"Non porei nomes sobre a mesa, pero na mente de todos están supostos destes casos". Suxeriuse durante a campaña das eleccións xerais, durante meses axitouse con intensidade en diversos ámbitos mediáticos, especialmente televisivos, entre nomes como Mari Luz Cortés, Marta del Castillo ou José Bretón. E este venres chegou á mesa do Consello de Ministros. En plena treboada interna no seo do PP pola excarceración por razóns humanitarias do membro de ETA Iosu Uribetxeberría o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, presentaba ante os medios un informe do que será o proxecto de reforma do Código Penal, unha dura modificación normativa que ten como punto estrela a instauración, por primeira vez en democracia no Estado español, da cadea perpetua.
Oficialmente presentada como un modelo de "prisión permanente revisable", esta nova sanción é xustificada por Ruiz-Gallardón como unha vía para abordar os delitos nos que "non basta con que transcorrese o tempo" para que as persoas que os cometan estean xa orientadas cara á "fin da reinserción" que a Constitución establece para as penas de cárcere. Segundo o gabinete que preside Mariano Rajoy a decisión tómase despois de "escoitar a expertos" e sempre tendo en conta o "dereito comparado", con "países do noso entorno" como referencia. Neste contexto a cadea perpetua "revisable" será aplicable a "homicios terroristas", a asasinatos "cometidos contra o rei, o príncipe herdeiro ou xefes de Estado estranxeiros" e tamén ao "xenocidio e crimes de lesa humanidade con homicidio".
"Non porei nomes sobre a mesa, pero na mente de todos están supostos destes casos", di Ruiz-Gallardón
E xunto a estes supostos, os máis mediáticos, os que Ruiz-Gallardón denomina "asasinatos agravados", a saber: "cando a vítima sexa menor de dezaseis anos ou se trate dunha persoa especialmente vulnerable", cando o asasinato se produza tras un "delito contra a liberdade sexual", nun asasinato múltiple ou "nos cometidos por membros dunha organización criminal". Respóndese así, polo tanto, ás reclamacións xurdidas en foros diversos sobre os casos aos que o ministro prefire "non poñer nome".
Como se concretará este novo tipo penal? Mediante o establecemento dunha período mínimo de privación de liberdade de entre 25 e 35 anos que deberá ser cumprido "integramente" e "só despois deste se aplicará o sistema de revisión, que permitirá a posta en liberdade do condenado se cumpre unha serie de requisitos", aínda non revelados polo Goberno. A revisión poderase realizar "a petición do reo" e, en calquera caso, "de oficio" cada dous anos por parte do tribunal que o xulgase.
"Custodia de seguridade" e novos tipos de "atentado" á autoridade
Non é a cadea perpetua o único ámbito no que Ruiz-Gallardón se propón facer máis férreo o sistema penal español. Dende o convencemento de non estar atentando contra "dereitos fundamentais" o ministro avanza tamén a instauración da denominada "custodia de seguridade", unha "medida privativa de liberdade para casos excepcionais" que se "aplicará unha vez cumprida a pena de prisión", no caso de que o tribunal correspondente considere que "se mantén a peligrosidade do penado". A súa duración poderá chegar ata dez anos e aplicarase en delitos "contra a vida, a integridade física, a liberdade, a liberdade ou indemnidade sexual, os cometidos con violencia ou intimidación, contra a comunidade internacional, terrorismo ou tráfico de drogas".
Calquera suposto de "acometemento, agresión, emprego de violencia ou ameazas" contra un axente será un "atentado"
Outro dos aspectos que, a priori, se presenta como especialmente controvertidos é a nova regulación do "delito de atentado" contra a autoridade. Coa, segundo o Ministerio, vontade de "clarificar" esta conduta delitiva, cando o novo Código Penal estea en vigor será un atentado calquera suposto de "acometemento, agresión, emprego de violencia ou ameazas graves de violencia sobre o axente". "A falta de desobediencia desaparece, pero sancionarase como infracción administrativa" e a resistencia pasiva manterase, "como ata agora, penada con entre seis meses e un ano de cárcel".
Xunto a esta modificación Ruiz Gallardón introduce outra, especialmente sensible en tempos de convulsión social e protestas, a inclusión "na definición de alteración da orde pública" dunha "referencia ao suxeito plural e á realización de actos de violencia", xa sexa "sobre persoas" ou "sobre cousas". Neste sentido o Goberno central prevé "castigar" a "difusión de mensaxes que inciten á comisión dalgún delito de alteración da orde pública". Non se trata, afirman, da "simple convocatoria de mobilizacións", senón da "incitación a cometer actos de violencia constitutivos de desordes graves nesas convocatorias". Estes tamén están aínda por definir. Os "dereitos fundamentais", insiste Ruiz-Gallardón, permanecen intactos.