A catro días do inicio da novena lexislatura autonómica os grupos que forman o Parlamento de Galicia poñen en marcha a súa maquinaria interna, adaptando a engranaxe aos resultados electorais do 21 de outubro. Mentres no PP Alberto Núñez Feijóo se dispón a realizar unha rolda de "consultas" para designar a persoa titular da Presidencia do lexislativo na oposición o BNG mantiña este luns a primeira xuntanza do seu grupo con Francisco Jorquera á fronte. Os nacionalistas tiveron sobre a mesa a organización interna dos seus sete membros e tamén as posibilidades que terán de participar nos órganos reitores da Cámara, toda vez que neste período serán a cuarta forza política por número de escanos. O "obxectivo" é "que se respecte o pluralismo real" e iso, di Jorquera, debe comezar por que todos os grupos poidan participar nas instancias directivas da institución, aínda que iso implique rotacións entre o Bloque e a terceira forza, Alternativa Galega de Esquerda.
Despois de que, en pasadas lexislaturas, a aplicación da cortesía parlamentaria permitise que na Mesa do Parlamento sentasen todas as forzas dunha Cámara tripartita, desta volta a transposición mecánica do resultado electoral permitiríalles a PP e PSdeG repartírense os postos -presidencia, vicepresidencia primeira e secretaría para os populares e vicepresidencia segunda e vicesecretaría para os socialistas-, deixando fóra a AGE e ao propio Bloque. Mentres dende o grupo que lidera Xosé Manuel Beiras xa se alerta da posibilidade de que "os partidos do sistema -en referencia a PP e PSdeG- culminen esta operación, o BNG tentará que, cando menos temporalmente, os catro grupos teñan representación na Mesa.
Jorquera sinala que o BNG non ser arrogará unha "exclusividade" do nacionalismo "da que non o dotaron as urnas"
Neste contexto o BNG vén de dirixirlles unha carta aos restantes grupos para "iniciar conversas de cara a explorar a posibilidade de chegar a acordos". "Estamos dispostos a dialogar, sen propostas pechadas", di Jorquera, de cara a un eventual debate cara ao que formula dúas "posibilidades". Unha, que semella menos realizable, implicaría que o PP cedese un dos seus tres postos, "renunciando a trasladar a maioría absoluta á composición das mesas" do Parlamento e das comisións, con dous membros do PP e un de cada forza da oposición. "Se se obstinan en trasladar a maioría absoluta", a aposta do BNG será por unha Mesa con tres membros do PP, un do PSdeG "e un quinto a repartir entre AGE e o BNG, de xeito directamente proporcional" ao resultado electoral de cadaquén.
Esta proposta, afirma Jorquera, "non está pensada unicamente en función dos intereses do BNG, por lexítimos que sexan", senón que "busca garantir que todos os grupos teñan presenza na Mesa" e está "avalada pola nosa práctica", xa que, afirma, "cando o BNG, coa forza dos seus votos, a capacidade de excluír outros grupos, nunca o practicou". Neste sentido, o voceiro do Bloque admite que "os resultados das eleccións demostran que hai un cambio de situación" e agora no Parlamento haberá "dous referentes do nacionalismo, o BNG con sete deputados e Anova con catro". O BNG, di, non se arrogará "unha exclusividade da que non o dotaron as urnas", nun contexto no que, na súa opinión, "todos os nacionalistas debemos facer unha lectura negativa", porque o nacionalismo pasou "de 12 -os deputados que o Bloque tiña na lexislatura pasada- a 11". "Debe ser importante para todos os nacionalistas tirar conclusións que permitan modificar a tendencia" e, para iso, conclúe, "é imprescindíbel respectar o nacionalismo na súa pluralidade".
Francisco Jorquera | Voceiro. Defensa da democracia e soberanía, asuntos económicos vinculados ao emprego. |
---|---|
Ana Pontón | Vicevoceira. Cultura, lingua, territorio e medio ambiente |
Carlos Aymerich | Vicevoceiro. Facenda e orzamentos, sanidade. |
Cosme Pombo | Educación, universidades, vivenda. |
Tereixa Paz | Medio Rural, institucional, administración, xustiza e interior. |
Carme Adán | Turismo, industria, turismo, igualdade e servizos sociais. |
Montse Prado | Pesca e marisqueo, emprego, comercio. |