Pachi Vázquez encabezará a lista socialista por Ourense

Pachi Vázquez, nun acto público recente CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG-PSOE e candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Pachi Vázquez, encabezará a lista socialista por Ourense. Trátase da primeira vez na historia da autonomía política de Galicia que un candidato con opcións reais de goberno opta pola provincia de Ourense para concorrer aos comicios autonómicos. Segundo as fontes consultadas por Praza, a ningún socialista lle vai sorprender a decisión tomada por Vázquez ao ser “coherente coa súa traxectoria política” e os propios socialistas ourensáns non teñen dubidas sobre a opción do líder socialista galego.

O Comité Nacional Galego aprobou este sábado, por aclamación, a candidatura de Vázquez á Presidencia da Xunta, co único voto en contra de José Luis Vergara, ex alcalde de Cedeira, que quixo manifestar a súa oposición "ao procedemento". Porén, os socialistas veñen traballando dende hai días na preparación dos equipos de campaña e na estratexia electoral. Na sede do Pino, en Compostela, están convencidos de que están ante unha oportunidade real de cambio que queren aproveitar e traballan na elaboración dun programa adaptado “ás necesidades reais do país”.

Na estratexia electoral do PSdeG,  a diferenza no que ocorreu en outras eleccións, non se traballa coa idade de fomentar unha imaxe presidencialista do candidato

Na estratexia electoral do PSdeG, a diferenza no que ocorreu en outras eleccións, non se traballa coa idade de fomentar unha imaxe presidencialista do candidato, senón que optarán por unha fórmula que potencie a cualificación e a solvencia do secretario xeral dos Socialistas Galegos, xunto á existencia dun equipo sólido e preparado para gobernar. Neste sentido lembran as propostas feitas en positivo durante a pasada lexislatura agrupadas na campaña Galicia como tarefa que impulsou persoalmente Pachi Vázquez.

Os socialistas pretenden presentar un programa á sociedade galega  “real e  posible” para blindar as conquistas sociais e para profundizar na rexeneración democrática. Non haberá grandes promesas pero si compromisos irrenunciables.

Dende o Comité de Estratexia traballarase para conseguir unha implicación persoal de Pachi Vázquez en toda a campaña. Non haberá actos electorais espectaculares e organizaranse encontros nos que a xente teña facilidade para falar e escoitar o líder socialista. Ademais coidarase ata o extremo a presenza de convidados doutras partes do Estado. Estarán en Galicia o presidente de Asturias, Javier Fernández e o de Andalucía, José Antonio Griñán  ademais de ex ministros como Trinidad Jiménez. Tamén barallan a posibilidade de incorporar á campaña ao ex presidente do Goberno, Felipe González e ao veterano dirixente Alfonso Guerra.

Blanco comunicoulle a Pachi Vázquez que non ten ningunha pretensión de encabezar a lista socialista por Lugo ao Parlamento galego

Non se descarta, tampouco, a presenza do ex ministro de Fomento e ex vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco, pola predisposición amosada por este a axudar na campaña. O ex número dous socialista comunicoulle a Pachi Vázquez que non ten ningunha pretensión de encabezar a lista socialista por Lugo ao Parlamento galego. Dende o seu entorno consideran esta posibilidade “un disparate que non ten sentido”.

A Executiva galega quere deixar ao marxe as liortas internas e os debates sobre modelo de partido para comparecer ante a sociedade galego como un partido unido capaz de liderar un goberno galeguista e de cambio alternativo aos gobernos conservadores.

Pachi Vázquez, nun acto público recente CC-BY-NC-SA PSdeG
José Blanco e Pachi Vázquez, nun acto de partido CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.