Mario Conde anuncia que se presenta ás eleccións imitando o acento galego

Mario Conde no acto celebrado en Santiago © SCD

A dereita tamén se fragmenta. O tempo dirá se Mario Conde debilita a posición do Partido Popular nas eleccións do 21-O, pero de momento xa sabemos que o seu partido Sociedad Civil y Democracia (SCD) se presentará aos comicios e que o propio ex banqueiro, nacido en Tui e condenado a seis anos de prisión por apropiación indebida de 600 millóns de pesetas, será o número un por Pontevedra. Pola Coruña a lista estará encabezada por Francisco Javier Fernández Tarrío, que abandonou a executica do PP coruñés.

Conde será o número un por Pontevedra. Pola Coruña a lista estará encabezada por Francisco Javier Fernández Tarrío, que abandonou a executiva do PP coruñés

Sociedad Civil y Democracia preparara para este sábado en Compostela un gran acto politico concibido como un congreso aberto para que os seus simpatizantes decidisen se o partido se presentaba ás eleccións galegas. E votárono por aclamación. En calquera caso o acto, que se celebrou no Pazo de Congresos e para o que SCD afirmara que tiña xa 1600 persoas inscritas, apenas conseguiu encher a metade do auditorio. Si estiveron Alfredo Conde e Gloria Lago, ademas do ourensán Daniel Movilla, presidente de SCD.

O acto comezou cunhas intervencións iniciais dalgúns simpatizantes do partido que salientaron que "aqui estamos os que non somos politicos" e que afirmaron que SCD non é "un partido de esquerda, nin de dereita, nin de centro". A meirande parte dos discursos fixeron referencia á fin das ideoloxias, á critica a partidos, sindicatos, CEOE e ás autonomías, denunciando ademais que "a nación máis antiga do mundo está en proceso de desintegración por mor das oligarquias locais".

Sen abandonar o castelán dedicouse unha e outra vez a imitar un forzado acento galego para reproducir supostas conversas con persoas que o abordaran pola rúa nalgún momento en Galicia

Coma nun concerto con teloneiros e unha única estrela, todos (mesmo Gonzo de El Intermedio) agardaban por Mario Conde. Do ex banqueiro, micrófono en man e paseando polo estrado, chamou máis a atención a posta en escena que o seu discurso. Sen abandonar o castelán dedicouse unha e outra vez a imitar un forzado acento galego para reproducir supostas conversas con persoas que o abordaran pola rúa nalgún momento en Galicia. En canto á súa mensaxe Conde destacou que "este pais ten un fallo multiorgánico porque deixamos as cousas en mans dos políticos". Conde salientou a "incomodidade" que sentia ao pertencer a "un sistema politico e financeiro co que non estaba de acordo". Aludiu ao "medo que domina a sociedade" e concluiu que "estamos aqui para rebelarnos contra ese medo". 

Sobre a cuestión lingüistica criticou "o proceso de eliminación do castelán en Galicia". Ademais fixo unha referencia ao seu “amigo y primo” Alfredo Conde, do que dixo que foi deixado á marxe por escribir en castelán a pesar de ser “gallego-pensante”.

Mario Conde no acto celebrado en Santiago © SCD
Momentos iniciais do acto CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.