As eleccións, o 21 de outubro

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Alberto Núñez Feijoo anuncia a disolución do Parlamento e o adianto electoral, xustificado "polo momento de extraordinaria dificultade e conómica" e a necesidade de que o goberno saído das urnas poida aprobar os novos orzamentos. A oposición acusa a Feijoo de fixar a data ao ditado de Rajoy, que adiaría o anuncio de novos recortes até despois dos comicios galegos e vascos. A campaña electoral comezará o 5 de outubro. A convocatoria, obrigada pola decisión de Patxi López, anunciada a pasada semana, de adiantar os comicios vascos, impedirá que o PP leve a cabo a reforma electoral proxectada por Feijoo e tamén fará que o PSdeG-PSOE teña que renunciar ás súas primarias, que estaban previstas para o mes de setembro.

Feijoo reuniuse o venres con Rajoy en Madrid e afirmou que o presidente do Goberno central lle deu "liberdade" para elixir a data das eleccións. A oposición, con todo, acusou o presidente galego de actuar ao ditado de Madrid, necesitando das súas indicacións para decidir o adianto electoral. Neste senso, Francisco Jorquera (BNG) salientou esta mañá que foron Patxi López e Mariano Rajoy os que decidiron a data das eleccións en Galicia. Foron moitas as xuntanzas que o candidato dos populares mantivo con algún nomes importantes do seu partido en Galicia, como Rafael Louzán, Carlos Negreira, Xosé Manuel Barreiro ou José Manuel Baltar.

Parece que finalmente a data das eleccións galegas se decidiu en función dos intereses do Partido Popular en todo o Estado

Parece que finalmente a data das eleccións galegas se decidiu en función dos intereses do Partido Popular en todo o Estado. Nunha crónica publicada en ElDiario.es Gonzalo Cortizo salientaba que "Feijóo sabe agora que Rajoy prefire quitar urnas do medio; unha vez celebradas as eleccións vascas e galegas, ao de Pontevedra quedaríanlle por diante dous anos sen carteis electorais e sen a presión que iso supón". 

Francisco Jorquera (BNG) salientou esta mañá que foron Patxi López e Mariano Rajoy os que decidiron a data das eleccións en Galicia

Tamén queda anulada a comisión de investigación das caixas de aforros, prometida por Feijoo e anunciada por Pedro Puy a pasada semana cunha grande énfase. Ademais, quedarán polo camiño once leis que estaban en proceso de debate ou aprobación, ou cando menos prometidas para este outono. A nivel político, o adianto xoga en contra das formacións políticas en construción, como Compromiso por Galicia ou Anova, que terán que acelerar a súa toma de decisión de cara aos comicios, e reforza as marcas máis consolidadas, como PP, PSdeG-PSOE, BNG e EU.

Queda anulada a comisión de investigación das caixas de aforros e tamén quedarán polo camiño once leis que estaban en proceso de debate ou aprobación, ou cando menos prometidas

Outros factores aos que haberá que atender serán o calendario dos novos recortes que o Goberno de Mariano Rajoy anunciará este outono, cando comezará a chegar a inxección de capital para os bancos españois, e no que está sobre a mesa a posibilidade de que España pida un novo rescate. As eleccións tamén coincidirán con numerosas novidades sobre o futuro de Novagalicia Banco, para o que se tomarán, cando menos, decisións de recapitalización. Ademais, o proceso aberto pola estafa das preferentes tamén marcará a campaña electoral, unha vez que do Goberno central xa rexeitou que os afectados poidan recuperar directamente os seus cartos retidos. Finalmente, a campaña electoral coincidirá tamén co comezo do xuízo do Prestige, previsto para o 16 de outubre.

 

Leis pendentes

A disolución anticipada do Parlamento impedirá a aprobación dalgunhas leis e normas que se atopaban en proceso de redacción e debate na cámara, coma a Lei do Sistema Universitario, a de Impulso e Ordenación das Telecomunicacións, a de Fomento da Investigación e a Innovación, a de Transporte Público en Vehículos de Turismo -Lei do Taxi- e a Lei de Inclusión Social. Tamén fará imposible que o Partido Popular cumpra coa promesa de aprobar outras, con traballos aínda non iniciados, coma a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria ou a Lei de Apoio ao Retorno.

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.