Foi un dos debates máis duros da campaña electoral. O desprazamento "irregular" de 400 millóns de euros en facturas na Xunta do exercicio económico de 2010 a 2011, recollido no informe do Consello de Contas que tamén reflicte a inxección de 15 millóns de euros públicos nos medios de comunicación, irritou sobremaneira os dirixentes do PP, a comezar polo actual presidente en funcións do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Tras negar inicialmente a existencia de tal informe, Feijóo aclararía máis tarde que se trataba dun "anteproxecto" aínda pendente de alegacións ao tempo que negaba categoricamente a existencia de desprazamento ningún e, polo tanto, tamén a posibilidade de que os datos de déficit público estivesen falseados. Este xoves, pasadas as eleccións, o dirixente popular admitiu esa práctica non entre 2010 e 2011, senón entre 2009 e 2010 e por importe de 80 millóns de euros.
Foi a preguntas da prensa sobre outro informe do propio Consello de Contas, o correspondente a 2009, este si xa tramitado na súa integridade e ao que a Xunta non presentou alegación ningunha. Tras as negativas rotundas a este tipo de prácticas contables durante a campaña Feijóo sinala agora que nese "tipo de cuestións de peche de exercicios sempre hai desprazamentos de facturas". E cando as cifras detectadas polo Consello de Contas "son contías que a Xunta acepta, non fai alegacións e cando non as acepta, fai alegacións". Neste caso, evidencia, "se non fixo alegacións" ante a advertencia de 80 millóns traspasados dun ano a outro "será porque está de acordo" en que si houbo traslado de pagamentos, como tamén os houbo, admite agora, "de 2008 a 2009, do 9 ao 10 ou do 10 ao 11". Pero isto, asegura, non quere dicir que o nivel de cumprimento de déficit varíe, xa que "está supervisado polo órgano competente", que é a Intervención Xeral do Estado.
"Se non se fixo alegacións será porque está de acordo", evidencia Feijóo
Fronte a este recoñecemento do movemento de facturas de 2009 a 2010 Feijóo segue rexeitando o dos 400 millóns do ano seguinte. "Non sei se é a quinta vez que teño ocasión de explicalo, vou tentar facer un esforzo", expuxo ante os xornalistas. "O informe ao que vostede se refire non existe", sentenza ao ser cuestionado, para, a continuación, referirse a el como "un traballo do Consello de Contas" que "sinala unhas contías que van ser alegadas, sen ningunha dúbida". Neste sentido, o presidente en funcións sementa a dúbida sobre o documento instruído polo que fora conselleiro de Economía de Manuel Fraga, José Antonio Orza: "Nos gustaría saber como pechou o exercicio para facer comparacións homoxéneas", di, abondando ademais que "nese informe, que eu non coñezo" pero do que di ter información a través da Consellería de Facenda, "tamén se di que de contabilidade hai desprazamentos que se poden neutralizar dun ano a outro".
O recoñecemento de Feijóo sobre o deprazamento de 2009 e as novas dúbidas sobre 2010 chegaban tras un Consello no que o Goberno en funcións autorizou a remisión ao órgano fiscalizador das súas contas de 2011. Sobre ese exercicio, e como tamén fixera durante toda a campaña electoral, Feijóo insiste en que o 1,6% de déficit público está "certificado" polo Goberno central grazas a que el e o seu gabinete están a "xestionar con realismo", sen facer previsións de ingresos "por riba do razoadamente admisible". Só deste xeito, di, recuperando novamente o Executivo bipartito, "non nos atopamos o que atopamos nos anos 2008 e 2009, cunha débeda de máis de 2.000 millóns de euros que agora temos que pagar ano a ano -a débeda pública era de algo máis de 3.000 millóns de euros ao comezo da lexislatura 2009-2012 e pechouse con preto de 8.000-".