Feijóo reivindica a súa orixe de "aldea" fronte aos "nacionalistas que tocan pianos"

Feijóo, nun intre do mitin de Monforte © PPdeG

Cando, a mediados da pasada lexislatura, o PP emprendeu o lanzamento da candidatura de Alberto Núñez Feijóo á Presidencia da Xunta, un dos primeiros retos para os conservadores foi tentar incrementar o coñecemento do seu cabeza de cartel entre a cidadanía e, ao tempo, tentar mudar a percepción que existía sobre el. Detectaran que Feijóo era observado como unha persoa distante e mesmo cun punto snob que pouco ou nada tiña que ver co perfil dos celeiros de votos do partido, concentrados en torno ao que se deu en chamar o PP "da boina", isto é, de extracción maioritariamente rural e traballadora. Dentro desta estratexia entrou a mudanza da imaxe física do candidato -por exemplo, propiciouse que Feijóo prescindise do fixador para o pelo- e popular o seu lugar de nacemento, a pequena vila dos Peares, fronte á cidade de Vigo, o seu lugar de residencia. Procurouse amosar a Feijóo como exemplo da persoa do rural que é quen de chegar a acadar importantes cotas de poder pola vía do esforzo. O aspirante a reelección semella apostar de novo por esa táctica para o que resta de campaña.

Nun escenario no que as enquisas preelectorais prognostican un panorama moi aberto e pouco cómodo para os intereses do PP, Feijóo aproveitou un mitin en Monforte para realizar unha intervención apaixonada e mesmo cun chisco de rabia no ataque aos rivais, tanto ao PSdeG e ao BNG como ás novas formacións que debutan nestes comicios, con especial atención a Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Así, cunha lixeira reciclaxe do argumentario de 2009, cando Emilio Pérez Touriño pasou a ser o "sultán de Monte Pío" e Anxo Quintana o amante do "gasto suntuario", o líder conservador explicoulles ao seu o "sorriso" que lle inspira recibir críticas dos "líderes nacionalistas que tocan pianos e viven en grandes casas" ou tamén dos "líderes do PSOE" aos que "lles gusta montar a cabalo" cando, asegura, "eu o único cabalo que vía [durante a infancia] era cando vía o Virginiano na tele".

"Se non chegamos a estar nós collendo masivamente a pescada, as pescadas chegarían ás praias e morderían os rapaces nos nocellos", relatou

"Que veñan aquí a ver se somos ricos, se temos grandes patrimonios", arengou aos seus. "Que veñan polas aldeas, que pregunten como vivimos e como nacimos aquí, que pregunten, que se enteren!", proclamou antes de esixir "un pouco de rigor" aos seus opoñentes electorais. Por todo isto, na súa opinión, cabe preguntarse "que é iso?" cando outras formacións "din que estamos pensando todo o día en Madrid".

As afirmacións de Feijóo sobre a súa orixe rural tiveron un certo predicamento ao longo deste luns polas redes sociais de internet, aínda que sen chegar ao furor causado por outras verbas do actual presidente, pronunciadas horas antes nun acto de partido sobre o sector pesqueiro. Como en Monforte, Feijóo botou man do ton distendido para dirixirse aos congregados, aos que lles explicou unha anécdota acontecida "unha madrugada que fun a Burela" cun patrón de pesca que, advirte, "non sei se esaxerou". O patrón, di, relatoulle que "se non chegamos a estar nós collendo masivamente a pescada, as pescadas chegarían ás praias e morderían os rapaces nos nocellos". "Non sei se é verdade pero quedoume gravado", asegura, e por iso a continuación cuestionou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, sobre se o patrón "estaba de coña". "Non, non, nunca houbo tanta pescada como hai nos últimos anos", foi a resposta. Por iso, conclúe Feijóo, "habería que poñer a algún de Bruxelas nesas praias" e deixar "de pescar pescadas" para así instalos a non limitar as capturas da frota galega, conclúe.

Feijóo, nun intre do mitin de Monforte © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.