En Marea e BNG piden maior compromiso da Xunta e o presidente asegura que “non hai ningún goberno máis progresista coas mulleres e a conciliación laboral que este”
A catro días do 25-N, o día internacional pola eliminación das violencias machistas, a sesión de control ao Goberno galego deste mércores no Parlamento de Galicia foi centrada por En Marea e BNG en cuestións relacionadas coa muller e a igualdade. Porén, as respostas do presidente Feijóo a esa segunda cuestión xiraron arredor dos investimentos destinados pola Xunta a garderías e prestacións para a conciliación, identificando de xeito implícito esas cuestións coas mulleres e non tamén cos homes.
Foi en resposta a preguntas do portavoz de En Marea, Luís Villares, sobre a desigualdade económica das mulleres e as políticas orzamentarias da Xunta para reducir a súa fenda salarial cos homes cando Feijóo comezou indicando que a mellor medida para ese problema é a mellora do emprego feminino. Pero a continuación comezou a enumerar os investimentos do seu goberno en escolas infantís, casas niño ou bono concilia. “Non hai ningún goberno máis progresista coas mulleres e a conciliación laboral que este”, dixo o presidente.
Luís Villares e Ana Pontón, portavoces de En Marea e BNG
“Hai manadas na xustiza e na institución, demostre que vostede non forma parte de ningunha delas”, inquiriu Pontón a Feijóo
Previamente a portavoz do BNG, Ana Pontón, lembrou que no que vai de ano en Galicia foron asasinadas tres mulleres e 45 no que vai de década, e preguntouse cal sería a reacción do Goberno galego se os mortos fosen futbolistas ou deputados. A resposta de Feijóo foi acusar a Pontón de ocultar a existencia de mulleres futbolistas ou mulleres deputadas. “Que insinuacións trae a este Parlamento envolta na inmunidade parlamentaria”, chegou a dicirlle o presidente á nacionalista.
Pontón, pola súa banda, puxo sobre a mesa catro propostas concretas do seu grupo: que a Xunta destine cen millóns de euros á loita contra a violencia de xénero, que dea asistencia psicolóxica ás afectadas en atención primaria, que se cree unha unidade específica dentro da Dirección Xeral de Xustiza e que aumente un 30% a prestación que reciben as vítimas. “Hai manadas na xustiza e na institución, demostre que vostede non forma parte de ningunha delas”, inquiriu Pontón a Feijóo, que respondeu indignándose por esa identificación e asegurando que dos 16 programas vixentes de atención ás mulleres só dous estaban activos hai unha década durante o bipartito.