A primeira controversia da lexislatura está servida e non afecta ao Goberno nin a Feijóo. Como moito, só roza colateralmente ao PP. Como todo semellaba indicar, a irrupción de Alternativa Galega de Esquerda como terceira forza do Parlamento de Galicia -nove escanos- vén de mudar o habitual modelo de acordos para distribuír os postos na Cámara, a comezar polo seu principal órgano reitor, a Mesa. Tradicionalmente, en escenarios con maioría absoluta dos populares e tres grupos parlamentarios, a segunda forza -xa fose PSdeG ou BNG- renunciaba a aplicar mecanicamente o resultado electoral e ocupaba un só asento dos cinco dispoñibles, cedendo outro á terceira forza. Desta volta non é posible reproducir ese esquema de maneira idéntica e os socialistas veñen de tentar despexar cara á bancada do PP a pelota que as eleccións deixaron no seu tellado.
Vinte e catro horas despois de que o BNG apostase por que a "pluralidade" da Cámara ficase reflectida tamén na Mesa o socialista Abel Losada -voceiro na pasada lexislatura e, previsiblemente, tamén no inicio desta- fixaba posición apostando por unha soa das dúas opcións expostas polo nacionalista Francisco Jorquera, isto é, que os conservadores renuncien á súa maioría no organismo ocupando dous e non tres postos. "Nós entendemos o concepto de pluralidade como totalizados: ou é ou non é", di Losada e, "para que exista" esa pluralidade, "os catro grupos deberían estar na Mesa". "Se hai unha decisión por parte de quen ten a maioría de abrirse a esa pluralidade e permitir que os catro grupos estean, polos socialistas non vai quedar", asegura.
Os socialistas xustifican que a "pluralidade é ou non é" e abren a porta a que AGE e BNG fiquen fóra se o PP non renuncia á maioría na Mesa
"Ante as informacións que circulan por aí" o parlamentario electo polo PSdeG rexeita a existencia de "pactos con ninguén -en referencia ao PP-" para "botar a ninguén da Mesa do Parlamento". Isto, di, "convén que o teñan claro os cidadáns". Así as cousas, que acontecerá se, como é máis que probable, os populares non renuncian á súa maioría? Das verbas de Losada cabe deducir que aplicará sen variacións o único que "hai", di, que é "a vontade popular nas urnas para elixir os representantes". Deste xeito, a Mesa estaría composta por tres representantes do PP e dous do PSdeG.
Aínda que sen avanzala con claridade total, esta semella a intención dada a explicación "en termos históricos" ofrecida este mércores polo voceiro socialista ante a prensa. Cando no Parlamento houbo tres grupos -aconteceu en cinco ocasións-, "en catro lexisalturas o PSdeG cedeulle un posto ao BNG e, nunha ocasión, o BNG cedeulle un posto ao PSdeG". "Houbo dúas lexislaturas con máis de tres grupos" e, neste caso, lembra, os socialistas "ocuparon os dous postos que lles correspondía", aínda que isto implicou, por exemplo, que un grupo como Coalición Galega, con 11 deputados de 71, "quedou fóra" da Mesa. "A historia importa", enfatiza.
Neste escenario, o que non aclara o PSdeG é se estaría disposto a asumir a proposta dun posto rotatorio lanzada polo BNG. Este, di, é "un tema que non aconteceu" e, polo tanto, explica, a Executiva socialista pronunciarase sobre o particular se frutifica un acordo entre Bloque e AGE. A postura do grupo encabezado por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz coñecerase este mesmo martes, na súa primeira comparecencia ante a prensa no Parlamento, prevista para media tarde.