O 68% dos concellos con bus da Xunta para ir votar son do PP

Cidadáns nun colexio electoral de Lugo, nas pasadas municipais CC-BY-SA Merixo

Case sete de cada dez concellos que contarán con transporte gratuíto habilitado pola Xunta para ir votar nas eleccións do 21 de outubro están gobernados polo Partido Popular. Nomeadamente, 89 dos 130 concellos que contarán con este servizo, o 68%, terán á súa disposición un autobús, un microbús ou un ou varios taxis para que a veciñanza se poida desprazar a depositar o seu voto. Casualidade ou non, o certo é que é exactamente a mesma proporción de municipios que gobernan os conservadores no conxunto do país: 217 de 315, isto é, o idéntico 68%. No resto, 23 teñen alcalde ou alcaldesa do PSdeG, 14 do BNG e 4, rexedores ou rexedoras independentes.

Pode haber quen pense que a Consellería de Presidencia -dirixida por Alfonso Rueda, quen tamén é xefe de campaña do PP- procurou deste xeito evitar suspicacias cunha acción gobernamental que, dende que foi anunciada o pasado xoves, espertou todo tipo de suspicacias. Así, por exemplo, unha ollada ás redes sociais de internet permite observar como agromaron críticas, ironías e mesmo algunha parodia vinculada a un termo que vai ligado, para mal, a todas as eleccións celebradas en Galicia: a "carretaxe", isto é, o transporte máis ou menos voluntario do electorado -xeralmente de avanzada idade- para tentar influír na súa decisión á hora de votar.

A porcentaxe de concellos que goberna o PP no conxunto de Galicia é idéntica á do reparto de transporte de balde para as eleccións

Pero, con independencia de que este fenómeno, que mesmo chegara a ser retratado nun documental gravado na xornada electoral das autonómicas de 2001 -e recollido posteriormente no filme colectivo Hai que botalos-, poida sobrevoar o servizo do denominado "transporte institucional gratuíto", a acción de Presidencia non é inédita. Non en van, cando menos nos comicios galegos do ano 2009 a Xunta xa habilitara vehículos de balde "para facilitar a accesibilidade da cidadanía ás urnas". Do mesmo xeito, é relativamente habitual que os concellos con núcleos de poboación con dificultades de accesibilidade tamén fagan o propio cando a convocatoria de comicios é municipal.

Neste sentido, a Xunta salienta que a dirección xeral de Relacións Institucionais, que artella o dispositivo, "recibiu a solicitude" de cada un dos 130 gobernos locais, que reclaman transporte para que a súa veciñanza "poida exercer o seu dereito ao voto". Nomeadamente, fletará 59 vehículos na provincia da Coruña, 57 na de Lugo, 96 na de Ourense e 35 na provincia de Pontevedra, onde ademais se agrega "un barco para os residentes na illa de Ons". 

 

Concellos con transporte gratuíto da Xunta o 21-O
A CORUÑA 42 autobuses e 17 microbuses
Abegondo, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Cariño, Carral, Cedeira, Cesuras, Corcubión, Curtis, Dodro, Irixoa, A Laracha, Lousame, Mañón, Melide, Monfero, Neda, Negreira, Noia, Ortigueira, Paderne, Ponteceso, As Pontes, Porto do Son, Rianxo, Santiso, San Sadurniño, Sobrado, Touro, Val do Dubra, Valdoviño e Vimianzo
LUGO 14 autobuses e 43 microbuses
Abadín, Antas de Ulla, Baleira, Carballedo, Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, Ribas do Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Taboada, Trabada, Vilalba
OURENSE 19 autobuses e 77 microbuses
Allariz, Amoeiro, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Beariz, Os Blancos, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Castrelo de Miño, Castrelo de Val, Cenlle, Cortegada, Entrimo, Esgos, Gomesende, O Irixo, Laza, Larouco, Maceda, Melón, A Merca, A Mezquita, Muíños, Oímbra, Paderne de Allariz, Padrenda, Parada de Sil, A Peroxa, Petín, Piñor, Pobra de Trives, Pontedeva, Porqueira, Punxín, Quintela de Leirado, A Rúa, Rubiá, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoan de Río, Sarreaus, Taboadela, Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Verea, Verín, Vilamartín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, e Xunqueira de Ambía
PONTEVEDRA 7 autobuses, 28 microbuses e 1 barco
Agolada, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo, Covelo, Forcarei, Lalín, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecaldelas, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa

 

Cidadáns nun colexio electoral de Lugo, nas pasadas municipais CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.