José Luis Baltar culminou coa cesión da Deputación de Ourense ao seu fillo, Manuel Baltar, a operación sucesoria que iniciou hai dous anos co nomeamento do seu herdeiro como presidente do Partido Popular de Ourense. Con este paso perfectamente calculado perpetúase un dinastía política na provincia de Ourense, que leva 22 anos no poder, e que controla o aparato do partido conservador no interior de Galicia.
O nomeamento do fillo, ata agora colocado na vicepresidencia primeira do Parlamento, permitirá seguir condicionando ao presidente da Xunta ao converterse na cabeza de más 60 alcaldes que responden ata o momento incondicionalmente ás ordes de Baltar e que son o músculo de todas as vitorias que os populares acumulan dende á volta da democracia.
O presidente do Partido Popular de Galicia e tamén do Goberno galego observa dende a distancia todo este proceso e espera a ocasión para intervir. Os seus fieis na provincia, poucos pero agrupados en torno o alcalde de Verín, Juan Miguel Jiménez Morán, e o concelleiro en Allariz, Antonio Rodríguez Miranda, cren que “é unha cuestión de tempo porque as illas neste partido non sobreviven”.
"Non convido a Manuel Baltar ás festas"
Os leais a Santiago, que evitan dar os seus nomes pero non evitan falar, confirman que “a brecha que hai é moi grande pero somos conscientes de que non temos marxe”. Trala aparente cordialidade e as manifestacións de recoñecemento mutuo escóndense xestos de hostilidade que aínda que parezan pouco significativos son enormemente simbólicos. Un dos rexedores consultados por Praza aclara: “Eu non convido a Manuel Baltar a festas que se fan no meu concello, fíxeno co pai porque non me queda outro remedio por lealdade institucional pero eu non o convido porque de momento non era nada e eu son alcalde”.
Tanto dirixentes populares galegos como rexedores da provincia fieis e disidentes asisten con un premeditado silencio público a entronización de Baltar Blanco. Só falan portavoces como o secretario xeral, Alfonso Rueda, que manifesta que “en todo o procedemento estase a seguir un escrupuloso respecto as normas democráticas”. Porén os de abaixo falan, esperan e perfilan un discurso único que conflúe nunha idea “estamos na conta atrás, o primeiro en renderse foi o pai que non viu en ningún dos gobernos xente colocada do seu ramo e non aguantou máis”. Os fieis a Feijóo esgrimen “que a situación financeira da Deputación é asfixiante e non hai marxe para facer moito máis por iso Baltar tampouco tiña moitas alternativas”. Este lastre vai ser herdado polo seu fillo “pero non o seu carisma e van quedar desencantados ao ver que no pode colocar a fillos, noras e xenros porque no hai, a torta rematou e Feijóo non vai investir un peso”.
"Unha capacidade extraordinaria para resistir"
Non obstante, non todos son inconvenientes para o baltarismo, ata os inimigos lle recoñecen ao novo líder “unha capacidade extraordinaria para resistir e unha ambición desmedida que o pode facer aguantar un tempo na Deputación e no partido”. O propio presidente do PP ourensán acredita nas súas intervencións pública moita temperanza e fai un uso exquisito da linguaxe no plano formal para evitar calquera reproche público contra o presidente da Xunta ou a dirección popular. Con habilidade dialéctica refuta facer valoracións sobre cuestións concretas como os investimentos da Xunta en Ourense e insiste nas debilidades das demais formacións políticas ás que sitúa en proceso de refundación. En temas mais delicados como o persoal administrativo e as contratacións remítese a xustiza que non detectou anomalías destacadas e incluso algunha concelleira baltarista empregada na Deputación fai chanzas dicindo “son unha enchufada”.
O único anuncio concreto que Baltar Blanco fixo ata o de agora foi o da continuidade da “marca propia do PP ourensán”, é dicir, visitas, contacto directo e presenza ata no último recuncho da provincia de Ourense porque segundo di: “Por encima de todo Ourense”.
Os que esperan a súa oportunidade enumeran os alcalde disidentes: Leiro, Verín, Beade, Arnoia, San Amaro... e concretan na figura de Antonio Rodríguez Miranda a persoa que debería suceder a Baltar “pero de momento toca esperar” porque tómanse en serio ameaza do patriarca “nun momento dado pódese botar un pulso a Feijóo” e entón adeus maioría.