A Policía carga con dureza durante o mitin final do PP en Ourense

A Policía carga contra os manifestantes © Óscar Pinal

Unha forte carga policial despediu a campaña do PP en Ourense. Segundo denuncian varios coletivos, numerosas persoas sufriron golpes por parte das forzas de seguridade ás portas do pavillón dos Remedios da cidade das Burgas, onde se manifestaban afectados polas participacións preferentes, así como un grupo de estudantes, que berraban contra as políticas levadas a cabo polos conservadores.

A Policía cargou contra afectados polas preferentes e estudantes

O colectivo Estudantes den Futuro denuncia que no mitin houbo "un desproporcionado número de antidisturbios" que acabaron por levar a cabo unha carga "brutal, desproporcionada e arbitraria". Segundo esta organización, foron golepeados case todos os mozos presentes e algúns deles acabaron con fortes hematomas, tal e como se pode apreciar nas imaxes captadas polo fotógrafo Óscar Pinal.

Incluso denuncian que houbo xente que sufriu paus na cabeza e que quedaron semi-inconscientes no chan. Unha rapaza tivo que ser trasladada ao hospital por golpes no pescozo, logo de que foran detidas e identificadas varias persoas.

O inicio da campaña tamén comezar con polémica arredor das actuacións policiais, logo de que varios axentes cargaran contra manifestantes do sector naval en Ferrol. Daquela fora detido o responsable comarcal da CIG, Xesús Anxo López Pintos, quen denunciou torturas.

A Policía carga contra os manifestantes © Óscar Pinal
O lombo dun mozo, golpeado polas porras © Óscar Pinal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.