera advertía de que "o PSOE debería estar noutro sitio" e censuraba que permitise que "populistas e nacionalistas mandasen en España". "Non é cuestión de ser de esquerdas ou de dereitas, é ser constitucionalista ou non", engadiu. 

Francisco Vázquez e Albert Rivera, no acto celebrado no Palexco da Coruña / © Ciudadanos

Malia recoñecer pequenas diferenzas, estas non se viron nun coloquio no que ambos dixeron defender "os mesmos valores" e chamaron a "quitar os complexos" e "defender a idea de España". Rivera, ademais, chamou a "alistarse no exército civil de cidadáns libres e iguais" para "combater o nacionalismo" e volveu empregar linguaxe bélica para presumir de que el "alístase" xa nese grupo "para defender a Constitución". "Conxurémonos para que o constitucionalismo volva dar a cara", insistiu quen di loitar "contra a España tribal". 

Rivera chamou a "alistarse" nun "exército civil" e "conxurarse" para que "o constitucionalismo volva dar a cara"

"Son un crispador, a moita honra. É crispar berrar viva España ou que Navarra é España?", preguntouse Vázquez tras referirse Rivera ao polémico acto organizado pola plataforma do seu partido en Altsasu o pasado domingo. Foi daquela cando Rivera enumerou varios dos supostos problemas que a excesiva descentralización provocan no Estado. Volveuse referir aos presuntos atrancos que existen no sistema sanitario á hora de procurar un medicamento nunha farmacia de fóra da comunidade de residencia, un problema que só atinxe a Madrid pero que Ciudadanos emprega como ariete contra as autonomías. E preguntouse se era normal que houbese quen "non poida ir ao colexio nalgunha parte de España porque non hai español". "Imos ter que pedir unha instancia para estudar en castelán", repetiu tras criticar a televisión pública catalá por ser un "No-Do". 

Varios momentos do evento / Nós TV

Francisco Vázquez avogou por "acabar coa descentralización" no ensino e cargou "contra o concepto de lingua propia"

Daquela, Francisco Vázquez avogou por "acabar coa descentralización" na educación que supó un "ensino sectario" de España e mesmo cargou "contra o concepto de lingua propia", especificado por exemplo no Estatuto de Autonomía de Galicia. El e Rivera isistiron no innecesario debate dunha descentralización ao que ven problemas mentres fóra, só uns minutos antes, Manuel Monge, ex-concelleiro na Coruña repartira entre os asistentes centos de folletos que lembraban as palabras que a favor da autodeterminación pronunciaba acotío o ex-alcalde décadas atrás

Entre o público, ovacións pechadas a cada intervención contundente, pero en especial cando Albert Rivera reivindicou a igualdade salarial dos policías cos mossos d'esquadra ou coa Ertzaintza e cando Francisco Vázquez fixo un inciso na súa intervención para volver criticar con dureza a Lei de Memoria Histórica. Antes, o antigo líder socialista reivindicara "a coherencia dos partidos coas súas ideoloxías". No seu sofá, ante un enorme fondo laranxa e sen ningún referente do PSOE presente. Fóra, chovía a chuzos. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.