Todos os deputados galegos do PSdeG e BNG en Madrid aproban; no PP, só un terzo

Congreso dos deputados CC-BY Epaminondas Pantulis

Ao contrario do que ocorre co Senado, os debates e traballos realizados no Congreso dos Deputados son noticia diariamente. Sen dúbida, esa maior atención social ten algo a ver no diferente desempeño que se rexistra entre os representantes galegos nunha e noutra cámara. Así, mentres no Senado só aproban claramente dous (con algunha xenerosidade, poderíamos falar de no máximo catro) dun total de dezanove, no Congreso a metade aproba e mesmo abundan as avaliacións moi positivas entre deputados e deputadas das tres forzas políticas que deteñen a nosa representación. A seguir preséntase unha breve análise dos datos, que foron obtidos da web do propio Congreso e proporcionan unha avaliación fundamentalmente cuantitativa, sen entrar a valorar o sentido do traballo realizado en termos políticos.

A oposición (PSdeG e BNG)

O primeiro dato que chama a atención é que todos os deputados e deputadas do PSdeG e do BNG logran o aprobado, aínda que no caso de Francisco Caamaño de maneira moi axustada. Conxuntamente, os oito deputados e deputadas da oposición responden por máis do 80% da actividade galega no Congreso, a pesar de que son menos do 35% da delegación do noso país.

As mellores notas corresponden ao BNG, que conta coa única deputada que atinxe a matrícula de honra, Olaia Fernández Davila, cun nivel de traballo moi destacado en todos os apartados. Tamén un sobresaliente Francisco Jorquera –que deixou o escano recentemente para ser candidato á Presidencia da Xunta– e a súa substituta Rosana Pérez saen ben parados na avaliación, aínda que no caso de Rosana os datos son aínda moi escasos para establecer valoracións definitivas. Polo PSdeG, as mellores notas corresponden a Laura Seara (sobresaliente) e a José Blanco e Miguel Cortizo (notable). De feito, José Blanco é o máis activo en termos totais, aínda que resulta penalizado polo feito de que a inmensa maioría das súas intervencións son preguntas escritas, mais carece de actividade case por completo en todos os demais aspectos. Un chanzo máis abaixo, tamén Guillermo Meijón e Carmela Silva obteñen un aprobado folgado.

A maioría de goberno (PP)

Entre os deputados e deputadas galegos do PP, hai de todo, mais no xeral a avaliación media deixa bastante a desexar. A pesar de ocupar dous terzos dos escanos correspondentes á representación galega en Madrid, só executan un 20% escaso do traballo, o que se traduce en que só un de cada tres deputados do PP aproba. Con moita diferenza, a mellor avaliación corresponde a Ana Pastor (sobresaliente), que mesmo sentando no banco azul se pasa máis polo Congreso que moitos dos seus compañeiros de partido con dedicación exclusiva ao posto. Bastante máis atrás atopamos os aprobados de Joaquín García Díez, Antonio Erias, Marta González Vázquez e Ana Belén Vázquez, este último moi xustiño. 

Cada deputado do PP realizou ao longo dos últimos once meses unha media de 21 intervencións, que equivalen a un 10% do traballo dos deputados do BNG ou a un 15% dos do PSdeG. Iso explica a baixa avaliación media do PP, que fica claramente no suspenso (0,7), fronte ao case notable do PSdeG (2,5) e ao sobresaliente do BNG (4,0). Paz Lago e Telmo Martín (ambos, representantes do PP por Pontevedra) comparten a vergoña de seren os deputados máis inactivos ao longo deste primeiro ano de lexislatura que está a piques de se completar.

Lonxevidade política e igualdade de xénero

O Congreso dos Deputados está lonxe de ser un cemiterio de elefantes como o Senado ou o Parlamento Europeo, destinos habituais de políticos en idade de prexubilación e/ou degradados polos seus respectivos partidos, mais mesmo así non está exento da lacra da profesionalización da política. Actualmente, tras a retirada ao comezo do mandato de Arsenio Fernández de Mesa (PP – A Coruña), que ía pola súa séptima lexislatura consecutiva, o decano dos deputados galegos é José Blanco (PSdeG – Lugo), que está no seu 5º mandato. Ségueno no ranking de lonxevidade no Congreso os populares Ana Pastor, Celso Delgado e Ana Belén Vázquez, que van polo 4º mandato consecutivo. No 3º encóntranse Antonio Erias e Joaquín García Díez (PP) e mais Olaia Fernández Davila (BNG).

A eles habería que engadir outros casos de representantes políticos que, mesmo non repetindo mandato ou facéndoo pola primeira vez, veñen dunha longa traxectoria de ocupación de cargos públicos, como poden ser os casos dos deputados populares Telmo Martín, Joaquín García Díez ou Antonio Erias, todos eles vindos da política municipal urbana; ben como dos socialistas Miguel Cortizo e Carmela Silva, ambos con dilatadas traxectorias ás súas costas. 

A boa noticia é que si hai unha tendencia á equidade de xénero, xa que dos 25 deputados galegos (incluídos Arsenio Fernández de Mesa e Francisco Jorquera, que causaron baixa ao longo do que levamos de mandato), o 44% son mulleres. E, por certo, non hai diferenzas entre o rendemento deles e delas, xa que tanto nun caso como no outro son tan frecuentes as boas avaliacións como as ruíns. Unha vez máis, como en todos os estudos anteriores, constátase que o que fai a diferenza non é o xénero, senón o feito de pertencer a un partido con menos representantes, que está na oposición e que considera as institucións como centros de debate político e non como simples lugares de votación.

Media de actividades desenvolvidas polos deputados e deputadas de PP, PSdeG e BNG nos últimos once meses CC-BY-NC Filipe Diez
Congreso dos deputados CC-BY Epaminondas Pantulis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.